Entrevista | Goretti Sanmartín Candidata do BNG á Alcaldía de Santiago

“Santiago tivo experiencias de gobernos de coalición que funcionaron moi ben”

“Temos que dar comezo a unha nova etapa”, sinala a que pode converterse na primeira alcaldesa da historia da capital galega tras un resultado “absolutamente espectacular”

Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín. / Jesús Prieto

Arturo Reboyras

Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) comezará esta semana as negociacións co PSdeG e Compostela Aberta para conformar un goberno de coalición na capital de Galicia. A candidata do BNG compostelán anunciou onte –acompañada dos outros cinco concelleiros electos do BNG (Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César Vila e Iago Lestegás)– que mañá mesmo reunirase cos socialistas, sen estar claro aínda quen actuará como interlocutor; e o venres farao con María Rozas, no marco dun proceso negociador que quere que sexa “transparente e participado”. Ten como principal obxectivo a configuración dun tripartito para gobernar Santiago os próximos catro anos. “Temos que dar comezo a unha nova etapa”, declara, que di sentirse “abrumada pola cantidade de felicitacións que estamos a recibir na rúa” tras converterse o Bloque na primeira forza do eixo de esquerdas, e ela na primeira alcaldesa que ten Santiago.

–Séntese gañadora destas eleccións municipais por enriba da victoria do Partido Popular?

Si, por suposto que nos sentimos gañadores. O BNG, pero tamén eu como candidata á Alcaldía. En primeiro lugar porque, independentemente de que o PP fose a forza máis votada, tamén dixo durante a campaña que se presentaban para ter 13 concelleiros, e non foi así. Por outro lado, eu creo que os resultados do BNG son históricos: triplicamos a representación e estivemos a piques de conseguir unha sétima acta en detrimento do PP. Pero tamén hai que dicir que sumadas as tres forzas, BNG, en primeiro lugar, o PSOE e Compostela Aberta, temos 8.000 votos máis que o PP. Polo tanto, a vontade do conxunto da población está clara: quere que haxa en Santiago un goberno transformador, liderado neste caso por unha muller feminista e nacionalista que goberne para o conxunto da sociedade. E quere que haxa consenso, diálogo e, dentro da diversidade, un executivo sólido, único, estábel e amplo. Por suposto que me sinto gañadora e creo que o BNG ten un resultado absolutamente espectacular.

–Todo apunta a que vai ser a primeira alcaldesa da historia de Santiago. En que cre que cambiaría a cidade nos próximos 4 anos?

A cidade vai cambiar primeiro porque vai haber unha transformación urbana moi potente, porque imos desenvolver políticas centradas nas persoas e no seu coidado, porque imos traballar cunha serie de premisas que son a procura da transversalidade, da sustentabilidade, do feminismo, da accesibilidade, de conseguir que non haxa discriminación de ningún tipo nos barrios ou no rural, e polo tanto que se garantan os servizos públicos de calidade ao conxunto da poboación. Temos o deseño, o modelo de cidade e de concello a medio e longo prazo. Nestes 4 anos desenvolveremos políticas que consigan recuperar uns bos servizos públicos, que consigan avanzar cara un modelo moito máis verde, facer un cambio en todo o que fragmenta a cidade, para conseguir cohesionar os barrios e o territorio.

–Esta semana comeza a negociación do goberno de coalición, cre que será doado chegar a un acordo co PSOE e o CA logo dun mandato tan marcado polas discrepancias?

Penso que vai haber unha responsabilidade importante e clara por parte de todos os grupos, co BNG liderando este proceso, pero tamén do Partido Socialista e de Compostela Aberta. Houbo xa experiencias no pasado onde forzas políticas distintas chegaron a acordos e desenvolveron gobernos que funcionaron moi ben no propio Concello de Santiago. Eu creo que o que hai que definir claramente son os eixos fundamentais, os proxectos máis grandes que quere desenvolver ese goberno. Seguro que vai haber responsabilidade e xenerosidade. Eu son unha persoa de ideas firmes, pero ao mesmo tempo de moito diálogo, de consenso, de acordos. Non me cabe a menor dúbida de que vai haber un acordo para ter un goberno transformador en Santiago nos próximos catro anos.

