O Real Club Náutico Rodeira xa está listo para mergullarse no verán co seu renovado Campamento Náutico, unha proposta coa que quere mostrar o seu firme compromiso coa conciliación das familias do Morrazo nun intre na que parece ser máis necesario que nunca e grazas á que os máis cativos da casa poderán disfrutar dunha morea de actividades náuticas así como de obradoiros de artesanía ou excursións a praias e parques.

Piragüismo, kaiak polo, windsurf ou vela son só así algúns dos atractivos que o campamento porá sobre a taboa nesta temporada estival, con grupos máis reducidos para garantizar o distanciamento social e a seguridade dos nenos e nenas participantes. Unha medida á que se suman os protocolos de hixiene e protección de portos deportivos así como das distintas federacións, e que implican unha profunda desinfección das instalacións e embarcarcións do clube para á tranquilidade das familias.

O campamento, cun horario de 10.00 a 14.00 horas e destinado a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos empadroados na comarca do Morrazo, empezará o próximo luns 29 de xuño e poderá contratarse por quincenas ata o 31 de agosto a un prezo de cen euros por quincena. A diversión para os máis cativos está así garantizada no Morrazo un verán máis grazas ao Campamento Náutico Rodeira, onde, os nenos e nenas poderán gozar a paixón polo deporte e a vida saudable ou a creatividade.

Tamén no marco da crise sanitaria provocada pola pandemia Covid-19, a entidade náutica de Cangas do Morrazo quere agradecer e ó tempo facilitar a labor dos profesionais da primeira liña cun desconto de ata o 50% para os fillos e fillas dos sanitarios, membros das Forzas e Corpos de Seguridade e persoal de supermercados e praza de abastos empadroados en Cangas durante a primeira quincena de Xullo. As inscricións poden realizarse no teléfono 671 660 105 ou en cursos@nauticorodeira.com.

Cursos de verán 2020 para todas a idades

Doutra banda, O Real Club Náutico Rodeira ofertará tamén unha ambiciosa proposta de actividades para todas as idades este verán a través dos Cursos de Verán 2020, que incluirán na súa oferta catro modalidades deportivas de competición -piragüismo, vela, kaiak polo e windsurf- e tamén de ocio, como as rutas guiadas para grupos de paddle surf, entre outros. Todos os cursos impartiranse ata o 31 de agosto e entre os requisitos para poder inscribirse nalgunha das actividades sobresae a necesidade de saber nadar.

Para calquera dúbida o Náutico Rodeira ten a disposición dos interesados a oficina do Porto Deportivo de Cangas, o 671 660 105 ou a dirección cursos@nauticorodeira.com.

Unha ampla oferta de actividades e propostas para os amantes da náutica coa que O Real Club Náutico Rodeira retoma así a normalidade tras dous meses de peche obrigado das súas instalacións, un periodo no que, malia todo, supo manterse activo na medida do posible a través de ferramentas on-line, que permitiron continuar co adestramento do alumnado de vela e mesmo organizar regatas virtuais nas que chegaron a superarse os 50 inscritos.