Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

A Algarabía chama á porta en Lalín

A Algarbía é, logo de varias décadas, a manifestación artística e cultural que cada final de verán chega a Lalín para disfrute de nenos e maiores. O seu éxito, se cadra, parte dun modelo de autoxestión co que O Naranxo fuxiu doutros estándares nos que os orzamentos dun evento acababan pesando máis que a súa filosofía

Representantes do colectivo O Naranxo presentaron o programa definitivo. |

Representantes do colectivo O Naranxo presentaron o programa definitivo. |

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Alfonso Loño

Alfonso Loño

Lalín

A Algarabía de Lalín xa está á volta da esquina, cunha programación que combina concertos, cultura popular, xogos, actividades familiares, arte, gastronomía e propostas de convivencia. Durante toda a fin de semana o entorno da Praza de Loriga contará cun mercado de artesanía, con postos de artistas e creadoras e creadores da contorna. Tamén haberá unha zona chill-out para comer, beber e descansar; un posto gastronómico a cargo de Alex Iglesias; barra, espazo de merchandising e, na noite do sábado, un punto violeta xestionado por Azos Feministas. A organización mantén ademais a Algarabía como un espazo seguro e de respecto e aposta por reducir residuos animando o público a reutilizar vasos. A programación definitiva foi presentada por membros do colectivo O Naranxo.

A festa comezará este venres día 4 ás 20.45 horas cunha sesión musical de Lebrescura, que exercerá de previa á primeira noite de concertos. A continuación subirán ao escenario Tiro Na Testa, Marela, CaraB e Aprendiz, encargados de abrir musicalmente unha edición que concentrará a maior parte das súas actividades durante a xornada do sábado.

O sábado 5 arrancará ás 12.00 horas coa inauguración da Avenida de O Naranxo no calello, coa colocación dunha placa realizada por Paío e un pasarrúas de Varacuncas. Media hora despois, ás 12.30 horas, celebrarase o pregón. Coincidindo co inicio da xornada regresará tamén Arte Na Rúa, unha iniciativa que nesta edición trasladará todas as obras á propia Praza das Pipas, convertendo este espazo nun dos puntos expositivos da festa.

Ás 12.45 horas será a quenda dos xogos populares, cun particular enfrontamento entre veteranas e veteranos de balonmán e rugby, que competirán nun partido de brilé. A programación da mañá continuará ás 13.45 horas cunha sesión vermú de Varacuncas. Xa ás 15.00 horas celebrarase o tradicional pícnic no parque, concibido como unha comida colectiva aberta tanto a grupos como a persoas que queiran incorporarse á actividade. Durante ese tempo continuará tamén funcionando a oferta gastronómica do festival.

A programación familiar collerá o relevo ás 16.30 horas, con xogos e obradoiros preparados por Nigraponte, acompañados dunha sesión musical de Pitu. Ás 17.30 horas está previsto un concerto exprés de Vito Dasilva e, ás 17.45 horas, chegará o espectáculo As máis molonas ilustradas, de Pakolas e Laura Romero, unha proposta pensada para público de todas as idades.

Outro dos momentos máis participativos da tarde será a guerra de auga, prevista para as 19.00 horas. Tras unha pequena pausa, a actividade regresará ao escenario ás 20.45 horas, novamente cunha sesión de Lebrescura como previa. A noite do sábado estará protagonizada polos concertos de Harry May, MEU, Eskravos e Luch O’Ner, que completarán a segunda gran quenda musical da Algarabía.

O domingo 6 comezará ás 12.00 horas coa tradicional ruta Lalín-Empalme-Lalín para vehículos non contaminantes, unha actividade que tamén se formula como camiñada colectiva aberta á participación. Ás 13.00 horas chegará a cita arredor de Santo Torrisco, acompañada musicalmente por Pitu, antes da sesión vermú das 13.45 horas, que nesta ocasión correrá a cargo de Rodrigo Ramos. Tras unha pausa para xantar ás 15.00 horas, a actividade retomarase ás 16.30 horas cos xogos tradicionais do domingo, dirixidos por Celso Fernández Sanmartín. Entre eles figurará novamente o reto colectivo de intentar bater o récord do mundo de Pelota no Aire, unha das propostas lúdicas coas que a organización encara a recta final da festa.

O peche musical da Algarabía chegará ás 19.00 horas co concerto de Sagafuga, encargado de despedir os tres días de programación. A actividade rematará definitivamente arredor das 21.00 horas, momento no que a organización convida as persoas que aínda permanezan na praza a colaborar nas tarefas de recollida e limpeza.

A barra e o posto gastronómico funcionarán mediante tickets, que se poderán adquirir previamente no espazo de merchandising, e unha parte do recadado coas consumicións destinarase ao financiamento da propia festa. As persoas da asociación estarán identificadas durante todo o festival para atender o público. A organización sinala tamén que os horarios e a orde das actuacións musicais poden sufrir modificacións respecto ao cartel inicial, pide que non se leven animais ao recinto polo impacto que pode ter neles o volume da música e recomenda acudir con vasos reutilizables. En conxunto, a Algarabía volve artellar unha programación na que a música comparte protagonismo coa participación veciñal, a creación artística, os xogos e as actividades interxeracionais.

TEMAS

Tracking Pixel Contents