Falamos con | Alfredo Dourado Músico do grupo A Roda
«O máis bonito é ver como o público canta as nosas cancións»
O grupo, con 50 anos de historia, leva as súas cancións de festa popular este sábado á romaría de Aciveiro, Forcarei, ligadas ao legado musical galego

Alfredo Dourado, no centro, cos compañeiros do grupo A Roda na praza do Obradoiro. / FDV_Externas
Alfredo Dourado é hoxe unha das voces de A Roda e, ademais, leva no apelido unha parte esencial da historia da formación: é fillo de Fito, un dos fundadores orixinais e unha das voces máis recoñecibles do grupo durante décadas. A Roda naceu en Vigo en 1976 arredor das tabernas e das cancións compartidas, e converteu temas como "Pousa, pousa" ou "O gato" en parte da memoria popular galega. Cinco décadas despois, o grupo segue subindo aos escenarios. Este sábado 5 de setembro estará na romaría de Aciveiro, Forcarei, onde as tradicionais Merendas na Carballeira darán paso á verbena. Un escenario especialmente próximo á filosofía de A Roda: música, memoria, xuntanza e festa popular.
Que significa hoxe levar o nome de A Roda?
Significa continuar un legado. Creo que collemos un relevo de xente que intentou facer boas cousas e elevar a música popular ao estatus que merece. Nós seguimos ese relevo da maneira máis honrada que sabemos, e creo que a xente o agradece.
A Roda segue sendo un grupo da xente?
Si, efectivamente. A Roda asóciase á festa popular, á romaría, ao viño, á taberna. É un grupo moi da xente, e nos concertos hai un diálogo e unha conexión moi directa co público. Ao final, moitas veces parece que A Roda somos todos.
Que mudou en case cincuenta anos?
Mudou todo, loxicamente. Non hai nada inalterable. Pero hai que saber onde estás e cales son as virtudes dese legado que recibiches. Nós temos que coidalo e, ao mesmo tempo, entender que os tempos tamén cambian.
E canto se pode innovar sen perder a esencia?
Pódense experimentar sons, instrumentos ou harmonías diferentes, pero sempre con sentido. Non imos arranxar unha canción ou cambiar unha historia só por facer algo que A Roda nunca fixera. Podemos experimentar, pero desde a dignidade e sabendo onde estamos.
As cancións seguen recoñecéndose inmediatamente?
Si, e iso é o importante. A xente que escoita A Roda segue identificando o que foi A Roda de sempre. Podes facer algún arranxo ou unha harmonía diferente, pero se a xente recoñece o grupo, a esencia continúa aí.
Vostede medrou coa música do seu pai?
O meu primeiro contacto foi indirecto. Eu estudaba nos Xesuítas e non tiña ningunha relación especial con ese mundo. Un profesor puxo un día na clase "O gato". Eu nin sabía que era A Roda nin coñecía a canción. Co tempo foi unha especie de xustiza poética, porque aquela canción acabou ligada á miña vida.
Cando chegou a actuar co grupo?
Nas primeiras actuacións facía un pouco de figuración atrás, tocando o baixo, aínda non como parte plena do grupo. Era o normal cando alguén empeza. A miña primeira actuación creo que foi en "Mar a mar", na TVG. Daquela pasaron xa moitos anos.

O grupo A Roda na praza do Obradoiro, Santiago de Compostela. / FDV_Externas
Que supón ser o fillo de Fito nos concertos?
É moi habitual que alguén se achegue e me diga que cantou co meu pai ou que ten algún recordo del. Fito foi e seguirá sendo parte de A Roda. É bonito que a xente o lembre e que siga existindo esa conexión. É moi raro que nun concerto non apareza alguén cunha historia que contar.
A Roda tamén é memoria colectiva?
Sen dúbida. Hai xente que canta algunha canción do grupo e probablemente nin sabe de onde vén. A música de A Roda espallouse por todas partes. Xa é algo máis que un grupo: tamén serve para unir persoas e para traer recordos. Hai cancións dos primeiros discos que forman parte da vida de moita xente.
Como ve o futuro de A Roda?
Hai inercia, pero tamén certo pesimismo por como están as cousas. Ás veces levas moitos anos tirando do carro, facendo cousas, e despois ves que non frutifican. Con todo, os concertos dannos moito ánimo: hai xente, hai público e seguimos traballando. Somos afortunados porque vivimos do que nos gusta. Ademais, somos unha familia e levamos moitos anos xuntos.
Que lle agarda este sábao ó público en Aciveiro?
A saudade. A xente vai escoitar cancións de sempre e lembrar momentos. "O Miudiño", "O Gato", "Os Bistéqueles" ou "Pousa, pousa" forman parte desa memoria. Moitas desas cancións están asociadas a momentos vividos na casa, nas festas ou nas romarías.
E que esperades vós atopar este sábado na Carballeira?
Que a xente o pase ben. Aciveiro ten ese espírito de romaría, de comida, sobremesa e festa, e nós estamos moi ligados a ese ambiente. Creo que a xente vai vir coa idea de rememorar eses momentos e, musicalmente, o grupo está nun momento moi bo.
Será un concerto para mirar atrás?
En parte si, porque faremos as cancións de sempre. Despois de tantos anos, que determinadas cancións sigan vivas e que a xente as cante con nós é algo do que hai que presumir. Que unha canción poida transcender durante cincuenta anos, ou máis algunhas delas, e continuar nunha festa como Aciveiro é realmente un milagre.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marruecos recupera el abastecimiento de almeja fina y se aprovecha de la crisis del sector marisquero gallego
- Casi un tercio de la población ocupada que vive en el rural gallego necesita irse a las ciudades para trabajar
- Rafael Louzán se pronuncia sobre las opciones de Vigo para el Mundial 2030, a pocas semanas del examen de la FIFA
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- Casi 17 años de prisión para el hombre que intentó quemar viva a su expareja en Vigo
- Muere un hombre en un atropello en Cambados
- Reclaman los recibos del agua de diez años a 200 vecinos de Gondomar bajo amenaza de corte de suministro
- La gran fiesta de Portugal que cumple 200 años a media hora de Galicia: seis días de música, fuego y tradición