As primeiras referencias escritas aparecen xa no Codice Calixtino, polo que o rito de balancear o botafumeiro dun lado a outro da catedral compostelá xa podería existir no século XIII. Centurias despois continúa en activo e marabillando aos presentes cando o enorme turibulum magnum -gran botafumeiro- comeza o seu asombroso percorrido pendular fronte ao altar maior. Capaz de alcanzar en só minuto e medio unha velocidade de 68 quilómetros por hora, pesa 53 quilos, é de latón bañado en prata e garda unha longa historia. E o seu voo ao longo do transepto segue admirando a todos.

Un día antes dos fastos do Apóstolo no que foi o último Ano Santo -en 2010, o próximo será en 2021- publicábase o primeiro libro dedicado ao turíbulo.

Editado polo Consello da Cultura Galega e a editorial Hércules, o volume "O Botafumeiro. estudos e evocacións" -en galego e en castelán- desenvolve diversas análises do botafumeiro tanto como elemento material coma en canto obxecto histórico dende as súas orixes medievais. Así, dende o primeiro ambientador do século XIII houbo cinco máis rexistrados: un regalado por Luis XI de Francia, un novo que se fixo en 1499 tras saír despedido o de entón e que durou ata 1622, cando se substituíu por outro e que se roubou durante a invasión francesa en 1809, outro de ferro que se mantivo ata mediados do século XIX, e o actual, de latón prateado e de 53 quilogramos de peso.

O primeiro libro sobre un dos elementos máis populares da catedral compostelá cita algúns dicionarios que recolleron as voces fedello, cirimballo e matafumos como sinónimos de botafumeiro.

A Juan Bautista Celma atribúese en 1602 o sistema de tambores que aínda hoxe segue vixente no cimborrio. O mecanismo xa facía oscilar o invento purificador antes de que Galileo empezase a estudar a física do péndulo.

Aínda que o botafumeiro non se empurra senón que se bombea. A acción lévana a cabo os tiraboleiros, os encargados de tirar das cordas que fan mover o botafumeiro máis grande do mundo.

O enorme pebeteiro, dende o punto de vista físico, é un exemplo de amplificación paramétrica mediante bombeo.

O traballo dos tiradores amplifica a oscilación do botafumeiro ata elevalo a 21 metros de altura nun arco de 65 metros ao longo do transepto dende a porta da Azabachería ata a de Praterías.

Cando pasa ao rentes faino a unha velocidade de 68 quilómetros por hora, deixando tras de si o seu inconfundible ronsel de fume e aroma a incenso. Son en total 17 ciclos de vaivén que admiran a todos os que observan o movemento.

Un elemento purificador e litúrxico que funciona en datas sinaladas

  • Na súa orixe o enorme aparato era necesario como instrumento de purificación dunha catedral na que se apiñaban as multitudes. É a hipótese máis difundida, aínda que probablemente dende sempre a súa función fose litúrxica e solemnizadora.O rito de ver voando o botafumeiro asombrou ao longo dos anos a toda clase de personalidades.Ademaís de datas como a de hoxe, funciona o 6 de xaneiro, o domingo de Resurrección, os día da Ascensión, da Aparición do Apóstolo-Clavijo (23 de mayo), Pentecostés, a Asunción de María ( 15 de agosto), Todos os Santos (1 de novembro), Cristo Rei, Inmaculada Concepción (8 de decembro), Nadal (25 de decembro) e o do traslado dos restos do Apostolo (30 de decembro). Tamén pode funcionar con ocasión de peregrinacións que o solicitasen á Catedral.