Hai algo máis de tres anos dende que Rebeca Núñez e Silvia Montes decidiron cambiar o enfoque da súa ONG, Abriendo Caminos, para adicarse a loitar contra as desigualdades da súa cidade, Vigo, e do seu barrio, O Calvario.

"Vimos a necesidade de traballar a nivel local pouco despois do estoupido da crise en España. Foi entón cando a xente que vive aquí comezou a pedirnos axuda", explica Silvia dende a súa sede na rúa Aguia. Daquela, comezaron a desenvolver programas de axuda para persoas sen recursos nin económicos, nin familiares, nin de apoio social, especialmente nenos, pero tamén persoas maiores, estranxeiras ou que acaban de sair do cárcere, todas co mesmo denominador común: a necesidade de integrarse.

Aínda que observan melloría nas condicións de vida entre as persoas ás que axudan, estas traballadoras sociais recoñecen que aínda queda camiño por andar e por iso asesoran na xestión de axudas públicas e privadas, interveñen en realidades complexas e promoven a defensa dos dereitos humanos.

Ademais de ofrecer axudas puntuais para recén nacidos, tamén crearon unha "Escola para Pais". Neste obradoiro trimestral solucionan dúbidas sobre temas que os pais e as nais propoñen previamente. Por exemplo como aplicar unha disciplina positiva na educación ou cales son os coidados básicos que necesita un bebé.

Só nos repartos de alimentos chegan a unhas 300 persoas, un traballo que non sería posible sen a axuda desinteresada e incondicional dos voluntarios que ano tras ano seguen a apoialas. "Sorpréndenos e nos encanta que a xente que nos solicita axuda é a mesma que logo quere ser voluntaria e axudar no que poda", comenta Silvia, pouco antes de explicar que ofrecen unha cota sinxela de 3 euros para que calquera persoa que queira axudar, poda facelo sen moito esforzo.

Pódese atopar moita máis información sobre Abriendo Caminos e como apoialas na súa web: abriendocaminosong.com.

Un comedor solidario

Pasaron xa máis de 2 anos dende que puxeron en marcha o "Comedor de los Buenos Días", unha iniciativa para ofrecer un almorzo completo a uns 25 nenos e nenas que non poderían ter acceso a el doutra de maneira.

"A idea xorde arredor de tódolos estudos que demostran que en España non lle damos ao almorzo a importancia que deberiamos", di Silvia mentres conta que no centro educativo do Calvario no que traballan hai moitos rapaces con situacións familiares complexas e, na maioría dos casos, con poucos recursos.