A aposta pola innovación e o dinamismo no campo educativo é unha constante na cooperativa de ensino canguesa Colexio Eduardo Pondal, inmersa actualmente en múltiples proxectos nos que valores como o coidado do medio ou a cooperación e convivencia con outros países e culturas son fundamentais.

Un bo exemplo é a súa participación, o pasado xaneiro, no 'XXII Encontro Internacional de xóvenes científicos das escolas asociadas a Unesco', celebrado en Santarem, Portugal, coa participación de outras quince escolas e onde os alumnos de Bioloxía de 4º da ESO presentaron o seu propio proxecto no marco de 'A loita contra a desertificación: O gran desafío para os xóvenes', temática da xornada.

Antes, o pasado outubro, unha alumna de 3º da ESO do centro e a súa mestra xa viaxaron a Viena para participar nun obradoiro sobre o patrimonio inmaterial cultural de cada país e no que recibiron formación para implantar un proxecto curricular no centro. Os resultados presentáronse recentemente en Rotterdam, cidade escollida para poñer en común o traballo realizado e as experiencias levadas a cabo polos centros de cada país.

Por outra banda, o colexio aposta tamén por educar e concienciar os seus alumnos sobre o coidado do medio ambiente mediante a súa participación en iniciativas como 'Recreos, residuos cero', auspiciada por Teachers for Future Spain para que os centros aminoren os residuos xerados no recreo e implicar así a comunidade educativa na redución da pegada ambiental.

Finalmente, o Colexio Eduardo Pondal está implicado tamén no programa de compostaxe escolar da Consellería de Medio Ambiente desde o seu módulo de Horta, e no que participan outros 24 centros de educación primaria que, coma eles, contan con servizo de comedor e horta escolar, unha actividade pioneira para impulsar a recollida separada da fracción orgánica no marco dos ODS 2030 e na que non podía faltar a cooperativa de ensimo canguesa.