Inclusividade, ensino democrático e plural e valores de tolerancia e solidariedade definen a actividade diaria no IES Ribeira Do Louro de O Porriño, onde se preparan xa para o vindeiro curso 2020-21 cunha oferta educativa diversa e flexible nas áreas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato nas modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais, ESA (Educación Secundaria para adultos) e dous cursos de Ensinanzas Básicas Iniciais, ademais dos ciclos de Formación Profesional nas familias de electrónica e electricidade, administrativo e comercio internacional.

Un eido, este último, con múltiples ventaxas para a inclusión laboral do alumnado: "Consideramos que os ciclos de Formación Profesional son unha boa elección para a mocidade, tanto pola diversidade de opcións de escolla que teñen, como pola inmediatez para acceder ao mundo laboral. Os estudos de FP proporcionan ao alumnado unha cualificación específica profesional que facilitan o acceso ao mercado laboral, menguando así as cifras de paro xuvenil e dotando as empresas de persoal especializado. Esta formación combina os estudos no instituto cunha fase práctica nas empresas", explica Victorino García Fernández, xefe de estudos do centro, en continuo contacto coas empresas dos polígonos industriais de A Granxa e As Gándaras, o que favorece a acollida deste alumnado para a fase práctica: "É cada vez máis habitual que o alumnado, unha vez remata a fase práctica e obten o título correspondente, sexa requerido pola empresa para facerlle un contrato de traballo", engade García, que remarca tamén como cada vez máis estase a potenciar o ensino en inglés nas familias profesionais de administrativo e comercio internacional.

Ademais dos ciclos medios de Instalación de Comunicacións e Xestión Administrativo e os cliclos siuperiores de Administración e Finanzas, Comercio Internacional, e a Formación Profesional Básica en Electrónica e Electricidade e Servizos comerciais, O IES Ribeira Do Louro incorporará como novidade para o próximo curso o 1º de Ciclo Medio de Xestión Administrativa e 1º de Ciclo Superior de Administración e Finanzas na modalidade plurilingüe e continuará, ademais, a xa iniciada no presente curso para o 1º de Ciclo Superior de Comercio Internacional.

Para inscribirse en calquera destes ciclos do IES Ribeira Do Louro, os interesados terán que facer unha reserva de praza na última semana deste mes de xuño, e despois formalizar a matrícula a mediados de xullo.

Aposta pola innovación e proxectos internacionais

O Proxecto Educativo do IES Ribeira do Louro constrúese tendo en conta a diversidade do alumnado; sobre os piares da inclusividade e dun ensino democrático e plural no que os valores de tolerancia e solidariedade estean reflectidos en todos os aspectos da aprendizaxe. Os departamentos educativos traballan de xeito coordinado apostando por unha educación transversal e innovadora, avanzando tamén na competencia dixital do alumnado cara a adaptación e superación dos novos retos tecnolóxicos. O horario de nocturno, de 17:00 a 22:00 horas, só para persoas adultas, ten un valor social engadido e ofrece a posibilidade de iniciar e completar a formación a aquelas persoas traballadoras á que nunca poderían acceder nun horario ordinario.

Un centro que se diferencia tamén pola súa decidida aposta pola innovación. Precisamente, esta semana saiu aprobada a inclusión do IES no Proxecto EDIXGAL, para os cursos de 1º e 2º de ESO: "Trátase dun novo reto metodolóxico polo que o alumnado substituirá o tradicional libro de texto por un ordenador individual co que terá acceso a contidos didácticos máis atractivos e poderá seguir o proceso educativo de xeito máis interactivo", valoran dende o centro.

O Ribeira do Louro é colaborador e promotor dende o ano 1996 de proxectos europeos como aposta polo enriquecemento cultural do seu alumnado. Entre as colaboracións aprobadas nos anos 2018 e 2019 e que continúan a se desenvolver no curso 2019-20, cunha duración de entre dous ou tres anos, destacan:

  • Living Rivers. O obxectivo deste proxecto é concienciar, mellorar habilidades e competencias e impulsar iniciativas para acadar ríos máis sostibles e sans a través do desenvolvemento e difusión de recursos e ferramentas que se basean na investigación científica. O IES Ribeira do Louro participa conxuntamente con asociacións e universidades de Portugal, Rumanía e Turquía.
  • Flipped Impact. O principal obxectivo do proxecto é planificar, aplicar e avaliar o impacto da Aprendizaxe Flipped como ferramenta para a eficacia do ensino en colaboración coas escolas K-12 e universidades en Flipped de Romanía, Paises Baixos Lituania e Turquía.
  • Trasnational Collaboration on Bullying, Migration and Integration at School Level - Trives. O principal desafío e obxectivo desta acción é avanzar na colaboración entre as partes interesadas para asegurar a integración no ámbito escolar, reducir a intimidación e mellorar a seguridade e o benestar dos estudantes migrantes e refuxiados.
  • Careforest. Ten como obxectivo a sensibilización e o coidado dos bosques para a protección dos ecosistemas locais e globais da vida humana. Colaboran neste proxecto asociacións e universidades de Noruega, Portugal e Romanía

Actividades extraescolares, unha peza clave da formación integral

Na liña de transversalidade, pluralismo e apertura do centro a outras institucións verquida no Proxecto Educativo de Centro e na Programación xeral Anual, O IES Ribeira do Louro aposta tamén por unha formación integral do alumnado na que as actividades extraescolares están presentes como complemento indispensable.

Un claro exemplo neste eido é a estreita relación que o centro desenvolve co teatro. Así é: O IES Ribeira do Louro conta dous grupos de teatro estables que fan representacións para o alumnado do centro e para as familias e manteñen contactos con outras agrupacións doutros institutos. Anualmente edítase ademais a revista Cadernos de Teatro que recolle información sobres as obras representadas, entrevistas a colaboradores e outras información de interese. Complétase a actividade teatral coa actividade "As mulleres na historia", un grupo de alumnas que encarnan e representan diante dos seus compañeiros personaxes de mulleres relevantes dándollle a visibilidade que noutrora a historia lles negou.

Ademais, o centro organiza conxuntamente coa Editorial Galaxia e o Concello de O Porriño os Premios Vidal Bolaño de Teatro Profesional, a través do cal varios autores teñen a oportunidade de dar a coñecer as súas creacións. O obra gañadora ten a recompensa da súa publicación ademais dun incentivo económico. Colaboran tamén con redes internacionais como Amnistía Internacional: o alumnado do IES participa con esta entidade nos concursos de microrrelatos que organiza anualmente, acadando sempre un notable recoñecemento.

Na mesma liña, o centro participa en certames como: Olimpíada de xeoloxía, Obradoiro de matemáticas na rúa, Concentración de agrupacións corais escolares, o certame educación en valores que organiza a Deputación de Pontevedra, o concurso Proxecto Nacional de Economía ou o "Young Bussiness Talents", para o alumnado de economía de 2º de Bacharelato, entre outros.

Únese a todo isto, a actividade de promoción e dinamización da lingua galega: ruada rosaliana, participación no correlingua, edición anual da revista Órbita así como as múltiples saídas educativas entre as que destacan: actividades de espeleoloxía no Courel, roteiros organizados polos departamentos das linguas e de bioloxía, visitas ao museo de o Prado, asistencia a concertos e musicais, etc.

Actividades, todas elas, que se viron interrumpidas no presente curso polos efectos da Covid-19 e a implantación do estado de alarma. "No ánimo da Comunidade Educativa deste centro está darlle continuidade a todas elas toda vez que a situación sanitaria o permita", explican dende O IES, que nestos meses fixo importantes esforzos para permanecer ao carón dos seus alumnos.

Profesorado e alumnado, unidos frente a Covid-19

"Tendo sempre claro que a educación presencial é realmente a educación necesaria e imprescindible para a formación integral do alumno que emana da relación interpersoal continuada e da reprocidade no intercambio de experiencias e emocións alumno - profesor; a nova situación fixo que dende o primeiro momento cambiara esa relación e tivéramos que adaptarnos ao teletraballo. Os primeiros movementos foron establecer unha plataforma áxil de conexión co alumnado e dotar a aqueles alumnos e alumnas sen recursos dun ordenador e un router de conexión. Para isto contamos, ademais de cos recursos propios do centro, coa colaboración do concello e doutros centros educativos de O Porriño e tamén cos medios facilitados pola Consellería de Educación", relata así Victorino García, que valora "a implicación total do profesorado para animar e motivar aos alumnos, procurando a axuda e complicidade coas familias" así como a "resposta admirable da gran maioría do alumnado"

Para saber máis: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesribeiralouro/