-Nos seus discursos insiste na "prohibición" de impartir matemáticas en galego. Como explica que En Marea apoiase no Congreso que Ciudadanos presidise a comisión de cultura?

-En 2005, o Parlamento galego aprobou por unanimidade designar a Fraga como senador. Hai acordos globais no Parlamento español que levan a unha asignación de postos como no 2005.

-Falando de Fraga, compáreo con Feijóo.

-Teñen en común non terse preocupado polo autogoberno de Galicia Sepáraos que sabemos de moitísimos máis casos de corrupción de Feijóo.

-Está garantida a cohesión interna de En Marea?

-Máis que a de Feijóo e Baltar.

-Beiras culpou a Podemos Galicia de ser un "factor de distorsión" no nacemento de En Marea.

-Doce días de diferenza entre a asamblea e o acordo non dan para que se vexa unha distorsión.

-Beiras tamén dixo en FARO que Iglesias ameazou a Podemos Galicia con non facer campaña contra Xulio Ferreiro e el mesmo.

-Como vas facela contra quen compartes un ideario?

-Temeu que non se chegase a un acordo con eles?

-Non.

-Canto vai estar na política?

-Din os estatutos que oito anos de presidente, así que oito. Non teño pensado estar toda a vida. Volverei ao meu posto de traballo.

-AGE opúxose á reforma da Lei do Solo que o resto de partidos pactaron para evitar o bloqueo urbanístico de Vigo. Que solucións aporta?

-En política hai que facer as cousas rápido e facelas ben. Non caiben atallos que resten participación pública. Resulta sorprendente que unha reforma que resta autonomía local fose saudada desde certos ámbitos locais. Se non se fai ben volverá a haber sentenzas como as que houbo e pagaremos todos.

-Como evitarán a deslocalización de empresas cara Portugal?

-Con apoio aos clústers e un banco de parcelas industriais. E tamén liñas de apoio económico.