Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lucho Solla: un veciño, un gaiteiro, un modelo

O autor adica este artigo ao coñecido músico da parroquia do Hío, que formou parte do grupo Airiños do Monte de San Paio

Lucho Solla cos Airiños do Monte de San Paio. // Cedida pola familia García Campos

A Sabela Solla Simón, neta de Lucho Solla

Lucho estudou na escola desta aldea ata os 14 anos, actividade que compartía a cotío coas duras tarefas da pesca: o xeito, a rapeta ou o boliche, fundamentalmente na Praia de Vilariño. Recorda estar enrolado na embarcación do seu tío José Pardavila. A tripulación estaba formada por doce homes (seis por costado) e dous rapaces na proa. Navegaban ata o arquipélago das Cíes para faenar de noite e poder vender o peixe fresco pola mañá na Ribeira do Berbés, en Vigo. Despois, acostumaban amarrar a embarcación en Liméns para ir camiñando ata Vilariño. Lembra numerosas embarcacións alí fondeadas, entre elas un pequeno motor chamado Carmiña e unha lancha de nome Evaristo.

En 1949, cando tiña catorce anos, trasládase a vivir en Vigo xa que seu pai traballaba nunha compañía de venta de carbón. No 1950 comeza a traballar na empresa Álvarez e faino ata 1963, excepto dous anos (1955/57), tempo no que realizou o servizo militar por Infantería de Marina. Colaborou co Partido Comunista na defensa da clase traballadora e no 1963 foi detido por posuír uns panfletos do citado partido. As súas declaracións ao relatar o acontecido en plena ditadura fan estremecer o corpo. Permaneceu setenta e catro horas na comisaría recibindo un inhumano maltrato físico e psíquico. Despois traballaría na caldeirería naval en Mos, na empresa Talleres y Fundiciones Navales, e faríao ata súa xubilación.

Lavadores e outras parroquias próximas foron berce de grandes gaiteiros. Os Morenos de Lavadores, Os Pichoucos do Casal ou Os Tolíns ( máis tarde Os Alegres de Cabral) son claros exemplos. Despois de cumprir o servizo militar, Lucho mercou súa primeira gaita por unhas 500 pesetas por intermediación do gaiteiro Pucho, un magnífico gaiteiro dos Airiños do Monte de San Paio. Con eles tocou o bombo e tamén o faría cos gaiteiros Os Cuncheiros do Casal sobre o 1960 conxunto moi popular naquel entón. No 1966 outro gaiteiro chamado Pepe "Pan de millo", que tamén tocaba nos Airiños do Monte de San Paio, levouno a tocar co famoso grupo de gaitas Os Cruceiros, con Enrique Otero e Jesús Portela (gaitas), Carlos Conde (caixa), Mauro Román (bombo) e José Iglesias Nieto (pandeireta). Actuaban moito para a consignataria Casa Durán que administraba a chegada de centos de turistas ao porto de Vigo.

En 1971 gravaron un disco en Madrid e en 1972 fundaron o grupo de gaitas Airiños Galegos de San Paio. Actuaron no entroido do Hío no 1975, facéndoo a partir de entón durante 18 anos, tocando en distintas comparsas como as de Vilariño, Liméns ou Donón. Compartiu momentos de auténtico compañeirismo con Anxo Gago "Lito". Participou tamén, tocando en varias ocasións, na ancestral Danza de San Roque no Hío. Apuntamentos sobre as súas raíces.

Se prestamos atención aos seus antergos, debemos salientar o seu avó Avelino Solla Sobral, de profesión canteiro, nacido en 1879/80 na parroquia de san Martiño de Verducido. Era fillo de Francisco Solla e de Juana Sobral. Avelino casou con Carmen Menduíña, veciña da parroquia do Hío e terían, cando menos, a seguinte prole: Juana, José (1903),Inés (1905), Carmen e Daniel Solla Menduíña (1911).

Segundo información oral recollida, este canteiro participou na obra do Instituto Valle-Inclán de Pontevedra, na casa do médico do Hío, obra edificada en 1929, xunto con outros canteiros como Juan Morgade Outón, tamén de Verducido e casado en Vilariño,Daniel Fernandes, Domingo Antonio Mendoça e Albino Alves. Incluso hai quen asegura que chegou a construír a súa propia casa na aldea de Vilanova (O Hío), ademais doutras obras como o acondicionamento de camiños públicos, canastros, pontillóns, etc. Segundo informantes próximos a Avelino Solla, aseguran que acostumaba a entoar cantigas: "Pica canteiriño pica,/ pica na pedra miúda,/ pica na muller allea,/ que outro picará na túa.

Soy de la opinión del cuco,/ pájaro que nunca anida,/ pone el huevo en nido ajeno,/ viene otro y lo cría.

Murmurar, murmuradoras,/ murmurar da vosa vida,/ se miña casa ten lume,/ a vosa xa está ardida.

Avelino Solla finou á idade de 61 anos no 1941. Aseguran que era de complexión forte e de altura considerable, algo que se pode observar nos descendentes de distintas xeracións.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats