Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O necesario é posible

Antes de que o Titanic partira en dous, os pescantes dos vinte botes eran arriados. A maioría pousaron no mar ao cincuenta por cento da súa capacidade e só dous deles regresaron para rescatar a pasaxe que se botaba ao mar. O naufraxio tornaba en traxedia por falta de solidariedade, de respecto e de humanidade.

Convén sermos conscientes da gravidade da situación que afecta a milleiros de familias, aos milleiros de persoas que perden o seu emprego, ás que non o teñen nin o poden atopar nesta situación, ás que lles queren pechar a súa factoría, ás obrigadas a baixar a persiana do seu negocio...

Debemos agruparnos solidariamente porque hoxe o necesario é posible: unha saída distinta desta crise para dispoñer dunha base produtiva sólida, de máis e mellores empregos. Estamos evitando a destrución masiva de postos de traballo e empresas con medidas como os ERTE, os mecanismos públicos de apoio financeiro ou as axudas directas aos sectores máis prexudicados. Débense manter como prioridades absolutas a loita contra a pandemia no seu nivel sanitario e o mantemento dos instrumentos que veñen minimizando o impacto socioeconómico.

Co proceso de vacinación albiscamos a luz ao final do túnel, mais debemos rexeitar con contundencia o comportamento duns poucos egoístas insensibles as necesidades da poboación con mais risco, nin permitir que a avaricia das multinacionais nos chantaxee. A ciencia respondeu a tempo grazas ao esforzo e os inxentes recursos públicos postos a disposición das farmacéuticas, que agora só pensan no seu beneficio.

Loitemos por que os fondos de reconstrución da Unión Europea se distribúan a favor da vida e da dignidade das persoas. Esixamos unha reforma fiscal que permita recadar máis e con máis equidade para financiar con suficiencia a mellora dos nosos servizos e prestacións públicas. Mobilicémonos para corrixir as reformas asociadas á anterior recesión, que impulsaron a desvalorización de dereitos, de salarios, de prestacións de desemprego, do Fogasa, de dependencia…

Dispoñemos, como sociedade, de máis tempo de reacción que a maltreita tripulación do Titanic. Temos meses por diante duros e tráxicos, mais tamén recursos abondos para non deixar a ninguén atrás, para aproveitar ao máximo o equipamento facilitado para organizar o rescate. É tempo de mobilizar e facer presión para impoñer unha saída xusta, solidaria, humanitaria.

*Secretario xeral de CC OO Galicia

Compartir el artículo

stats