O pasado venres comezou en Salceda de Caselas o seu entroido “tres en un”, como así o definiu a propia alcaldesa Loli Castiñeira. Ese día desfilaron 1.200 nenos de 0 a 16 anos de diferentes centros escolares, o domingo tivo lugar o tradicional desfile de carrozas e comparsas e, como broche de ouro, o martes de Entroido, festividade local, os barrios da Feira e Castro Barreiro escenificarán a súa rivalidade.

Precisamente esta loita sa entre A Feira e Castro Barreiro fai de Salceda unha localidade que acolle un dos entroidos máis antigos da provincia, pois a primeira proba documental data do ano 1888.

Un enfrontamento centenario, sen gañador oficial, que leva parello moito segredo e discreción, aínda que nos últimos anos dende ámbalas dúas bandas aseguran “hai filtracións e chivatazos”. E é que a temática da carroza e comparsa gárdase con moita suspicacia dende que xurde a idea ata o propio momento de dirixirse ao centro da vila para desfilar. Do mesmo xeito, ata poucos días antes non se sabe nada das orquestras que amenizarán as verbenas, a outra gran competición por ver que barrio contrata as mellores.

Foi o xoves á noitiña cando representantes dos dous barrios se citaron no cruceiro da Fontedapedra para intercambiarse os carteis. Na Feira tocarán La Oca e Aramio o luns, Capitol o martes e Garibaldi o sábado da queima do “castriño”; e en Castro Barreiro farano Charlestong Big Band e o grupo América o luns e o martes terán un espectáculo de cinco horas continuadas coa orquestra La Fórmula. E coa presentación da programación fanse públicos xa tamén os sainetes cómicos, unha boa mostra desa rivalidade e pique existente.

Dende os dous barrios coinciden en que traballan sen descanso todo o ano, “pois aínda que sobre novembro decidimos a temática para poñernos en Nadal a traballar na creación da carroza e demais, dende o momento que remata o Entroido xa estamos organizando actividades, vendendo rifas…todo co obxectivo de recadar fondos”, explica Félix Méndez da Feira. Alí son preto de medio millar de veciños e case todos participan dun ou doutro xeito nesta cita anual. Máis dun cento integran a comparsa, ao igual que en Castro Barreiro, onde “somos moitos menos habitantes”, asegura Arancha Rodríguez, pero non por iso a calidade do espectáculo final é inferior, senón todo o contrario, as ansias de competición latexan ata o último momento, cando se ven as caras na Praza do Concello durante o recital.

Avatar, Sargadelos, Xogo de tronos ou Rusia foron as últimas temáticas da Feira; súper heroes-Marvel, Marte, as redes sociais e Charlie e a fábrica de chocolate as de Castro Barreiro. Agora teremos que esperar ao martes pola tarde para ver este derbi entroideiro e descubrir o maior segredo gardado por estes dous barrios salcedenses, aínda que os rumores chegaron xa a ambos bandos.

PROGRAMA DE ENTROIDO

LUNS 24

Verbenas. Na Feira orquestas La Oca e Aramio. En Castro Barreiro Charlestong Big Band e o grupo América.

MARTES 25

Presentación das carrozas e comparsas da Feira e Castro Barreiro. Ás 17.00 horas na Praza do Concello e ás 19.00 horas no cruceiro da Fontedapedra.

Verbenas. Na Feira Garibaldi. En Castro Barreiro La Fórmula.