–Contactou xa con María Rozas, pero tamén coa número 2 do PSdeG, Mercedes Rosón. Ten algunha predilección por que sexa ela quen faga de interlocutora neste proceso?

Así como no caso de Compostela Aberta parece que está claro que a interlocución é a través de María Rozas, no caso do PSOE é o propio partido quen ten que dictaminar quen é a persoa ou persoas que o representan. En todo caso, unha vez que Xosé Sánchez Bugallo nos trasladou que non ía tomar posesión na Corporación, o lóxico é falar coa número 2. A partir da reunión de mañá saberemos quenes son as persoas que exercen ese papel en representación do Partido Socialista.

—A regulación dos pisos turísticos tivo un alto custo para o goberno saínte. Cal será a súa posición?

Este é un momento no que temos que falar co conxunto das forzas políticas que van constituír este goberno transformador e ditaminar aí cales son as grandes líneas de cada un dos temas relevantes que temos enriba da mesa. En todo caso, a posición respecto das vivendas de uso turístico por parte do BNG está clara. Apostamos por regulalas e limitalas porque entendemos que intensifican os problemas existentes neste momento: acaban expulsando poboación do noso territorio.

—Como vai conxugar a súa aposta polas políticas encamiñadas á veciñanza coa realidade de Santiago como destino turístico?

A prioridade será conseguir calidade de vida para a veciñanza que vive en Compostela. Esa calidade de vida significa dereito de descanso, servizos públicos de calidade, que a xente que vive na cidade histórica teña servizos básicos garantidos, boas políticas de insonorización, eficiencia enerxética nas súas vivendas, garantir que aquí exista poboación. Todo iso ten que estar combinado e conseguir un equilibrio coa cantidade de xente de fóra que quere vir visitar e coñecer Santiago.

—A Operación Peleteiro está paralizada. No caso de que se materialice o goberno de coalición liderado polo BNG, chegará pronto a solución para o vello edificio?

Desde logo que si. Non só o creo, senón que ese é un dos temas que consideramos prioritarios. É unha parcela fundamental de todo o Ensanche e o desenvolvemento urbanístico vai ser inmediato. Non podemos seguir deixando que aquelo sexa un criadeiro de ratas. Os tres grupos do goberno teremos que ver cales son as solucións que se poñen enriba da mesa, pero nós apostamos por unha prioridade, que é conseguir que o Estado, a Sareb, ceda ao propio Concello a parcela para ir sen ningún tipo de condicionante sobre a súa edificabilidade e que se poda facer vivenda de protección oficial; e tamén promover dotacións socioculturais e unha praza pública.

—Santiago é capital de Galicia. Como será a súa relación coa Xunta?

Unha relación de colaboración, de procura de acordos, de reclamar que a Xunta de Galicia cumpra con Santiago naquelas cuestións que son da súa competencia. Entendemos que as administracións non están para pasarse a pelota, senón para buscar solucións aos problemas que ten o conxunto da veciñanza.

—Cre que Santiago ten que ofrecer algo máis á súa Universidade?

Pois si, creo que Santiago como Concello debe crear moitas máis sinerxias coa Universidade. Temos que conseguir que entre a Universidade e o Concello haxa programas importantes relacionados coa innovación, investigación e o retorno do talento emigrado, da cantidade de mocidade formada na Universidade que ao final se tivo que buscar un emprego noutros lugares.

—Cal será a partir de agora a súa relación coa Igrexa?

Pois tamén unha relación de concordia, de diálogo, de colaboración. Hai un montón de espazos de colaboración, máis alá do respecto polas crenzas e polo desenvolvemento das actividades que fai a propia Igrexa, que son de moito interese. Así que, en liñas xerais, manteremos un espírito de colaboración, de consenso e de acordos.

—Participará, por exemplo, na Ofrenda do 25 de xullo?

En cuestións dese tipo creo que nestes momentos nos debemos de entrar e temos que agardar a ver cal é o acordo que hai entre os tres grupos que van conformar o goberno; aí veremos alguhas cuestións que son de modelo de cidade e outras que son de representación institucional; e ao mesmo tempo tamén teremos que escoitar e reflexionar desde dentro da propia organización.