Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Merza prepárase para a quinta Eferro Foliada con artesanía, música e espírito de comunidade

A parroquia cruceña acollerá o 12 de setembro actuacións en directo, a degustación de polbo e churrasco e obradoiros para nenos e adultos

Presentación de la V edición de la Eferro Foliada que se celebra este 12 de septiembre en Merza, Vila de Cruces

Bernabé / Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vila de Cruces

O vindeiro 12 de setembro, a parroquia de Merza, en Vila de Cruces, volverá encherse de música, artesanía e espírito de comunidade coa celebración dunha nova edición da Eferro Foliada. O evento consolidouse como unha das citas que pon en valor o potencial do rural galego como motor de dinamización económica, cultural e turística.

A presentación oficial tivo lugar este xoves no espazo Eferro Ghalpón e contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen arrouparon a iniciativa impulsada pola artesá Elena Ferro e a Asociación Cultural Zoqueira de Merza.

A programación deste ano abrangue un día de festa continua desde o mediodía ata a noite, combinando tradición e vangarda musical. A celebración dará comezo coa sesión vermú, ás 12.30 horas, e coas actuacións de As Estraloqueiras e Mondra que abrirán a xornada no Campo da Festa e que darán paso á degustación do clásico polbo e churrasco.

Xa pola tarde na eira da casa de Elena Ferro actuarán Títeres Larraitz; Regueifa Lupe e Manolo; Unha Señora Orquestra e Unto Vello. A música continuará coas actuacións de Os Melidaos, Baiuca e Feitizo de Pau, rematando esta xornada no Campo da Festa.

Elena Ferro, alma mater do proxecto, subliña que a estrutura mantén a esencia de sempre. «A intención da foliada é facer comunidade e presentarnos todas as persoas da aldea de Merza, do Concello, os nosos amigos e clientes que veñan a pasar un día de alegría no que esteamos todos xuntos», explica a artesá. A entrada é de balde e aberta a todo o mundo.

Como principal novidade desta edición, estrearase unha feira de artesanía que se celebrará no espazo cultural Eferro Ghalpón. Unha cita que realizan cada segundo sábado de mes e que neste caso coincide coa foliada. Ademais da feira, haberá dous obradoiros específicos de artesanía destinados tanto a nenos coma a maiores.

No apartado de recordos, o taller ofrecerá este ano produtos exclusivos. «Fixemos unhas camisetas que son un pouco máis didácticas, pensando nos nenos e nenas e que explican a diferencia entre zoco e zoca, e outra camiseta coa definición de zoco”, explica Ferro. A iniciativa tamén conta co respaldo de patrocinadores como Deleite, Estrella Galicia e a incorporación de Aceites Abril, que achegará botellas personalizadas.

A idea da Eferro Foliada naceu no ano 2015, coincidindo co centenario do histórico taller de zocos familiar. Tras unha pausa e o impulso vital que supuxo a pandemia, o proxecto fixo realidade o desexo de celebrar a cultura propia cada ano.

Para Ferro, a foliada é moito máis ca unha festa: «As cousas máis importantes do noso traballo, ademais dos zocos, é a defensa do rural e da nosa lingua, que todo forma parte da nosa cultura. Facer a foliada é tamén ensinarlle un pouco ao mundo que se poden facer cousas bonitas dende o rural, e que non é necesario estar nunha gran cidade». A artesá celebra ademais a evolución social deste calzado tradicional: “É conmemorar un pouco que aos zocos lles cambiou o conto, que xa non é ese calzado desprezado de antes, e que é un calzado máis, que se fai dende o rural», conclúe a artesá.

Detrás deste evento hai unha enorme organización coral coordinada polo equipo do taller e a Asociación Cultural Zoqueira de Merza. Tras reunir en edicións anteriores arredor de 4.000 persoas, a organización prevé unha ampliación do espazo que permitirá triplicar a capacidade de acollida, consolidando a Eferro Foliada como un referente que demostra que a cultura e a identidade brillan con forza dende o corazón do territorio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents