De músicos e instrumentos, de estrelas de cine, de froitas, de cavernícolas e futuristas, de seguridade viaria e tráfico e incluso representando aos 17 Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS). Son algunhas das temáticas que se puideron ver no desfile de Entroido do Porriño do que participaron un total de 16 comparsas, 5 delas infantís, integradas por unhas 1.200 persoas, non só veciñas da vila senón tamén chegadas doutros municipios lindeiros, e entre as cales o Concello reparteu preto de 14.000 euros en premios á participación.

A deste martes foi a segunda vez que desfilen tras a multitudinaria cita do sábado que deu comezo xa ao mediodía coa lectura do pregón por parte dos xogadores do tradicional Xogo da Ola, que este ano chegou á súa setenta e sete edición. Numerosas persoas, ao igual que os xigantes e cabezudos e a música de charanga, quedáronse para seguir a festa na Praza Arquitecto Antonio Palacios e foron partícipes do Xantar do Entroido.

O broche final destes días de troula chegará hoxe, a partir das 17.00 horas, co velorio da sardiña que este ano farase na Praza Arquitecto Antonio Palacios de onde sairá a comitiva fúnebre para desfilar por Domingo Bueno, San Sebastián, Manuel Rodríguez e Ramón González para volver a diante do Concello onde terá lugar a lectura do testamento e posterior acompañamento, ao compás da Banda Municipal do Porriño, ata a Ponte do Valo, sobre o río Louro, onde se procederá a súa incineración.

Xornadas gastronómicas

Como novidade este ano na vila do Louro organízanse unas xornadas gastronómicas con degustación de produtos típicos do entroido como lacón, cacheira, orellas ou filloas nunha vintena de establecementos hostaleiros do casco urbano, que ofrecen un pincho polo prezo dun euro. Comezaron xa o pasado día 15 e prolongaranse ata o 14 de marzo, os venres e sábados, a partir das 19.00 horas

Os locais participantes na iniciativa son La de Evi, Saspi, Paso a Nivel, Argentino 2, Adéle, Segredos, Millenium 33, Cólleo con pinzas, La de Chato, A Francachela, El Patio, Pantera Rosa, Maloserá, Sol, Adega de Montero, Maracaibo, Mesón Mondariz, La Cueva e Cafetería O Porriño.

PROGRAMA DE ENTROIDO - HOXE MÉRCORES

Velorio da sardiña. Ás 17.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Enterro da sardiña. Ás 19.00 horas amenizado co espectáculo Errantes, de Troula Animación, e desfile da comitiva fúnebre polas rúas da vila.

Lectura do testamento e acompañamento da sardiña ao río Louro.

Da Praza Arquitecto Antonio Palacios ata a Ponte do Valo coa Banda Municipal do Porriño.