Inaugurado no ano 1992, o IES Ribeira do Louro é un referente na área educativa e cultural de O Porriño. Está situado á beira do río que lle dá nome, na parroquia de Torneiros, e é precisamente esta ubicación no extrarradio da vila o que lle concede ese valor de pluralidade sobre o que se constrúe o seu proxecto educativo. O amplo abano de ensinanzas que se imparten, a flexibilidade horaria (diúrno e nocturno) e a inclusión dos diversos sectores sociais da bisbarra no proceso educativo son os seus principais compoñentes.

O centro comezou sendo un instituto de Formación Profesional e ao longo dos anos foi adaptándose aos distintos marcos educativos ata chegar a ser o que é hoxe: un centro que incorpora todas as modalidades de ensino secundario e formación profesional: Educación Secundaria Obrigatoria (ESO); Educación Secundaria para Adultos (ESA) en horario nocturno; Bacharelato nas modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais; e Formación Profesional.

Neste eido, imparte os ciclos de Servizos Comerciais e Electricidade e Electrónica da Formación Profesional Básica; os ciclos medios de Instalación de Comunicacións e Xestión Administrativa; e os ciclos superiores de Comercio Internacional, Administración e Finanzas e Mantemento de Equipos Electrónicos (Modalidade FP Dual).

Así mesmo, ofrece Ensinanzas Básicas Iniciais para persoas adultas, en horario nocturno; clases de acompañamento fóra do horario escolar ordinario para alumnado de ESO (PROA); e probas libres para a obtención do título de ESO destinadas a persoas adultas.

Internacionalización do centro

O Ribeira do Louro é colaborador e promotor dende o ano 1996 de proxectos europeos a través dos que se realizan diversas mobilidades. Deste xeito, ao longo destes anos, alumnado do ciclo superior de comercio internacional e profesorado do centro tiveron a oportunidade de viaxar e participar en actividades de formación en países asiáticos como China, India, Tailandia ou Camboia, e europeos como Romanía, Bosnia ou Albania. Do mesmo xeito, as aulas do instituto acolleron un importante número de alumnado destes países. Este proceso está cimentado nun marco de colaboración do instituto coas universidades de Elbasan Alexsandër Xhuvani (Albania), CEPS Center For Business Kiseljak e LOGOS Centre de Mostar (Bosnia Herzegovina) e Paññasastra University of Cambodia (Camboia).

O alumnado do IES Ribeira do Louro experimenta así un importante enriquecemento cultural ao estar inmerso na vida universitaria destes países.

O estudantado de ESO e Bacharelato tamén participa activamente nos seguintes Programas Erasmus plus no marco de Proxectos de Asociacións Estratéxicas:

  • Euco2Cean STS (modelos educativos STS para transmitir á sociedade o reto do cambio global no Océano).
  • Europeans for Fair Trade (Europeos no Comercio Xusto).
  • LIVINGRIVER - Caring and protecting the life and culture around rivers and streams.
  • Flipped Impact.
  • BKSTONE "Higher Education-Enterprise platform for fostering, modernisation and sustainable growth in natural stone industry in Western Balkans".
  • CareForest - Taking care of forest for protecting local and global ecosystems and human life.

No marco de colaboración co Concello de O Porriño, o instituto participa así mesmo dende o curso 2017-18 nun intercambio de alumnado con A Fronsadais, na rexión de Burdeos (Francia) e actualmente estase a traballar na incorporación dun novo intercambio con Croacia.

Por outra banda, o centro está inscrito na Rede Internacional de Centros de Climántica, e nos primeiros días de setembro, unha representación de estudantes de 1º de ESO que cursan esta materia desprazáronse a Aveiro (Portugal) para participar conxuntamente con alumnado doutros países en actividades para a defensa do cambio climático.

O Ribeira do Louro pertence así mesmo á Rede de Centros de Amnistía Internacional. A educación en valores, a sensibilidade fronte ás actitudes que atentan contra os dereitos humanos e a inclusividade son piares fundamentais nos que se sustenta o actual proxecto educativo. En consecuencia, o centro colabora con esta Rede elaborando vídeos, promovendo campañas e participando en diversos certames literarios nos que os traballos do alumnado son recoñecidos ano tras ano.

