Patrimonio xacobeo
O camiño da Geira e dos Arrieiros ao seu paso por Pardesoa
A reitoral, a fonte, o cruceiro e as esculturas do Sisto ofrecen ao peregrino un percorrido polo patrimonio xacobeo que conserva Pardesoa

Portas da reitoral de Pardesoa, Forcarei. / L.F./J.M.B
Luis Ferro- J.M. Bértolo
Aos peregrinos do camiño da Geira e dos Arrieiros, cando chegan a Pardesoa, (Forcarei), son sorprendidos polas tallas que ofrece a porta da vetusta casa reitoral da parroquia. Trátase dunha porta de madeira de dúas follas, que ofrecen un motivo semellante en cada unha delas. Cada folla está dividida en dous cadros, o superior mostra a imaxe do apóstolo Santiago e o inferior a cruz de Santiago.
A figura do apóstolo Santiago, que está sentado sobre unha cadeira de brazos, está barbado, cunha aura sobre a cabeza e cos atributos de peregrino. Sobre a esclavina que cobre os ombros e o peito, reloce a cruz de Santiago, e a man esquerda suxeita un bordón do que colga a cabaza, mentres na dereita sostén un pergamiño que colga desde o seu xeonllo e que ten gravado a seguinte inscrición en latín: HIC–EST-CORPUS–DIVI–IACOBI-APOSTOLI–HISPANIAS–PATRONI, (aquí está o corpo do divino Santiago apóstolo, patrón de España).
Os brazos da cadeira están adornados cada un coa figura dunha cabeza humana, debaixo unha esvástica e de base unha roseta. Remata este conxunto na parte inferior a inscrición: APOSTOL SANTIAGO–PATRON DE ESPAÑA.

Detalle da porta da reitoral de Pardesoa, Forcarei. / L.Fl./J.M.B.
A figura do Apóstolo Santiago sedente é debedora da figura xacobea que preside o altar maior da catedral de Santiago e que moitas veces foi copiada para representar tamén a outros santos ou santas, como a María Salomé, que está xunto ao púlpito da epístola de dita catedral. A imaxe xacobea da catedral está tamén sentada sobre unha cadeira de brazos e remata cada brazo cunha figura de cabeza humana; a esclavina e o bordón están na mesma posición que a talla da porta, e por se quedase algunha dúbida, ata a inscrición que pende da súa man dereita ten as mesmas palabras: hic est corpus…
Na parte inferior da porta, leva tallado un bordón con cabaza e un estandarte postos en aspa e sobre estes a cruz de Santiago cargada no centro dunha vieira.

Detalle da porta da reitoral de Pardesoa, Forcarei. / L.F/J.M.B
A cruz de Santiago, vermella cando se representa en cor, ten forma de espada o brazo inferior, flordelisados os laterais, e cunha estilización de flor de lis o superior. A dobre condición de cruz e espada simboliza a defensa da fe en Cristo, que morreu nunha cruz, mentres que a espada se relaciona coa utilización das armas para defender a fe, pero tamén co instrumento do martirio sufrido polo apóstolo que foi decapitado cunha espada por mandato de Herodes Agripa en Xerusalén.
A vieira, que aquí aparece sobre a cruz de Santiago, aparece xa citada no Codex Calixtinus. Os clérigos entregábana aos peregrinos a súa chegada á cidade de Santiago de Compostela como acreditación de ter completado a peregrinación.
O bordón era o elemento máis representado dos que portaban os peregrinos que facían a pé o camiño. Non é estraño. A multifuncionalidade do bordón convertíano en imprescindible. A función fundamental do bordón era servir de apoio ao camiñante, facilitando a marcha polos pasos dificultosos e evitando tropezos ou caídas. Ademais alixeiraba o peso que recaía sobre os nocellos e ao levar o bordón collido coa man que se sitúa á altura dos ombros, mantendo o brazo en horizontal, facilita a circulación sanguínea e evita que a man se inche. O bordón podíase tamén utilizar como arma defensiva manexable e consistente, tanto para golpear como para punzar, e ademais o bordón levaba un oco, onde gardar as moedas, e así nolo conta Cervantes na segunda parte do Quixote, cando Sancho se encontra co mourisco Ricote, este cóntalle: «Junteme con estos peregrinos, que tienen por costumbre de venir a España muchos dellos, cada año, a visitar los santuarios della, que los tienen por sus Indias, y por certísima granjería y conocida ganancia. Ándanla casi toda, y no hay pueblo ninguno de donde no salgan comidos y bebidos, como suele decirse, y con un real, por lo menos, en dineros, y al cabo de su viaje salen con más de cien escudos de sobra que, trocados en oro, o ya en el hueco de los bordones, o entre los remiendos de las esclavinas, o con la industria que ellos pueden, los sacan del reino y los pasan a sus tierras, a pesar de las guardas de los puestos y puertos donde se registran».

