"Gustabame a pedra e púxenme a traballar nela", deste xeito tan sinxelo comezou o amor de Yolanda Cao pola canteiría hai máis de vinte anos. Autodidacta e traballadora, a primeira muller canteira de Galicia foise formando pouco a pouco nesta disciplina cada vez menos demandada: "Unha vez que estaba decidida funme formando cos poucos libros que hai, mais sobre todo vendo outros traballos en pedra, non actuales, senón que o que me apaixoa é o Románico. Se eles podían facelo daquela co que tiñan, pois eu tamén ía poder".

Cando fala do futuro desta disciplina, Yolanda é pesimista, pero sincera: "Levo sen traballar xa dous anos porque non hai pedidos. Á xente gústalle a pedra, pero non está disposta a pagar polo que vale, como na maioría da artesanía. E eu, dende logo, non estou disposta a traballar para tirar o meu esforzo, os cartos e o tempo".

Un futuro complexo

Segundo Yolanda o negocio da canteiría tivo un grande declive dende que estoupou a burbulla inmobiliaria, mais o problema que destaca é que "a artesanía tense como se fose unha manualidade e ese desprestixio fai que a xente crea que o pode facer calquera".

Ademais, outro dos grandes problemas da canteiría é a competencia industrial que "realmente non é artesanía, está claro. Unha cousa é que vaias mercar un traxe a unha tenda e outra moi distinta que cho faga un xastre. Pois aquí pasa o mesmo, no meu obradoiro facíanse as cousas a medida. Eu sempre traballei por encargo e ese servizo personalizado hai que pagalo", defende Yolanda.

Un amor incondicional

"Dáme mágoa estar nesta situación. Sigo namorada da pedra que, malia que é un material bruto e tosco, en canto comezas a traballala, cambia totalmente e devólveche unha calidez e unha suavidade incribles. A pedra hule dunha maneira concreta que te impregna. É moi bonito, pero como lecer é moi caro", lamenta a canteira de Bergondo.

O desprestixio á muller na canteiría

-Como evolucionou a canteiría dende que empezou vostede?

Pois fun a primeira muller que tivo un taller de canteiría en Galicia e, polo tanto, pioneira no meu traballo. Sen dúbida o proxecto do que estou máis orgullosa foi o que fixen para a restauración do coro do Mestre Mateo da catedral de Santiago de Compostela. O malo é que logo, no día a día a cousa foi baixando. Eu non podía pagar os cartos que custa manter un taller aberto sen traballo, pagando ferramentas, material e, sobre todo, o meu tempo.

-Algunha vez sentíuse discriminada?

Por suposto. Lembro a Manuela Besteiro (ex-conselleira de Familia, Muller e Xuventude) negándome unha subvención para o obradoiro por ser muller, pero anos máis tarde presumía de que houbera unha muller canteira. Tamén que me chamaran por teléfono para preguntar polo home e, ao ver que non había, colgasen. Un desprestixio total.