Cangas acolle esta fin de semana a 14ª edición da Feira de oportunidades do Morrazo, que se volverá instalar nas inmediacións do Concello e os Xardíns do Sinal o sábado 13 e o domingo 14, en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 23.00 horas. O evento organizado por Fecimo, que xa está consolidado na vila como un dos que marcan a apertura do verán na comarca, promete non defraudar a ningunha das persoas que se acheguen na procura de auténticas gangas.

29 expositores do comercio local de Cangas, Bueu e Moaña participan este ano ofertando importantes descontos que poden chegar ata o 70% en moda para home e muller; zapatería e complementos; moda infantil; deportes; informática; beleza ou florería e decoración.

En moda para home e muller, os establecementos participantes son 7 Fresas; Atrezzo; Axeito; Blondie by Noe; Calzados Torre Vella; Imagen Complementos;Lencería Mercería Irelba; Lencería Glamour; Mimá Zapatos; Nöetta; Óptica Studio; Oxford Boutique; + Q Curvas; Ricón de Po; Tiendas Colors e Vento Diverso.

En moda infantil, estarán presentes 7 Colores; AleAli Zapatería Infantil e Xuvenil; Badum Badero; Caprichos de Mamá; Nene´s Moda; O Zapato Chispón e Xoaniña.

Deportes Oliver e Nº1 en Zapatillas baleirarán o seu stock deportivo; Informática y Tecnología Logos e Tecnosat estarán presentes co seu stock tecnolóxico; e para o fogar e decoración poderemos acudir a Entorno-4 Decoración.

A carpa de mil metros cadrados e distribuída en forma de T sitúase, como ven sendo habitual, nos Xardíns do Sinal (Alameda Nova). A súa excelente ubicación e a intensa campaña publicitaria desenvolvida por Fecimo fan prever unha excelente asistencia de públicio.

Sorteo de agasallos e cheques de compra

No evento, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Cangas e Abanca, Fecimo sorteará centos de agasallos entre os clientes que fagan compras, así como 1.000 euros en cheques de compra que poderán ser trocados na mesma Feira para gastar nos expositores. Este sorteo realizarase mediante os coñecidos 'rascas', que permitirán que os clientes saiban no momento se resultaron premiados.