Romaría relixiosa
Os Remedios, a gran festa dos veciños de Lalín de Arriba
Cando se construíu a actual igrexa parroquial de Lalín, o contratista pretendía usar os materiais da de Lalín de Arriba e da capela das Dores

Poxa para portar as andas da Virxe dos Remedios. | / Fotos: Daniel González Alén
A festa que os veciños de Lalín de Arriba celebran cada ano no mes de agosto, dedicada á Virxe dos Remedios, é a máis concorrida de cantas teñen lugar nesta antiga parroquia, por riba das do patrón San Martiño e do Santo Antonio. É unha das festas por excelencia dos lalinenses, xa dende tempo inmemorial cando se celebraba no vello campo con palco propio ao lado da estrada que vai a Rodeiro. Logo duns anos de decadencia, agora, da man da Asociación Cultural e Veciñal de Lalín de Arriba, as tres festas colleron novo pulo e cambiaron de escenario para a casa da Meiriña, preto da igrexa onde se celebran os actos relixiosos que a enchen de devotos e que logo participan nas procesións, ata o antigo cruceiro situado ao pé do Camiño de Inverno a Compostela, que foi calzada e por aquí transcorre.

En Lalín de Arriba está a orixe da actual vila de Lalín. | JAMES SOSA I
Este ano a festa celebrouse a pasada fin de semana, e na xornada principal do domingo houbo misa solemne oficiada polo arcipreste de Deza, José Criado, co acompañamento musical da Banda de Música de Agolada, que tamén tocou na procesión coa imaxe da Virxe dos Remedios. Fronte á igrexa tivo lugar a tradicional poxa das andas que dá dereito a portar a imaxe ata o interior do templo. Despois, a mesma banda de música ofreceu un concerto no interior da casa da Meiriña, onde os da Asociación serviron o vermú á numerosa concorrencia. Antes da misa, a charanga Leña Verde percorreu a rúas para animar aos veciños, que a véspera xa gozaran dunha leda verbena coa musica do dúo Stylo e os DJ Cacharelo e Efrén Pérez.

Recentes escavacións descubriron as tombas da igrexa monacal. |
Antigo mosteiro e parroquia
Nas terras de Lalino, un colono dos condes de Deza que así se chamaba, fundou no século X Adosinda Gudesteiz, descendente dos citados nobres, o mosteiro bieito de San Martiño de Lalín, cuxa igrexa, reedificada no románico do século XII e reformada nos posteriores, se convertería en parroquial co andar do tempo. Das dependencias monacais do mosteiro, que debían ocupar o solar da casa dos Moure que está a carón polo leste, nada queda, e unhas recentes escavacións permitiron o estudo e contemplación das tumbas medievais que fican baixo terra polo mesmo lado e detrás da ábsida. De Lalino, segundo deixou escrito o sacerdote e historiador Buenaventura Cañizares -quen tamén se ocupou do estudo do mosteiro e doutros aspectos da comarca de Deza-, procedía o nome do cenobio, que logo pasaría a parroquia e anexo da de Lalín, que medraba ao abeiro dos camiños e estradas e da feiras, converténdose en parroquia propia e a vila capital do municipio e partido xudicial de Lalín, quedando a antiga parroquia coa denominación de Lalín de Arriba.

A misa encheu de devotos a igrexa románica / Daniel González Alén.
A mediados do século XIX, segundo o dicionario xeográfico de Madoz, a parroquia de San Martiño de Lalín comprendía as aldeas de Alfonselle, Lalín de Arriba, Lagazós, Outeiro, Reboredo, O Río e A Torre, que reunían unhas 50 casas e 215 almas, residindo a capital municipal e o xulgado no citado lugar da Torre, onde se celebran feiras os días 3 e 18 de cada mes, ao abeiro da torre medieval que fora dos Deza e logo dos Condes de Lemos, que sería derrubada neses anos e a pedra empregada para a desaparecida casa de Quiroga, a da Meiriña cun escudo de armas e varios valados cara ao Barrio de Abaixo.
Cando se construíu a actual igrexa parroquial de Lalín, a primeiros do século XX, o contratista adxudicatario pretendía usar os materiais da igrexa de Lalín de Arriba e tamén os da capela das Dores, que estaba no centro do lugar da Torre, para construír a nova, e de non ser pola oposición dos veciños, que mesmo pagaron para evitalo coa axuda do Bispado de Lugo, teríanse derrubado os dous templos. Esa acción popular permitiu que a igrexa románica de Lalín de Arriba chegara ata os nosos días; non así a capela da Torre, que anos despois deixaría o seu espazo á desaparecida praza da Constitución, nos terreos que hoxe ocupan parte da praza da Torre, do parque do aviador Loriga e da rúa Matemático Rodríguez.
No ano 1890 creábase a parroquia das Dores de Lalín, ficando suprimidas as de San Martiño de Lalín de Arriba e de San Cristovo da Pena, mentres a de Donramiro pasaba a ser anexo da de Lalín.

A procesión percorre o Camiño de Inverno ata o cruceiro. |
Da igrexa e do mosteiro de San Martiño de Lalín, e doutros aspectos históricos e patrimoniais da antiga parroquia de Lalín de Arriba, téñense publicado numerosos traballos, así como destas terras que deron o nome, lugares e orixe ao actual Lalín, hai máis de mil anos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Iago Rodríguez, el ourensano que repartió pizzas para pagarse la licencia de piloto y ahora protege los montes gallegos desde el cielo
- El joven ourensano Pablo Freire conquista su segunda medalla de oro consecutiva en la Olimpiada Iberoamericana de Matemática
- Vigo registra la mayor tasa de ingresos con covid de Galicia tras más que duplicarse en una semana
- Un amplio dispositivo policial frena el intento de suicidio de un joven en el puente de Rande
- El rural ourensano revive: un concello de 550 habitantes busca reabrir su escuela tras 17 años cerrada
- Abal: «La Diputación contraprograma A Defensa da Vila con Carlos Núnez en Aldán»
- Protestas en el IES de Teis por la eliminación de horas para el mantenimiento del equipo informático
- Nuevo hito a la vista en Vigo con la nueva grada de Gol, con el objetivo de estrenarla en el derbi: ya está todo preparado para empezar a «teñirla» de azul