Patrimonio
En auxilio da Roda da Ameixoada e da ponte da Cavadosa
O Colectivo Capitán Gosende esixe a preservación do sitio arqueolóxico da Roda da Ameixoada (Figueiroa) e a urxente restauración da ponte da Cavadosa (Cerdedo)

Ponte da Cavadosa. Perda de elementos da varanda. |
Calros Solla
Roda da Ameixoada é o nome dun xacemento prehistórico situado na cima do cotarelo (417 m de alt.) que se ergue entre a agra da aldea de Figueiroa (oeste) e o canón do río Lérez (leste), fronteira natural coa parroquia de Cerdedo.
O sitio arqueolóxico foi dado a coñecer polo Capitán Gosende en 2009 (Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, páxs. 30-1). O colectivo volveu insistir na súa relevancia e necesidade de preservación en 2012 (Faro de Vigo-Montes, 2-12-2012) e publicacións posteriores. Por tal motivo, foi consignado no PXOM cerdedés en 2014.
Malia que nos visores (mapas.xunta.gal) se adscribe á categoría de “castro”, xa en 2012 formulabamos a posibilidade de datalo en época neolítica: recinto murado empregado polos primeiros pastores para o acurramento do gando miúdo (ou mesmo un henge, espazo sagrado ou asembleario que eu prefiro denominar “cuspedriño”). Falamos pois dun ben inmobiliario de natureza arqueolóxica de entre 5.000 e 2.000 anos de antigüidade.
A estrutura ben puido ser utilizada como curral en épocas posteriores (Idade Media). O topónimo (“Ameixoada”) é abondo esclarecedor, pois o significado do verbo “ameixoar” foi oportunamente recollido por ilustres lexicólogos: Leiras Pulpeiro, 1906 (“reunir”); Filgueira Valverde e outros, 1926 (“recoller, reunir”); Eladio Rodríguez, 1958-61 (“reunir, xuntar”); Franco Grande, (“reunir, xuntar”); e, aínda máis clarificador: Eligio Rivas Quintas, 1988 (“xuntar as ovellas”).
Non evidente a simple vista, a estrutura oval ou elíptica do xacemento da Roda da Ameixoada faise visíbel no mapa sombreado de Atriga. A cerrada prehistórica ten orientación noroeste-sueste. Os eixes maior e menor da figura acadan os 170 m e os 75 m de lonxitude, respectivamente. O punto máis setentrional da murada sitúase nas coordenadas: X: 550.219; Y: 4.710.184. O punto máis meridional: X: 550.251; 4.710.019. O punto máis occidental: X: 550.193; Y: 4.710.096. E o punto máis oriental: X: 550.263; Y: 4.710.106. Todas catro, referencias aproximadas.
No eido mitolóxico, a Roda da Ameixoada inspirou non poucas lendas. Segundo nos contaron hai anos na parroquia, dende o castro de Vilar até a Roda da Ameixoada estenderíase unha vea (ou mina) de ouro. Tamén relataron que no coto da Ameixoada hai unha galiña que pon os ovos de ouro; ás veces, o ovo rola do poñedoiro e vai a tombos até o Lérez; outras veces, tomba cara ao regueiro do Portaloureiro (ou das Lamas). Hai que ter de vela o cu da pita para facerse coa riqueza antes de que se suma na auga. Tamén que, cando trona, as pedras da cimeira botan chispas. Tamén que, de noite, no camiño de cara a Portugal, aparécense unhas luciñas que che fan a agarda (chamáronas “esperós”); se te “porsinas”, esvaécense...

Perda de zapata na marxe esquerda. |
Visitamos o sitio da Ameixoada o sábado 29 de agosto, movidos pola actual vista aérea ofrecida polo Google Maps. A imaxe mostra os efectos dun novo desbravamento da faixa de seguranza (uns 10 m de ancho) que se sitúa por debaixo do tendido eléctrico que cruza de oeste a leste o sitio arqueolóxico. A fotogrametría da serie histórica do PNOA testemuña que os labores de corta da masa vexetal nesta faixa montesa foron sostidos no tempo. Descoñecemos se estes traballos recorrentes se veñen levando a cabo con desbravadoras manuais ou con maquinaria pesada, mais, moito nos tememos que, por mor das características do terreo, estas tarefas se axudan con tractores e rozadoras de cadeas. Sexa como for, a rozada vixente xerou unha franxa que, de oeste a leste, invade o xacemento uns 50 metros. Outras rozas anteriores (véxase, por exemplo: PNOA 2014) atravesaron o xacemento de parte a parte.

Rodeiras deixadas pola maquinaria. |
Xa no sitio, puidemos comprobar ademais que por mor dunha recente talla de piñeiros e eucaliptos efectuada no predio da Ameixoada a maquinaria pesada volveu facer acto de presenza neste predio protexido. Baseándonos nas coordenadas obtidas sobre o terreo, podemos afirmar con preocupación que a devasa aberta para o transporte das toradas e as fondas rodeiras impresas no chan por tractores e remolques indican que o recinto da Roda da Ameixoada foi vulnerado, nalgún punto, até os 6 metros, afectando incluso a murada perimetral do xacemento. O sitio arqueolóxico da Roda da Ameixoada e a súa área de cautela están consignados –non por acaso– no Mapa de aproveitamentos forestais (mapas.xunta.gal).
A maquinaria desmesurada na que se evacuou a madeira tamén afectou a integridade dos valados de pedra seca construídos á beira do camiño que comunica o lugar de Portugal (Figueiroa) co curuto da Ameixoada.
Coido que non o verán os meus ollos, pero, teño esperanza de que a humanidade do futuro, zafándose do xugo das pantallas, mostre inclinación por estes bens ocultos ou ocultados. Agardando unha muda drástica nos valores e prioridades, pregamos que, xa non por nós, senón polas xeracións vindeiras, se acentúe a preservación destes vestixios do noso pasado dos que, por desleixo e desinterese, apenas sabemos nada.

Perda de zapata na marxe dereita. |
A ponte da Cavadosa
Sobre o río do Seixo e na aldea que lle dá o nome, a ponte da Cavadosa é unha construción medieval dunha soa luz arcada. O antigo concello de Cerdedo posúe catro pontes datadas nesta época histórica: a ponte de Pedre, a ponte de Santo Antonio (Cerdedo), a ponte de Parada e, tamén na parroquia de Cerdedo, a ponte da Cavadosa.
Xa en marzo de 2021, o Colectivo Capitán Gosende denunciou o seu avanzado estado de deterioro (Faro de Vigo-Montes, 22-3-2021).
Tras a inspección realizada na visita do sábado 29, volvemos facer fincapé no desprazamento de 9 doelas das 21 que forman o seu frontal anterior. As 9 doelas movidas do seu asento orixinal configuran o intradorso da marxe esquerda da ponte, afectando mesmo a clave de arco.

Devasa aberta recentemente no sitio arqueolóxico. |
En 2021, salientabamos que o desprazamento das doelas da marxe esquerda fora causado pola perda, nesa mesma man, dun elemento pétreo da zapata e da doela de arranque que pousaba nela. Arestora, informamos da perda doutro elemento pétreo da zapata situada na marxe dereita. O desprazamento das doelas destoutra beira é un feito inminente. No falar dos veciños: “A ponte afrouxou”. É manifesto que a súa estabilidade está máis ca comprometida. O inverno témolo enriba.
No informe do estado calamitoso da ponte da Cavadosa non podemos obviar o espanto do taboleiro formigonado e a perda, xacando, de varios elementos pétreos formantes das varandas, a un lado e ao outro do inmóbel. O perigo de derruba agrávase ao constatar que a ponte segue sendo atravesada por vehículos automóbiles; as rodeiras impresas na lama do piso non deixan lugar a dúbidas.

Estado actual da devasa baixo o tendido eléctrico. |
Sempre pensando no ben común, informamos destes danos e prexuízos coa esperanza de que se corrixan en breve prazo, pois, como di a sabedoría popular: quen non arranxa a pingueira terá que facer a casa enteira, ou, máis vale un “por se acaso” ca un “quen o soubera”. n
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- La Guardia Civil investiga vertidos durante unos trabajos de reparación de un barco de pasaje en Bueu
- La Guardia Civil logra frenar una estafa de 46.300 euros con criptomonedas a un pontevedrés
- Comprar en el centro de Vigo es tres veces más caro que en la periferia: así están los precios del metro cuadrado por barrios
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Sin consenso en Vigo por Peinador: Abel Caballero insiste en que «solo hay un modelo» y Luisa Sánchez lo acusa de «despreciar» fondos de Diputación y Xunta
- El mosquito tigre se extiende en el área de Vigo: cómo evitar y paliar su persistente picadura
- Un niño alerta al 112 de un incendio en su casa en Vigo mientras su madre intenta apagarlo