Cruceiro con un peregrino na base. / L.F./J.M.B.
Despois de ver ditas portas continuamos o camiño e temos á nosa esquerda unha fonte de auga, que podemos aproveitar, ornamentada cun escudo heráldico que pertenceu a don Manuel Ogando Ribera e Cadavid, (1733-1820), e que casou en 1772 con María Antonia de Cortes Varela e Bouchar, filla do administrador de Tabacos de Soutelo de Montes.
A fonte está diante da desaparecida capela de Nª Srª Aparecida. En 1737 o párroco de Pardesoa dixo que atopara diante da igrexa parroquial unha imaxe da Virxe do Rosario, de madeira pintada e de tamaño dunha cuarta. Fíxose unha ermida e en 1796 unha señora do Sisto deixou bens para que a capela tivese un capelán. A capela estivo en uso desde 1745 ata 1918, en que deixou de ter a festa por razóns de «economía», segundo unha Asemblea Agraria da parroquia que así o dispuxo. A ermida xa sen uso foi convertida en Teleclub nos anos 70. Agora é onde se recollen as ofrendas e se «pon» a imaxe de san Bieito mentres se di: «san Benito te favoreza e te libre de males estraños».

Esculturas de pregrinos en Sisto. / Codeseda Viva
Un pouco máis abaixo atopamos un cruceiro, que tamén ten relación co camiño dos peregrinos. Está montado sobre unha plataforma de catro chanzos, sobresaíndo moi pouco o inferior. A basa de sección cadrada ten cada cara enmarcada por un listel. Destaca unha das caras que ten unha figura dun peregrino con vestimenta talar e capa, e cun bordón e cabaza na man dereita. Diante de outra cara disponse un pequeno altar. O varal do cruceiro é de sección cilíndrica co dobre de acanaladuras na metade inferior que na superior. O capitel, de estilo corintio, ten un collarino de forma cadrada, e as follas de acanto da cesta son suxeridas mediante riscos, agás as das catro esquinas da parte superior que sobresaen. Remata cun ábaco sobre o que se asenta a cruz. A cruz de sección cilíndrica remata cuns rodetes nos seus extremos. Mirando cara ao camiñante, presenta un Cristo ben proporcionado, cunha coroa de espiñas sobre un ben realizada cabeza, o pé dereito cravado sobre outro cun só cravo e no alto un pergamiño onde se le INRI. Na parte posterior da cruz unha imaxe da Dolorosa con longas vestiduras e as mans xuntas moi cerca do rostro.
O camiño da Geira e dos Arrieiros continúa. Pouco despois no Sisto atopamos unhas esculturas lígneas, talladas por Xesús Padín sobre uns troncos duns vellos cedros, que salientan o deambular dos peregrinos, pero outras moitas mostras de arte xacobea sorprenderán aos que continúan o camiño.
- El convento de Vilavella vuelve a la vida: GBC Hoteles invierte casi 10 millones para convertir el edificio del siglo XVI en un complejo hotelero con spa
- Detenido un conductor de madrugada por saltar por las escaleras de Joaquín Loriga en una persecución policial
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Volotea cancela la venta de 32 rutas para este invierno
- El germen de un icono futbolístico y urbanístico de Vigo
- Lalín dijo sí a sus dos primeras novias
- Evacuado un marinero por un accidente a bordo de un palangrero a 15 millas al oeste de las Cíes
- El calor se ceba con Cíes y Ons: cinco urgencias atendidas en menos de media hora en el Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia