Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Falamos con | Alberte Leis Músico

"O ukelele une persoas e axuda a crear comunidade"

A banda compostelá Ukestra do Medio presenta o seu novo disco este xoves 27 na Estrada, nunha proposta musical co ukelele como protagonista

César Parcero, Katia Mera, Alberte Leis, Yolanda Porto e Carlos Gómez "Soni" son Ukestrada do Medio.

César Parcero, Katia Mera, Alberte Leis, Yolanda Porto e Carlos Gómez "Soni" son Ukestrada do Medio. / FDV_Externas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Ukestra do Medio chega á Estrada para ofrecer un concerto este xoves 27 de agosto, ás 21 horas, na Riala Taberna. A banda, nacida en Santiago de Compostela, presenta o seu cuarto traballo, De Aquí e de Acolá, un disco que percorre estilos como o pop, o folk, o swing, o country, a cúmbia ou a bossa nova, co ukelele como protagonista. A formación actual está integrada por Alberte Leis, ao baixo ukelele; Carlos Gómez "Soni", Katia Mera e César Parcero, aos ukeleles, e Yolanda Porto, ao caixón e ás percusións. Todos participan tamén nas voces, nunha proposta que combina música, humor e enerxía, sen renunciar á crítica social, á morriña ou ao desamor. Con motivo da súa visita á Estrada, falamos con eles sobre a banda, o ukelele e o seu novo disco.

Por que decidiron formar o grupo e poñer o ukelele no centro?

Coñecémonos nunha aula de ukelele, onde nos xuntabamos para tocar e aprender cancións. Estabamos na Escola do Medio, na rúa do Medio de Compostela, e comezamos a tocar en directo co profesor. Cando el deixou o proxecto, decidimos continuar, facer concertos e compoñer. O ukelele é moi agradecido para comezar.

Que posibilidades ofrece o ukelele máis alá do hawaiano?

Moitas. É lóxico que se relacione con Hawai, pero o instrumento procede de Portugal e permite facer todo tipo de música. Pode haber pop, rock, folk ou o que queiramos.

Que buscaban con De Aqui e de Acolá?

É probablemente o noso disco máis alegre. Nos anteriores faciamos letras máis ácidas, que contrastaban co son do ukelele. Desta vez buscamos algo máis alegre, próximo e positivo, aínda que tamén hai temas sociais, morriña e desamor.

Como se reparten as composicións?

É un traballo colectivo. Actualmente somos cinco e hai cancións de todos e todas, con letras e músicas propias. Cada quen trae unha idea e despois rematámola entre todos.

ukestra do medio grupo música ukelele

Ukestra do Medio en concerto. / João Gomes Portukulele

Que concertos recentes gardan con máis cariño?

A presentación do disco na sala Riquela foi fantástica. Era domingo ao mediodía e non sabiamos se funcionaría cobrar entrada, pero foi un éxito: vendemos moitos discos e había xente cantando e bailando. Tamén foi moi emocionante tocar no Auditorio de Galicia coas escolas Semente e ver os cativos cantando connosco.

Como é gravar un disco con tantos ukeleles?

É curioso porque soa moi bonito, pero ten pouco volume. Hai que coidar moito como amplificalo. Ás veces gravamos coa pastilla e outras cun micrófono; con este último pode entrar máis ruído ambiental que o propio ukelele.

Que lle diría a quen aínda pensa en Over the Rainbow?

Que nunca a tocamos! (Ri). Moita xente, cando ve un ukelele, pensa nesa canción. Non a descartamos, pero o ukelele permite moitísimo máis. Incluso pode entrar no rock: existen ukeleles eléctricos e tamén se pode traballar con distorsión.

Como foi tocar en Portugal?

Moi ben. Este ano fomos por segunda vez e tocamos en Porto e Vila Nova de Gaia nunha festa dunha comunidade de ukeleles, Portukelele. Atopamos grupos de San Martiño, Porto, Lisboa, Setúbal ou Coimbra. Nunha destas xuntanzas chegamos a ser unhas setenta persoas tocando xuntas, algo que aquí botamos en falta. En Galicia non coñecemos unha comunidade así de activa, polo que sería moi interesante que aparecesen máis iniciativas deste tipo.

Que achega a experiencia previa dos músicos?

Temos perfís diferentes. Hai quen levaba quince ou vinte anos tocando rock and roll, como eu en Samesugas, e Carlos "Soni" tamén segue en grupos de rock. Outros empezaron con Ukestra do Medio. Esa mestura funciona porque, nun grupo, ademais de soar xuntos, é fundamental a relación humana.

Que proxectos teñen agora?

Queremos seguir presentando o disco e percorrer Galicia e o resto do Estado. Xa tocamos en Londres, Cambridge e algúns lugares da península, e este ano volvemos a Portugal. Temos datas pendentes de anunciar en Vigo, Ourense, Ferrol e outros puntos.

Como animaría o público a achegarse ao concerto da Estrada?

O ukelele sempre dá alegría ao corpo. Temos músicas de moitos estilos, desde temas máis optimistas ata outros máis enérxicos, e intentamos que os concertos teñan chispa e comunicación. Queremos que a xente veña escoitar música, pero tamén que o pase ben.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents