Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Iniciativas municipais

Lalín inclúe seis sesións do programa ‘Ler conta moito’ na súa axenda cultural

Son tres neste mes e outras tantas en outubro na biblioteca | A mostra ‘Os monos de Laxeiro’, a Algarabía ou a Foliada de Randela son outras actividades

Begoña Blanco mostra o calendario do ‘Ler conta moito’. |

Begoña Blanco mostra o calendario do ‘Ler conta moito’. |

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Alfonso Loño

Alfonso Loño

Lalín

A programación cultural do Concello de Lalín para este mes, con actividades que se alongarán ata outubro, propoñen a lectura, a arte ou a música como principais argumentos. Ao marxe das festas das Dores, que se desenvolverán entre os días 18 e 22, o programa Ler conta moito capitaliza as propostas para os máis cativos. A axenda cultural foi presentada pola concelleira Begoña Blanco.

Así, ao marxe do programa de lectura, este xoves día 3 presentarase o libro do poeta e narrador Esteban A. Jiménez, ás 20.00 horas no Museo Ramón Aller co título “Niño de barro y su metamorfosis”. Trátase dunha viaxe íntima e desgarradora a través das cicatrices dunha vida moldeada pola dor, a resiliencia. Os días 4, 5 e 6 terán lugar os distintos concertos e actividades da Algarabía, organizadas pola asociación O Naranxo e coas que colabora o Concello.

O sábado 5 terá lugar ás 16.30 horas na Alameda do Auditorio de Lalín a I Foliada Serán de Lalín, organizada por Randela. O venres 25 ás 20.00 horas será a inauguración da exposición Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa”, que reúne viñetas humorísticas publicadas por Laxeiro na prensa da época a finais da década dos 30 (en próximos días darase nota de prensa da exposición).

A Biblioteca Municipal acollerá durante os meses de setembro e outubro unha nova programación do ciclo Ler conta moito A programación, que se desenvolverá sempre ás 18.00 horas, inclúe propostas de narración oral, teatro, música, contos e actividades escénicas pensadas para converter a biblioteca nun espazo vivo, aberto e acolledor, no que os nenos e nenas poidan descubrir que ler tamén é xogar, escoitar, imaxinar, rir, emocionarse e compartir. Begoña Blanco, sinala que este programa «permite seguir facendo da Biblioteca Municipal un lugar de encontro coa lectura, especialmente para as xeracións máis novas».

Esta programación comezará este xoves 3 con“Contos da lúa”, de Trécola Producións, unha proposta pensada para mergullar á cativada no universo dos contos a través da palabra, da fantasía e da narración oral. Conta a historia de Calcetín, un persoeiro amante da lectura e con moita imaxinación. A segunda cita será o xoves 17 con E quen limpa o niño da anduriña?, de Inma Soto, unha actividade que, xa desde o seu título, convida a descubrir pequenas historias arredor da natureza, dos animais e da mirada curiosa da infancia. A nai de Lúa adora a natureza e sabe moitísimas cousas sobre animais e plantas. Lúa ten moitas preguntas e a súa nai tampouco ten tempo de responderlle a todas. Esta nena curiosa decide saír á procura de respostas e atopar na propia natureza e no comportamento dos animais a fórmula para que todas na casa poida compartir e gozar do tempo de lecer.

O mércores 30 será O baúl dos soños, de A Compañía Espectacular, unha proposta evocadora que abrirá a porta a un mundo de imaxinación, sorpresas e historias gardadas nese baúl simbólico no que caben os soños, as aventuras e a fantasía. Luci e Soleil son trobadores que viaxan polo mundo co seu Baúl. A súa misión é abrir a porta ao mundo dos soños a través de historias e cancións. Unha trama sinxela que deixa espazo a gozar das sensacións, palabras, música en directo, sons, cores e belezas. O Sol e a Lúa, o raposo que leva á galiña, o cabalo Trotón, a burriña Campá e os seus amigos. Un mundo máxico que nos fará sentir e sorrir.

O 8 de outubro será a quenda de Contos miúdos, de Paula Carrera Sotelino, unha sesión pensada para achegar os contos aos máis pequenos a través dunha fórmula próxima, delicada e participativa, na que a palabra se converte nun primeiro camiño cara á lectura. A través de contos de dedos, contos narrados e cantados explóranse diferentes formas de contar historias. A proposta emprega diversas técnicas para manter a atención, provocar o asombra e convidar ás crianzas a mergullarse no mundo dos contos e da imaxinación.

A programación continuará o xoves 15 de outubro con Estás como unha cabra, de Lalá Teatro, unha proposta escénica que achegará humor, teatro e imaxinación á biblioteca, convidando á cativada a desfrutar dunha tarde divertida arredor das historias. A protagonista será a Cabra China nunha proposta na que se irán identificando as nosas emocións mediante xogos, estímulos sensoriais, contos e música. Traballarase ademais coas cores, números e o valor do traballo en equipo.

O ciclo rematará o 22 de outubro con “Todas somos árbores. O bosque na biblioteca”, de Carballo con Botas, unha actividade vinculada á natureza, á conciencia ambiental e ao valor dos libros como sementes de coñecemento, emoción e coidado do mundo que habitamos. Zapatiños de Cartón, o avó do Carballo con Botas, chega á biblioteca portador dunha carta dos bosques para que a cativada aprenda a camiñar polas historias para coidar da terra que gardan os libros.

TEMAS

Tracking Pixel Contents