A fachada da Catedral de Santiago xa non ten andamios, a falta de quitar un moi pequeno que

se atopa na parte baixa da torre dereita. Dende hai preto de cinco anos, estivo cuberta de teas e ferros, polo que os fogos do Apóstolo, por exemplo, tiveron que ser cambiados ao Pazo de Raxoi nos últimos anos.

Os detalles da fachada da Catedral de Santiago volven ser protagonistas das olladas de todo aquel que pon un pé na praza do Obradoiro, xa sexa peregrino, santiagués ou un turista na búsqueda da mellor fotografía.

As obras continuarán noutros tramos ata o vindeiro ano Xacobeo 2020, pero dende agora xa vestirá co seu mellor traxe na súa fachada principal, a falta de retirar un pequeno andamio que se atopa na parte dereita.

Este ano a Catedral volverá ser a protagonista da noite de Galicia, grazas ao espectáculo de luces e son, sobre as paredes deste templo románico, gótico e barroco.

A súa orixe

A tradición conta que o xerme da cidade de Santiago comeza no ano 43 d.C., cando o Apóstolo Santiago é apresado e martirizado mentres predica en Xerusalén. Baixo o mandato de Herodes, é decapitado e a súa cabeza confíase á Virxe María mentres que o seu corpo emprende unha viaxe que será a orixe da fundación dunha das cidades máis esplendorosas da Europa medieval.

Co desexo de darlle unha sepultura digna, os seus discípulos recólleno e móntano nunha barca de pedra sen guía nin tripulación. Despois de cruzar o Mediterráneo e navegar pola costa atlántica, atracan no porto de Iria Flavia. Alí, a Raíña Lupa permite que se acheguen a unha manada de touros bravos que pacen no monte, após de que os discípulos lle pediran un carro de bois para trasladar os restos á tumba. Os touros non só se deixan amarrar baixo o xugo que os conducirá ao destino, senón que botan a andar sen ser orientados ata o monte Libredón. O sepulcro é custodiado polos pupilos ata o día no que finan e son enterrados xunto aos restos do mestre. Durante séculos, este fito caerá no esquecemento ata que durante unha noite do ano 840, unha luminaria sorprende a un Paio, un eremita que acaba por descubrir un pequeno templo que atesoura o corpo dun dos apóstolos de Cristo. O rei Alfonso II el Casto ordena erixir arredor do sepulcro unha igrexa. Este templo prerrománico é o punto de partida da Catedral de Santiago como centro de peregrinación. No verán do ano 997, o exército de Almanzor chega a Santiago de Compostela, arrasándoa e devastándoa.

As pedras iniciais da gran Catedral Románica que hoxe se coñece colócanse no 1075 co Rei Alfonso VI e o bispo Peláez ao mando e o verdadeiro pulo aparece co Arcebispo Xelmírez no 1100, a cargo do Mestre das Praterías.