Actividades complementarias e extraescolares

A transversalidade no proceso educativo global e a atención ás potencialidades artísticas do alumnado xustifican cumpridamente a realización de actividades extraescolares que responden ao seu interese e fortalecen a súa formación persoal e académica. No presente curso escolar 2019-2020 realizaranse as seguintes: Club de Lectura (para alumnado e adultos, aberto ás familias), dous grupos de teatro, olimpíada de xeoloxía, canto coral, ruada rosaliana, dramatización "as mulleres na historia", as matemáticas na rúa, espeleoloxía no Courel e un importante número de saídas promovidas polos distintos departamentos educativos: museos (no pasado curso o alumnado de Humanidades tivo a oportunidade de visitar os principais museos de Roma e Madrid), concertos, conferencias, exposicións, festivais, roteiros, obradoiros de matemáticas€estas saídas complétanse coa viaxe fin de etapa para o alumnado de 4º de ESO, que cada ano visita unha emblemática cidade europea, como por exemplo Budapest, que foi a elixida o curso pasado.

Xa cun carácter máis lúdico, todo o alumnado de ESO e bacharelato participa nas xornadas festivas de índole popular establecidas polo centro (Magosto, Entroido) e, como colofón, unha Xornada de Convivencia ao remate do curso escolar.

Conmemoracións

Outro dos obxectivos primordiais do Ribeira do Louro é achegar o centro á sociedade, saír do marco da aula e participar masivamente daquelas conmemoracións encamiñadas a espertar a sensibilidade do alumnado ante a inxustiza, a desigualdade e a progresiva perda da nosa lingua. Estas conmemoracións, por orde cronolóxica de celebración anual, son as seguintes: Día Mundial contra a Violencia de Xénero, Día Mundial pola Paz, Día Mundial dos Dereitos Humanos, Día Internacional sobre o Autismo, Día Internacional da Muller Traballadora, Día do Libro, Día de Rosalía, Día do Pobo Xitano e semana das Letras Galegas.

O alumnado do centro participa tamén en eventos e concursos, o que se convirte nun elemento de motivación e cohesión. Por esta razón, os responsables do centro apostan por acudir a estas citas que espertan un enorme interese polos estudantes ao tempo que lles dan unha notable proxección ao centro. Do curso anterior pódense destacar as seguintes:

  • X Olimpíada de xeoloxía
  • Proxecto Helsinki (Afondamento nos dereitos humanos)
  • VIII encontro musical de Galicia.
  • Concurso 150 Aniversario da táboa periódica.
  • Certame Internacional de Economía "Young Business Talents" (Madrid)
  • Concurso de microrrelatos de Amnistía Internacional
  • Congreso de Internacional de Centros de Climántica
  • Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño en colaboración co Concello de O Porriño e a Editorial Galaxia.
  • Congreso e campus xuvenil internacional de climántica XIX

Xornadas de portas abertas

Ao IES Ribeira do Louro chega alumnado de varios centros adscritos, por iso consideran fundamental trasladar ás familias a información necesaria e ao alumnado que reciben unha acollida amable. Así, o centro organiza xornadas de portas abertas nas que os pais, nais e os propios alumnos son citados con antelación para visitar as instalacións, coñecer de primeira man a oferta educativa e os demais servizos que presta o centro. Ademais, tamén se convida as familias a distintos eventos artísticos organizados ao longo do curso: representacións de teatro, exposición dos traballos de plástica, actividades musicais, xornada de gradación de alumnado de 2º de bacharelato.

Noutra orde de cousas e seguindo con esta liña de apertura, o centro segue a liña pedagóxica de ofrecemento e difusión das actividades artísticas citadas anteriormente á comunidade exterior máis próxima. Así, os grupos de teatro, música e biblioteca colaboran con outros centros e institucións do barrio levando alí representacións teatrais, recitais poéticos e lecturas na modalidade de acompañamento ao alumnado de infantil e primaria.