As naves xa están fondeadas no porto da Guarda á espera de que comece o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de GaliciaXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Dende mañá, 11 de xullo, ata o domingo 14, os asistentes poderán contemplar o conxunto de tradicións non só marítimas senón tamén fluviais da zona, xunto co patrimonio galaico-portugués, de enorme riqueza histórica e descoñecido para moitos.

Actuacións musicais, obradoiros, exposicións, gastronomía e navegacións -tamén inclusivas para que as persoas con discapacidade poidan gozar do evento- conforman a atractiva oferta da celebración organizada por Culturmar, a Asociación Piueiro, o Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Traslado das embarcacións

Aínda que o programa oficial se inaugura mañá, a aventura comezou fai xa días coa saída dos barcos dos seus portos de orixe. Por primeira vez, boa parte deles -os do norte, que partiron de Muros- tiveron que realizar unha travesía en mar aberto para aproximarse ao escenario da celebración.

A viaxe marítima, de preto de seis horas de duración, congregou a bordo das embarcacións a un total de 120 persoas e contou cun escolta de excepción: o remolcador Sebastián Ocampo, da Consellería do Mar. En total foron 22 millas, navegando a velocidade reducida e cunha grata sorpresa á altura de Oia, xa que alí esperábanlles numerosos barcos da Guarda, que lles acompañaron no último tramo da viaxe. Na vila, as embarcacións permanecen fondeadas, tal e como se facía historicamente, en lugar de amarradas a peiraos e pantaláns. Así mesmo, toda a frota está disposta de tal forma que é posible a súa visión na súa totalidade desde calquera punto da enseada.

Un dos protagonistas do encontro, no que participan embarcacións de toda Galicia, Portugal, Cantabria, País Vasco e Irlanda, é o volanteiro recuperado pola Asociación Piueiro. No seu traslado dende o estaleiro A Pasaxe ata o porto guardés, ao que asistiron expectantes veciños e visitantes, investíronse nove horas e foi necesario un dispositivo de máis de 20 persoas, tres guindastres, un tráiler, dous elevadores e a colaboración do Concello para conseguir que esta embarcación tradicional, que se cría perdida, volvese á vida.

O volanteiro presidirá o Encontro aínda que non poderá participar na exhibición xa que falta culminar o proceso de " calafatear", é dicir, pechar as xuntas de madeira con brea.

Un feixe de concertos

A música é parte esencial do programa do Encontro, e os concertos nocturnos inclúen diferentes actuacións musicais para todo tipo de público, de tal forma que desde os amantes da música folk aos máis rockeiros teñan a oportunidade de gozar do directo de máis dunha ducia de grupos e artistas.

O protagonista da primeira noite musical é o coñecido cantautor guardés Tino Baz, que ten previsto estrear o disco de homenaxe a Rosalía de Castro "Se cantan es ti que cantas". O artista ofrecerá varias sorpresas ao longo da súa actuación e contará en varios temas coa participación de Cantares do Brueiro, o grupo formado por 35 persoas de todas as idades que xurdiu dun obradoiro de música tradicional galega que dirixe o propio Baz,.

Outra das artistas locais, tamén con proxección internacional, que participará no programa musical será a gaiteira Nadia Vázquez, gañadora en 2018 do Concurso Solista de Cornamusa do Festival Le Son Continu, en Francia. A primeira muller en lograr o prezado galardón no certame de música tradicional galo estará secundada o venres no escenario por outros dous instrumentistas.

Tamén o venres, a Banda de Música da Guarda acompañará á intérprete María do Ceo, recoñecida cantante e compositora portuguesa. Afincada desde hai anos en Galicia, paseou os fados por medio mundo, desde Alemaña a Exipto, pasando por Francia, Alxeria, Arxentina ou Uruguai, ademais de ofrecer frecuentes concertos en España e Portugal.

Xurxo Souto e o Orfeón Mariñeiro do Berbés traerán á noite guardesa do sábado un repertorio de temática mariñeira, mentres que Andrea Pousa poñerá a nota melódica cos temas do seu primeiro disco en solitario, "Respirar".

Estes son algúns dos grupos e artistas que amenizarán musicalmente o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que contará así mesmo con diversas actuacións de bandas de rock locais.

Ademais de música, o Encontro ten programado un monllo de actividades para toda a familia: exposicións, obradoiros, gastronomía, artesanía local... que farán do evento algo inesquecíbel.