Un decreto da Xunta de Galicia publicado o 1 de xaneiro de 1979 no DOG marcou a festividade do Día de Galicia o 25 de xullo, data en que se vén mantendo nos derradeiros 39 anos.

A división política perante o Estatuto pendente de aprobar marcou os primeiros anos da celebración oficial nunha Galicia preautonómica gobernada pola UCD. Conscientes da tensión, os gobernantes facían constantes chamamentos á unidade e tentaban deter as distintas manifestacións convocadas por partidos de esquerdas no casco histórico compostelán.

Durante a década dos setenta, cando o día aínda non era oficial, os actos reivindicativos remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, polo que, recén estreada a democracia, os gobernantes seguiron prohibindo as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e do BNPG. Até mediados dos anos oitenta non se permitiu a manifestación do Día da Patria con normalidade democrática.

O 25 de xullo de 1979, primeira celebración oficial do Día de Galicia, a Xunta decidiu non facer acto público oficial para evitar enfrontamentos.

O entón presidente da Xunta, Xosé Quiroga Suárez, apelaba nesa data á integración, á "vontade de acción de todos nós, embarcada en direccións, aínda que diversificadas, confluíntes nun fin integrador, equilibrado e xusto".

Dous anos antes da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, o máximo mandatario galego solicitaba para Galicia a posibilidade de "se gobernar de seu, naquelas materias culturais, económicas, sociais e políticas que lle son específicas".

Xosé Quiroga Suárez reivindicaba a regularización e normalización do idioma galego e falaba

da "crise actual dun Estado fortemente centralizado que incomprensiblemente ignoraba unha realidade española plural e

diversificada".

O primeiro día oficial de Galicia celebrouse con actos políticos e folclóricos en varios lugares do territorio.

Na capital compostelán, o capitán xeral da Zona Marítima do Cantábrico, José María de la Guardia y Oya, presentaba a ofrenda ao Apóstolo no nome do rei Juan Carlos, mentres que o acto político máis masivo era o dos nacional-populares, que congregaron entre 12.000 e 40.000 manifestantes, segundo as fontes, e no que estivo presente o líder de Herri Batasuna Telesforo Monzón.

"Cientos de banderas gallegas con la estrella de cinco puntas" foron portadas polos manifestantes ao longo de todo o percorrido no que se berraban consignas como "Galicia ceibe, poder popular"; "Soberanía nacional galega"; "Galicia ceibe, sen emigración" ou "Bases constitucionais, estatuto nunca máis". A manifestación de Unidade Galega congregábase na Praza da Universidade de Santiago coa participación dunhas catro mil persoas.

Nunha atmósfera tensa e chea de nerviosismo, según a crónica de entón, desenvolveuse a xornada do Día de Galicia en Santiago de Compostela en 1980. Unha vez máis a manifestación de BNPG e PSG era a que concentraba un maior número de persoas (60.000 para os organizadores, 8.000 para o goberno civil e 15.000 para os periodistas que cubrían a información).

Os manifestantes decidiron variar o itinerario autorizado para o acto e entrar nas rúas do casco monumental, onde forzas da Policía Nacional provistas de material antidisturbios tiveron que actuar para impedir o avance dos asistentes ao acto político. Houbo outras dúas manifestacións tamén vixiadas pola policía: a do POG e a da LCR e o MACG, ámbalas dúas en contra do "estatuto da UCD". O control policial foi potente.

Durante a víspera do Día de Galicia as estradas de acceso a Compostela estaban vixiadas e o propio día da celebración, a capital de Galicia ameneceu cunha forte presenza de forzas de seguridade do Estado. O avance en silencio dos manifestantes polas rúas de Compostela foi estreitamente vixiado e a policía acabou por disolver aos asistentes do acto do POG cando cantaban o himno galego na Praza da Quintana. Na basílica do Apóstolo, o almirante De Oya presentaba a ofrenda ao patrón de Galicia e de España.