O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, pediu a Pymar un "cambio de actitude o máis pronto" posible con respecto a Vulcano, en relación á negativa da sociedade público-privada a concederlle o crédito que precisa o estaleiro para continuar a súa actividade.

Fixo estas declaracións preguntado polo anuncio, este mesmo venres, dunha convocatoria de reunión entre Pymar e responsables de Vulcano para o próximo mércores. "Non esperabamos esta actitude", constatou, pola negación do aval. "Pero se hai un cambio, requiro que sexa rápido", reclamou o conselleiro, quen indicou a urxencia de que o buque que constrúe a compañía "salga adiante".

En rolda de prensa conxunta co director xeral financeiro, José Domínguez e o presidente do comité de empresa, Antonio Fernández Vidal, tras un encontro mantido na sede da consellería, Javier Guerra mostrou unha vez máis o "compromiso" da Xunta co estaleiro e destacou que, nestes momentos, o Goberno galego busca fórmulas xurídicas que permitan "acomodar" unha solución alternativa.

Previamente, en comisión parlamentaria, o conselleiro de Economía e Industria afirmara que, "se hai solución posible para Vulcano, a Xunta soa resolverá o problema" e acusou ao Ministerio de Industria de querer pechar o estaleiro vigués, dentro da reconversión do sector naval.