Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Pedro Castañeda Responsable da praia fluvial da Praíña

«As autocaravanas son un motor importante para a praia da Praíña»

«Estamos traballando nas cubertas e preparando unha zona chill out para cócteles e para que a xente poida estar tamén pola noite»

Pedro Castañeda, no bar instalado na praia da Praíña. | BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Pedro Castañeda, no bar instalado na praia da Praíña. | BERNABÉ/JAVIER LALÍN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Pedro Castañeda comezou a recuperar a praia da Praíña en 2020. Neste tempo, o lugar converteuse nun referente turístico no concello.

Como vai o ano pola Praíña?

Ben, está funcionando bastante. Está vindo xente e, como en todo, o clima é o que marca, pero a dinámica é boa. Fixemos un verán moi bo e hai moita xente habitual, persoas que xa coñecen o lugar e repiten. Ademais, vén xente de moitos sitios.

De onde procede principalmente esa xente?

De todas partes. Veñen persoas de Santiago, da Estrada, de Padrón e doutras zonas próximas, pero tamén de diferentes puntos de España. Temos xente que xa viñera outros anos e repite, e tamén estranxeiros. Moitos están aloxados en casas de turismo rural ou de vacacións da contorna e veñen pasar o día, bañarse e gozar da praia.

E as autocaravanas? Teñen bastante presenza?

Si, este ano están funcionando ben, tamén entre semana. As autocaravanas son un motor importante para a praia, porque esa xente non só queda aquí, senón que tamén consume e fai que veñan outras persoas. É unha cousa que chama por si mesma. Por iso tamén fomos mellorando as instalacións todos os anos, con duchas e zonas para o baleirado de augas grises e negras.

Para cantas autocaravanas tedes capacidade?

Poden entrar máis de cen, porque por infraestrutura non temos un problema de espazo. O límite está máis ben nos servizos que podemos ofrecer. Moitas autocaravanas veñen coas súas propias instalacións, pero, evidentemente, se queres acoller moita xente tes que ter tamén suficientes duchas e servizos.

E ese tipo de servizos eran algo que demandaban os usuarios?

Si, sobre todo as duchas e os puntos para as augas das autocaravanas. Pero tampouco queremos que isto se converta nun lugar masificado. Hai sitios nos que ese modelo acaba saturando as instalacións e nós queremos outra cousa: que a xente veña relaxarse, que estea cómoda e que os servizos funcionen ben.

Que melloras fixestes este ano nas instalacións?

As duchas xa as tiñamos, pero fomos mellorando toda a estrutura. Sempre intentamos ir facendo cousas pouco a pouco para que o lugar estea en mellores condicións.

E no que ten que ver coa limpeza e os residuos, houbo melloras?

Este ano empezamos cunha xestión grazas á axuda dun empresario da Estrada, Durán, que nos conseguiu tres contedores amarelos. Agora estamos pendentes de que veñan baleiralos e de ver como funciona o sistema. Polo menos é algo. Todo o que sexa mellorar, por pouco que sexa, é positivo.

O río sufriu este ano pola seca?

A primavera foi seca e baixou o nivel, pero aquí o río non chega a secar e para bañarse está perfecto. Non temos ese problema. Cando hai auga aquí, hai de sobra. O problema é como se xestiona esa auga noutros puntos.

Refírese á presa de Portodemouros?

Si. Portodemouros está para producir enerxía eléctrica, non para abastecemento nin para regar. Se se xestionase doutra maneira, creo que non habería problema de auga nesta zona, porque a auga pasa por todo o Ulla. O que non ten moito sentido é que se solte auga cando queren e sen un criterio claro. Hai épocas de pesca e outros momentos nos que debería existir unha regulación máis sensata. Hai cousas que están demasiado reguladas e complican a vida a quen quere traballar, mentres que noutros aspectos non hai nin a regulación mínima.

Falando das instalacións, ten xa novas melloras na cabeza para o ano que vén?

Sempre estou con ideas. Agora mesmo estamos traballando nas cubertas e preparando unha zona chill out para cócteles e para que a xente poida estar tamén pola noite. Queremos facer unha zona con madeira, lume e unha cuberta vexetal, algo que lle dea un toque de calidez. Pola noite refresca e esa zona permitiría aproveitar mellor o espazo.

Está xa en marcha?

Si, xa está en marcha. Estamos cos remates e xa está presentada a pérgola, coa idea de poñerlle esa cuberta vexetal. Pouco a pouco imos avanzando.

Que é o que máis demanda a xente?

Hai unha parte da xente que quere que non haxa nada, pero que ao mesmo tempo haxa de todo: que estea todo coidado, limpo, que haxa baños abertos, aparcamento con sombra e todos os servizos, pero sen asumir ningún custo. Iso é inviable. Hai unha pequena parte de usuarios que esixe moito e non axuda a levantar o proxecto; ao contrario, ás veces incluso dificulta as cousas.

E segue habendo problemas de vandalismo?

Si, sempre hai algo. Nós imos intentando reducilo ao máximo, porque se favoreces que veñan os que desfán, non podes seguir mellorando nin ampliando. O problema é que non hai suficiente control nin unhas normas que permitan actuar. Ás veces temos que facer nós mesmos o que podemos para evitar que se desfaga pola noite o traballo que fixemos durante o día.

Que tipo de actos vandálicos sufrides?

Ás veces pintan nas paredes ou estragan elementos da instalación. Se tivésemos xente durmindo aquí, seguramente poderiamos controlalo mellor, pero non é así. Ademais, hai problemas de roubos de cobre en moitos puntos da contorna. Vémolo continuamente nas noticias: levaron cobre na senda ciclista do Milladoiro, en Rois e noutras zonas. Hai lugares con farolas instaladas pero sen luz porque roubaron o cobre e despois non se repoñen por medo a que volvan roubalo.

Na Praíña tiveron problemas dese tipo?

Aquí tivemos poucos porque estamos bastante pendentes. Hai xente que dorme aquí e eu mesmo vivo ao lado, así que máis ou menos imos controlando a situación. Pero para tomar medidas necesitas medios.

É viable manter un proxecto privado deste tipo nun espazo como este?

Si, pero require moito traballo e capacidade para ir solucionando os problemas. Temos limitacións importantes, sobre todo porque as instalacións non están conectadas á rede eléctrica exterior. Temos que producir nós mesmos a enerxía. Agora estamos estudando meter máis placas solares e máis baterías para aumentar a capacidade.

Como funciona entón o sistema?

Temos un pozo propio que funciona coa enerxía que producimos aquí. Non estamos conectados a redes externas. Tamén temos unha fosa estanca para as augas negras, que ten que vir baleirar un tractor. É un sistema que require investimento, sacrificio e moito enxeño, pero imos tirando. Se non se pode avanzar, hai que buscar a maneira de facelo ano tras ano.

n

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents