Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O inconsciente final de H.J. Barreras

Vista xeral do estaleiro H. J. Barreras. José Lores

Como de seguro lle pasa a moitísima xente de ben, prodúcenme unha fonda mestura de rabia e pena os acontecementos que se deron no esteleiro H. J. Barreras nos últimos anos. Unha morea de situacións nas que a prepotencia e a mala fe causaron danos irreparables á imaxe e a reputación do sector naval.

É, a todas luces necesario, esclarecer xudicialmente o fondo do acontecido, así como depurar as responsabilidades que se determinen. Por un lado de quen, en exclusivo e propio interese, se desprendeu das responsabilidades dunha nefasta xestión, transferindo a propiedade a un fondo de investimento (Pemex –J. García Costas), de quen actuou contra o patrimonio e a actividade da empresa, cancelando os seus propios contratos, e desviando a construcción do buque Evrima a Santander ( Douglas Prothero, Fondo Oaktree, Grupo Mariot), de quen acudiu exclusivamente en rescate de Caixabank, cubrindo o cento por cento da súa participación nas operacións financeiras en Barreras (o organismo público Cesce),de quen avalou a desfeita (Goberno e Xunta), e outros aos que me referirei máis adiante.

Para entender o que pasou en Barreras non se pode deixar de pór o foco nun sistema empresarial, xudicial e económico, que protexe exclusivamente aos poderosos, unha sorte de colonialismo de pillabáns, que extraen recursos de todos para soster os beneficios e os privilexios duns poucos. Neses poucos, aínda que noutro estrato, podemos situar aos que se compincharon estes últimos anos para facer da factoría naval, unha fronteira á dignidade profesional, aos dereitos laborais e á liberdade sindical, nun exercicio absolutamente deshonesto coa traxectoria sindical do esteleiro e co conxunto do sector naval.

Con cada quebra, por chamarlles ás cousas polo seu nome, faise máis insoportable non dispoñer dun certo nivel de resarcimento e reparación. Porque non é o primeiro concurso de acredores que por imprudencia, temeridade, neglixencia ou fraude, como o que nos ocupa, ten arrasado con centos de empregos, de pequenas empresas e de recursos públicos.

No sector precisamos que se reforce a corresponsabilidade do conxunto dos que representan, traballan ou emprenden nel, illando aquelas practicas que erosionan o seu carácter estratéxico. Faise necesario tamén rachar coa dinámica e o consenso instalado de que o mellor é esquecer todo o sucedido, continuando a outra cousa, sen memoria nin conciencia. Dende logo, como traballador e cidadán, non penso deixar de intentar que o conxunto da opinión pública coñeza os feitos, que se investiguen e depuren as múltiples responsabilidades que apuñalaron o corazón mesmo da nosa máis brillante historia colectiva. Polo que solicitamos formalmente, do Xulgado Mercantil, que a calificación do concurso non sexa un mero trámite, que se lle dea curso á fiscalía dos indicios, para que se investiguen e depuren as múltiples responsabilidades no final de Hijos de J. Barreras.

*Delegado de CC OO en Hijos de J. Barreras

Compartir el artículo

stats