A campaña trasládalle á candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, unha sensación de "remontada" nos resultados do vindeiro 25 de setembro. Prenséntanse como unha alternativa nacionalista, pero con medidas para a maioría dos galegos e cun inimigo único: o Partido Popular.

-En vista dos resultados das eleccións xerais, a que cre que se deba a perda de votantes do BNG?

-Xa o analizamos no seu momento. Agora estamos nunhas eleccións distintas onde o que percibo é que hai moitas persoas decepcionadas co que está pasando na política estatal, que ven como o PSOE e tamén Podemos lles dicían que o máis importante era botar a Mariano Rajoy e resulta que lle regalaron unha vida extra porque usaron as súas esperanzas para a súa particular guerra. Ven como o señor Rajoy simboliza máis do mesmo e coa súa participación non van poder cambiar as cousas. A esas persoas o que lle digo é que teñen a oportunidade de facer algo diferente confiando nas propias forzas do país, apoiando ao BNG, que é quen lle está disputando a maioría ao PP.

-Nunha sociedade na que a maioría dos galegos din que non se senten nacionalistas, por que votar ao BNG e non a En Marea?

-O nacionalismo é unha alternativa para todos. Para as maiorías sociais defendemos un programa para poñerlle fin aos recortes na sanidade, educación, nos dereitos sociais, rescatar a democracia... Ademais, confía nas posibilidades do país porque cremos que Galiza é rica e ten capacidade e potencialidade. O que temos é que frear o espolio que se leva producindo. O espolio enerxético, de como estamos perdendo cada ano milleiros de millóns de euros por unha tarifa, que é unha decisión política herdada do franquismo. Igual que pasa noutros países como Alemaña, nós, como produtores, temos dereito a ter unha tarifa máis baixa. Os beneficios das eléctricas non deben servir para pagar xubilacións douradas ou para as portas xiratorias, senón para desenvolver Galiza. Ou poñerlle freo ao espolio do noso aforro. Quince mil millóns de euros todos os anos estanse utilizando para desenvolver outros países e mentres aquí temos as pequenas empresas afogadas ou pagando créditos con xuros abusivos. A proposta do BNG é unha alternativa sólida, definida, solvente e con ambición de país.

-Se hai goberno de cambio, o Bloque entraría dentro ou o apoiaría dende fóra?

-Nós temos unha alternativa e van ser os galegos e galegas os que decidan o papel que vai ter o BNG. O que teñen garantido é que o que nunca vai facer o Bloque é a irresponsabilidade dos partidos estatais, que cando os cidadáns derrotaron co seu voto ao PP eles resucitaron a Mariano Rajoy. Nós somos a garantía de que iso non vai pasar con Feijóo.

-Cales serían as súas esixencias en caso dun goberno de cambio?

-Son os cidadáns que teñen que decidir o goberno. O que estamos a ofrecer é unha alternativa nacionalista, definida e solvente.Se a partir do 25 de setembro Feijóo perde a maioría absoluta, falaremos de pactos, pero este é o momento no que o que temos que dicir aos galegos é que ninguén se quede na casa, que todos os que están a pensar que con Feijóo, as políticas da dereita, as imposicións da Unión Europea imos cara atrás, é o momento de dar un paso cara adiante.

-Se son chave dese goberno, farían un referendo ao estilo de Cataluña?

-O pobo galego existe e ten o dereito a decidir. Representamos unha alternativa que está convencida que canto máis poder político teñamos os galegos moito mellor para nós de cara ao futuro. Quen teñen que decidir o que queremos ser, como queremos estar e que instrumentos de poder político queremos ter son os galegos.

-Por que aos políticos lles custa tanto dicir si ou non?

-Porque na vida cres que todo é branco ou negro?

-No goberno de bipartito houbo moitas tensións entre o PSdeG e o Bloque, é unha baza que Feijóo usa moita para advertir do caos dun goberno de coalición fronte a súa fortaleza. Como garanten a estabilidade?

-Neste país tivemos un goberno con maioría absoluta do PP e houbo cinco deputados populares metidos nun piso chantaxeando ao presidente que era Fraga. Eu son dunha cidade como é Santiago de Compostela onde o PP, con maioría absoluta, tivo en catro anos tres alcaldes e dous pasando polo banquillo de acusados. Os gobernos máis inestables que houbo neste país foron os do PP marcados pola corrupción. Pero sobre todo a maior inestabilidade que hai en Galiza é a das melliras de familias que non chegan a fin de mes. Eu pregúntome como Feijóo pode dicir sen poñerse vermello que Galiza chega a final de mes cando a metade dos galegos e galegas non o fan? O que é un desastre é o goberno que nos deixa Feijóo.

-A principios de ano, na Asamblea do partido, falaron da refundación do Bloque. Para cando e como van recuperar a posición de líderes da esquerda?

-Moita xente nesta campaña dime que acabamos de facer a refundación necesaria porque ven un BNG con optimismo e pulso. Utilizamos sempre a autocrítica e penso que a xente valora que recoñezamos os erros. Estamos nunha etapa diferente que é clave para poder mellorar a vida da xente. A min non me preocupan nin unhas siglas nin un partido; a min preocúpame cal é o día a día dos galegos. Vexo moitas mulleres que non poden desenvolver os seus soños porque non hai medidas de conciliación, teñen que atender a un dependente, teñen salarios de miseria ou unha xornada inxusta. O meu compromiso é para que todos saiamos adiante. Penso que é o momento das ideas e non das siglas.

-Se o BNG queda sen grupo parlamento, dimitirá?

-Nestas eleccións o BNG está nun proceso de remontada, imos ter moi bo resultado.No Bloque temos unha fortaleza respecto a outras organizacións, que somos democráticos, o que decida a militancia é o que se fai. Sempre vou estar á súa disposición.