Entrevista | María Montserrat Varela Vázquez Gañadora do premio de poesía Avelina Valladares
«É importante recuperar o lugar que lles corresponde ás escritoras esquecidas»
A escritora e investigadora convence o xurado coa súa obra Consciencia da impermanencia

Montse Varela recibirá o premio na Estrada o 26 de novembro. / FDV
María Montserrat Varela Vázquez, natural de Santiago de Compostela e residente en Arzúa, compaxina a escrita coa investigación sobre a cultura galega, a tradición oral e os saberes populares, e coa recuperación da memoria popular. Traballadora social, leva décadas recollendo testemuños que forman parte da memoria colectiva. O Premio de Poesía Avelina Valladares recoñece Consciencia da impermanencia, un poemario sobre o paso do tempo, a vida e as súas transformacións.
Como recibiu a noticia de que era a gañadora do Avelina Valladares?
Estou moi contenta e emocionada. Quero agradecerlle ao xurado e ao Concello da Estrada que manteñan este premio. Este libro é moi importante na miña traxectoria e levaba tempo agardando pola oportunidade de publicar poesía para adultos.
Como foi o momento no que recibiu a chamada da concelleira de Cultura?
Foi moi emocionante. Lucía Seoane chamoume despois de abrir a plica. Eu estaba traballando e acababa de chegar á biblioteca para documentarme para un libro. Foi unha sorpresa enorme e unha alegría, especialmente porque levo moitos anos escribindo poesía.
Que significa publicar agora o seu primeiro poemario para adultos?
Escribo poesía desde nena e tiña varios poemarios gardados. Antes publicara poesía infantil e algún poema solto, pero esta será a primeira obra para adultos. Facelo precisamente a través do Avelina Valladares é moi especial.
Que atopará o lector en Consciencia da impermanencia?
É un poemario de máis de 580 versos, dividido en tres partes: o amencer, o atardecer e o solpor. Cada unha representa unha etapa da vida, desde o nacemento e o asombro ata o declinar, as lembranzas e a transcendencia.
Por que escolleu ese título?
Porque o libro fala de ser conscientes dos cambios, que son inevitables. Esa idea percorre todo o poemario e resume o seu sentido.
Os poemas foron xurdindo de maneira espontánea ou houbo unha planificación?
Houbo un pouco de todo. Tiña poemas escritos que incorporei, pero tamén fun construíndo unha estrutura arredor das tres partes. Algúns textos antigos foron modificados para encaixar nela e outros naceron mentres o libro se ía definindo.
Hai algún elemento formal especialmente singular?
Cada parte comeza cun haiku relacionado con ese momento do día. Ademais, cada poema remata con varios versos en maiúsculas. Eses finais, reunidos, forman despois un poema propio que pecha cada parte e dálle continuidade e unidade ao conxunto.
«Se non conservamos a sabedoría popular, pérdese. É parte do noso patrimonio»
Canto hai de autobiográfico nestes poemas?
A parte do solpor, relacionada co final da vida e coa morte, non é autobiográfica, claro. Son reflexións sobre cuestións universais, como o paso do tempo, a vida ou as preguntas transcendentais. Cada persoa pode achegar a súa propia mirada.
A investigación e a poesía poden parecer dous camiños diferentes. Como se relacionan?
Para min está todo relacionado. Escribo sobre o que coñezo e amo, que é a cultura de Galicia. A miña profesión e o contacto coa xente tamén son fundamentais. Son formas diferentes de achegarme á mesma realidade.
Que lle ensinou o contacto coa tradición oral?
Aprendín enormemente. Intento darlles voz ás persoas e ao pobo porque forman parte da nosa cultura. Se non conservamos esa sabedoría popular, pérdese. O contacto con elas permitiume coñecer experiencias e coñecementos que poderían desaparecer.
Que significa que o premio leve o nome de Avelina Valladares?
É un orgullo. Avelina foi unha pioneira e publicou artigos nos xornais nunha época na que era difícil para as mulleres. Eu investiguei sobre os traballos das mulleres en Galicia e sinto unha conexión especial con ela. É importante recuperar o lugar que lles corresponde a tantas escritoras esquecidas.
En que está traballando actualmente?
Estou entrevistando queixeiras de Arzúa e da comarca para un libro. Sobre o queixo hai moito escrito, pero sobre as mulleres que o elaboran, moito menos. Tamén investigo os oficios da madeira en Terra de Xermade e teño outro traballo sobre os oficios das mulleres galegas no último século, que está en edición.
Que relación ten coa Estrada?
Hai anos viña á Estrada para recibir aulas de pintura con Puri Togariños, coa que aprendín a dar as primeiras pinceladas. É unha etapa que recordo con moito cariño. Aínda sigo pintando, aínda que agora estou máis centrada na escritura e na investigación. Por iso, volver á Estrada o 26 de novembro para recibir este premio terá un significado moi especial.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marruecos recupera el abastecimiento de almeja fina y se aprovecha de la crisis del sector marisquero gallego
- Casi un tercio de la población ocupada que vive en el rural gallego necesita irse a las ciudades para trabajar
- Rafael Louzán se pronuncia sobre las opciones de Vigo para el Mundial 2030, a pocas semanas del examen de la FIFA
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- Casi 17 años de prisión para el hombre que intentó quemar viva a su expareja en Vigo
- Muere un hombre en un atropello en Cambados
- Reclaman los recibos del agua de diez años a 200 vecinos de Gondomar bajo amenaza de corte de suministro
- La gran fiesta de Portugal que cumple 200 años a media hora de Galicia: seis días de música, fuego y tradición