05 de diciembre de 2018
05.12.2018
CONTENIDO PATROCINADO

As augas mineromedicinais, fonte de riqueza para Galicia

05.12.2018 | 09:57
As augas mineromedicinais, fonte de riqueza para Galicia

Galicia é un territorio privilexiado pola riqueza e diversidade das súas augas minerais e termais, e onde o emprego deste recurso mineiro ten unha ampla tradición. Hoxe en día podemos presumir de que Galicia representa o primeiro destino termal de España grazas a factores coma os programas de termalismo social do IMSERSO, a colaboración público-privada entre as empresas e a Xunta de Galicia, e o desenvolvemento pola Consellería de Industria, competente en materia de minaría, dunha normativa sectorial que garante o correcto emprego do recurso.
 
A xeoloxía do territorio está estreitamente relacionada coa localización e características das nosas augas minerais e termais. Galicia encádrase no Dominio Hidromineral Hercínico, no cal tras unha profunda análise da xeoloxía, hidroxeoloxía e hidroquímica levada a cabo polo IGME (Instituto Geológico y Minero de España), definíronse 10 subdominios hidrominerais, que presentan unha notable diversidade.
 
A auga mineromedicinal galega destaca pola singularidade na súa composición mineral e pola súa orixe subterránea, aportando indubidables beneficios para a saúde da poboación. Nos balnearios a base dos tratamentos está no uso destas augas, constituídas por unha solución de elementos minerais que lles proporcionan unha serie de propiedades. En función do seu contido en minerais, cada tipo de auga mineral exerce unha acción distinta sobre o organismo. As nosas augas están especialmente indicadas para o tratamento de doenzas crónicas de carácter reumatolóxico, respiratorio e dermatolóxico.

 
Recentemente, a Universidade de Santiago de Compostela publicou o "I Vademécum das Augas Mineromedicinais de Galicia", que contén unha completa información sobre a composición, tipo e propiedades terapéuticas das augas minerais dos balnearios galegos, e que se pode descargar da web www.balneariosdegalicia.gal.
 

Balnearios e desenvolvemento sostible

Os balnearios, como empresas explotadoras do recurso, están a favorecer o desenvolvemento de comarcas do interior de Galicia, na súa maioría zonas rurais con tendencias similares: despoboación, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario.
 
Os balnearios galegos representan ademais un modelo de empresa sostible, posto que traballan para garantir o futuro do recurso, melloran a calidade de vida dos seus usuarios e contribúen a fixar poboación por medio da xeración de emprego. Dinamizan social e economicamente os territorios nos que se asentan. 

A Asociación de Balnearios de Galicia: 18 balnearios, 3.000 prazas hoteleiras e 1.200 traballadores

A Asociación de Balnearios de Galicia constituíuse en 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Actualmente está integrada por un total de 18 balnearios: Carballo e Compostela (Brión) na provincia da Coruña; Oca Augas Santas e Lugo-Termas Romanas en Lugo; Arnoia Caldaria, Baños de Molgas, Laias Caldaria, Lobios Caldaria, O Carballiño e Caldas de Partoviaen Ourense; e Acuña, Dávila, Termas de Cuntis, Baños da Brea, Caldelas de Tui, Eurostars Isla de La Toja, Eurostars Gran Hotel La Toja e Mondariz en Pontevedra.
 
O conxunto destes balnearios oferta preto de 3.000 prazas hoteleiras e suma ao redor de 1.200 traballadores. Cómpre salientar ademais que estas empresas están en máis do 80% en mans de capital galego.
 

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook