Isabel Neira está á cabeza do histórico obradoiro da súa familia, despois de sete xeracións de artesáns desta saga familiar de torneiros que dende A Estrada enfocan a súa produción a dúas grandes liñas:

Por unha banda, a tornaría orientada á carpintaría, realizando deseños e tiradas curtas de pezas de mobiliario como cadeiras ou mesas e, a outra, adiacada á creación da importante e prestixiosa liña de lámpadas, ademais das revisitacións a obxectos e conceptos tradicionais como os pratos de polbo.

Aínda que a visión é un pouco pesimista, esta estradense da comarca de Tabeirós ten forzas para seguir loitando polo seu oficio e o da súa famial de cara ao futuro: "Estase a perder completamente porque os usos das cousas que se facían con torno están desaparecendo. De feito, o noso obradoiro traballaba para fábricas de mobles, pero como ese negocio non está en boga, decidimos volver a unha das nosas orixes, que era facer menaxe".

Esa é a revisitación dos conceptos tradicionais dos que fala Isabel, pois atopou un nicho de mercado na preparación de pratos de madeira. Véndellos a restaurantes galegos con estrelas Michelín para que podan servir petiscos de alta cociña.

"É complexo manterse, pero os poucos que quedamos temos que intentar manter vivo o ofico. Se a xente non sabe o que é un torneiro, difícilmente vai poder demandar o seu traballo", di Isabel cando fala dos plans de futuro.

-Cal é o papel da muller no seu oficio?

Pois básicamente temos dúas mans igual que os homes e podemos facer o mesmo. Ademais, non é un traballo que implique unha forza desmesurada como podería ser o de ferreiro, é un traballlo coma outro calquera. A cuestión simplemente é aprender o oficio.

-Sentiuse discriminada nalgún momento da súa carreira profesional?

A verdade é que nin se me pasa pola cabeza pensalo. A quen lle importe que sexa unha muller a que estea detrás do torno ten dous traballos, un que lle moleste e outro que lle pase. Se as cousas están ben e feitas con profesionalidade, estano, xa sexa un home ou unha muller quen as faga.

O que si que me ten pasado é que algún se sorprenderá ao verme a cargo do obradoiro cando meu pai morrera. A xente que se enterou, dubidaba, mais en canto viron que seguía unha calidade similar, todo seguíu igual.