Nunha sociedade que prioriza a formación tecnolóxica sobre a humanística, os graos universitarios "de letras" reivindican a súa relevancia. É o caso de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, unha das titulacións da Universidade de Vigo que se atopa actualmente en proceso de reforma para renovar a súa faciana e converterse, así, nunha alternativa máis atractiva para as mozas e os mozos.

O obxectivo primeiro destes estudos é proporcionar formación lingüística e literaria de galego e español. Porén, a singularidade do grao non se cingue a estes contidos e, grazas á metodoloxía modular, o alumnado pode especializarse nas áreas do seu interese. Estes módulos, que se ofertan nos dous últimos cursos e se implantan dependendo da demanda, abranguen eidos coma a escrita creativa ou os estudos lusófonos, entre outros.

Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo. (Foto: Alba Villar).

"Nós queremos formar profesionais con capacidade para dar respostas ás necesidades do mercado actual, especialmente no que atinxe ás destrezas comunicativas, orais e escritas, en galego e en español pero tamén en lingua portuguesa", afirma Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo e profesora de escrita creativa en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

-Cales son esas necesidades do mercado actual das que me fala?

Hai pouco, dando unha charla nun cole, preguntei que querían ser de maiores e moitos dos rapaces e rapazas responderon que youtubers, non coma unha forma de ocio senón coma unha actividade profesional. Facendo unha lectura positiva deste cambio social, podemos atopar aí unha fortaleza para o grao de Ciencias da Linguaxe, que é o grande interese que hai en comunicar por parte dos máis novos.

Outra das demandas é, por suposto, a de profesorado de Educación Secundaria. Neste eido, nós queremos proporcionar ao alumnado unha perspectiva crítica, unha nova forma de ver o mundo e de entender a aprendizaxe, para que no momento histórico no que estamos, na realidade social na que vivimos, sexan quen de favorecer ese cambio necesario no sistema educativo no que ten que ver co ensino da lingua e da literatura.

Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo. (Foto: Alba Villar).

-Que outras saídas poden ter os graduados?

O ensino do español como lingua extranxeira; a elaboración de contidos dixitais; a asesoría lingüística de institucións, empresas, partidos políticos... Tamén poden conseguir traballo en editoriais ou mesmo na traducción de textos galego-español / español-galego.

-Tendo todo esto en conta, a quen lle recomenda matricularse neste grao?

A toda esa xente que ten vocación de comunicar e, en particular, a aqueles que teñan interese polas linguas e a literatura. Persoas ás que lles gusta ler, que gozan escribindo e, por suposto, aquelas que teñen vocación docente.

Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo. (Foto: Alba Villar).

-E por que deberían elixir Vigo?

Primeiro polo equipo docente, moi valorado polo propio alumnado, e as dotacións fantásticas coas que contamos (laboratorios de idiomas, aulas de informática perfectamente equipadas...). E logo pola nosa ubicación xeográfica absolutamente privilexiada, ao lado de Portugal.

Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo. (Foto: Alba Villar).