Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música

Punk e rock no corazón da Bandeira

O festival Murallón de Son regresa os días 2 e 3 de outubro á carballeira da Pomba coa súa quinta edición, na que actuarán grupos internacionais como Booze & Glory e Blood Command

Actuación da pasada edición no Murallón de Son.

Actuación da pasada edición no Murallón de Son. / Bernabé / Ángel Abeledo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Silleda

O festival Murallón do Son de A Bandeira afronta este ano a súa quinta edición o 2 e 3 de outubro con novidades na súa programación e coa mesma filosofía que a viu nacer, achegar a música que aman os seus organizadores ata o corazón do seu pobo.

Detrás deste evento atópase un grupo de nove amigos e amigas unidos pola súa paixón pola música. Tal e como explica Pablo Rey, un dos organizadores, o camiño percorrido nestes cinco anos serviu para gañar experiencia: «Ao levar cinco anos organizando o festival, axilízate certos trámites. Xa sabes onde buscar os contactos das productoras, ou de quen leva as bandas».

O esforzo que supón coordinar un evento deste calibre é grande, pero a recompensa vale as horas de traballo desinteresado. «Nunca imaxinabamos chegar a bandas internacionais, non estaba na nosa cabeza, pero imos pouco a pouco. Cada ano xurde unha oportunidade nova e imos adiante con ela, sen medo», sinala Rey sobre a evolución do proxecto. Tras uns meses de descanso logo de cada edición, a maquinaria vólvese poñer en marcha a comezos de ano: «Para nós é fácil xuntarnos porque somos nove compañeiros que nos levamos ben. Vaise creando a idea a principios de ano e a partir de febreiro e marzo imos pechando cousiñas».

A gran novidade deste ano radica na modificación dos días de celebración, recuperando a xornada de venres cun enfoque moi tradicional.O programa desta xornada inclúe un Serán MDS con agrupacións locais, un obradoiro impartido por As Sororas baixo o título Coa forza no falar, e as actuacións musicais de Requinta de Lampai e Bouba.

O sábado 3 de outubro será o núcleo forte do festival na carballeira da Pomba. A xornada arrancará cunha sesión vermú, seguida de pinchadiscos pola tarde e os concertos a partir das 18:00 ou 19:00 horas, prolongándose ata a madrugada cunha mestura de bandas e djs.

O cartel deste ano destaca pola súa ambición dentro dos xéneros do punk, rock e hardcore, logrando traer auténticas referencias internacionais grazas a meses de traballo constante. Entre os pratos fortes atópanse os británicos Booze & Glory, un auténtico símbolo do punk europeo, e a banda noruega Blood Command.

«Estamos moi orgullosos do cartel deste ano, de dar traído referencias como pode ser Booze & Glory... Non somos unha empresa, senón que somos unha asociación sen ánimo de lucro e facemos isto no noso tempo libre e por amor ao arte», apunta o organizador. Nesta xornada de sábado tamén actuarán Fuet!; Falperrys; Disaster Jacks, Pants Off e Boogies.

Como gran agasallo para os asistentes, a organización confirmou que a entrada volverá ser completamente gratuíta e de libre acceso, unha das grandes sorpresas desta edición xunto coa habilitación dunha zona de acampada no polideportivo da Bandeira.

Fóra de calquera pretensión de crecemento desmedido, a meta do Murallón do Son segue a ser a mesma que o primeiro día. O obxectivo céntrase en desfrutar do proceso e compartir a música en directo coa veciñanza. «As nosas expectativas son ir pasando ano a ano, que o festival se siga consolidando como ata agora. Estamos no formato que queremos, e facendo o que nos gusta, así que a expectativa non vai máis alá de seguir iso no noso pobo» conclúe Pablo Rey.. Cunha sólida base de asistentes, o apoio incondicional do público e un cartel de primeiro nivel, o Murallón do Son prepárase para vivir dúas xornadas de festa inesquecibles.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents