Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio megalítico

Pastor de mámoas en terras de Cerdedo

O Colectivo Capitán Gosende descobre unha mámoa no monte de Parada. En Cerdedo, o número de tumbas neolíticas inventariadas ascende a 57

Mámoa do Milladoiro (Parada-Cerdedo). | CAPITÁN GOSENDE

Mámoa do Milladoiro (Parada-Cerdedo). | CAPITÁN GOSENDE

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Calros Solla

Cerdedo

Aproveitando o descenso térmico, o venres 21 de agosto membros do Colectivo Capitán Gosende investimos a xornada en patear as pistas e carreiros do monte de Parada, vieiros trazados perto da estrema coa parroquia de Figueiroa (ambas, freguesías cerdedesas).

Entre outros cometidos, movíanos o devezo de comprobar que se ocultaba nun punto intermedio do camiño vereeiro que, de antigo, pon en comunicación as aldeas do Milladoiro (Parada), ao leste, e Loureiro (Figueiroa), ao oeste (uns 2’5 km de distancia). Nas útimas décadas, este camiño ancestral foi transformado por tramos en pista forestal ou devasa tornalumes, discorrendo entre unha vasta repoboación de piñeiros.

Auxiliado pola fotografía aérea do Voo Americano 1956-57 e as curvas de nivel plasmadas no Topográfico 1:25.000, intuín que nas coordenadas X: 551.369; Y: 4.711.134 podía localizarse unha mámoa aínda non referenciada. Antes de proceder á exploración, comprobouse que o suposto sitio arqueolóxico non estaba consignado no Mapa de aproveitamentos forestais (mapas.xunta.gal).

Membros do Capitán Gosende na mámoa recén descuberta. | CAPITÁN GOSENDE

Membros do Capitán Gosende na mámoa recén descuberta. | CAPITÁN GOSENDE

O lugar presentaba as características que tantas veces (outras tantas, non) me deran a razón. Conforme o dexergado na fotografía do Voo Americano, o devandito camiño O Milladoiro-Loureiro gallaba nese punto, cinguindo e “respectando” unha leve prominencia do terreo. Conforme o Topográfico, a suposta mámoa situábase nunha chaela preeminente e despexada, relanzo do camiño e cota máxima daquel montelo (550 m de alt.). Conforme o visor da Atriga, e, como adoita acontecer, os antepasados fixeran do túmulo fito de deslinde interparroquial. Finalmente, non cabe dúbida que o topónimo “Milladoiro” era de seu abondo estimulante.

Mentres avanzabamos cara ao noso obxectivo, fómonos deleitando coa luz filtrada polo avesedo de carballeiras e acivais que, vizosos, se estenden ás beiras da verea.

Ben orientados co GPS, non tardamos en acadar as coordenadas referidas, confirmando para satisfacción do grupo de exploradores as nosas sospeitas. A intuición leváranos, unha vez máis, ao pé dunha mámoa, dunha tumba megalítica non catalogada por Patrimonio. O xacemento arqueolóxico, que mantivera case intacta a súa integridade ao longo de 5.000 anos de incesante actividade agrícola e forestal, reservábase calado os segredos da súa azarosa existencia.

Será capaz o pobo galego de preservar o seu patrimonio megalítico outros 5.000 anos? Sera capaz a humanidade de acadar ese horizonte temporal?

Xa que o xacigo non ía mostrar desconformidade, decidimos bautizalo co nome de “Mámoa do Milladoiro”, xa por facilitar a súa identificación e localización no mapa, xa por situarse máis próximo á aldea onde comezaramos a nosa excursión. A medorra dista da aldea do Milladoiro escasos 900 m.

A mámoa posúe as dimensións agardadas: uns 20 m de diámetro e unha foca de espoliación de 3’5 m de diámetro. Na actualidade, o túmulo acada 1’60 m de altura máxima, malia que, en orixe, puido atinxir os 5 m. A coiraza do xacemento serve de soporte a diversos espécimes vexetais: herbáceas, carrasco, toxo, carballeiros e piñeiros novos.

Non ten á vista ortostato ningún, que, por mor da natureza litolóxica da contorna (liña de contacto entre a pedra de gran cerdedesa e o metamorfismo forcareiés), puideran ser graníticos ou xistosos. Neste senso, nas inmediacións da mámoa espoliada –zona de predominio metamórfico–, chamáronnos a atención uns vargos graníticos de gran tamaño empregados no cerramento ou derrega dunha parcela montesa. Son, quizais, os tales vargos fragmentos dos ortostatos extraídos xacando da mámoa?

A mámoa do Milladoiro é o primeiro xacemento desta índole descuberto na parroquia de Parada.

Por contextualizar o achado, a mámoa sitúase a uns 350 m ao nordés do petróglifo do outeiro dos Píos (ou do Outeiro Rachado), descuberto por Capitán Gosende o 19 de xuño de 2016 (Faro de Vigo-Montes, 26-6-2016), outro dos fitos de deslinde estabelecidos pola veciñanza in illo tempore para as parroquias de Figueiroa e Parada.

No tocante ao topónimo “Milladoiro”, este fai referencia ás moreas de pedras (cachotes, rebos) que, xa en época prerromana e co pasar dos anos, os viandantes foron amontoando na beira dun carreiro ou encrucillada propiciatorios como ofrenda ás deidades dos camiños. Após a cristianización –resignificados ou de nova fundación–, os romeiros seguiron fornecéndoos de pedras, como exvotos ao santuario avogoso cara a onde se dirixían.

Carecendo doutras evidencias e constatando, polo momento, a ausencia na zona doutros xacementos deste teor, a recén descuberta mámoa do Milladoiro podería ser o sitio arqueolóxico que xustificase o topónimo “Milladoiro”.

Tomaron os naturais, en época histórica, a mámoa e a súa pétrea coiraza por amoreamento ritual? Os romeiros que, empregando aquel camiño, se achegaban ao templo do San Pedro (séc. XVIII) ou á ermida do Pego (séc. XVI) mantiveron o ritual do pousado das pedras? É a mámoa descuberta o pasado venres un milladoiro que, por semellanza estrutural, padeceu a espoliación xeneralizada das tumbas neolíticas levada a cabo no país galego dende comezos do século XVII? O misterio convida a seguir indagando.

Dende o exilio arxentino, o poeta cerdedés Otero Espasandín escribe en 1942 o poema “Pico de Castrodiz”. Del extraemos o verso –Pastor de mámoas en terras de Cerdedo!– co que titulamos este artigo, pois, en efecto, Castrodiz e os seus 631 m de altitude eríxeno en lírico sentinela do noso gando arqueolóxico. Ou como cantaría o pobo: Santo Antonio bendito/gharde a miña becerra/que pasa a noite soíña/no máis alto da serra. O coto de Castrodiz dista, cara a poñente, 3’8 quilómetros da mámoa do Milladoiro.

Coa descuberta da mámoa 10 do Outeiro dos Corvos o pasado 28 de xullo (Faro de Vigo-Montes, 31-7-2026) e co achado, o 21 de agosto, da mámoa do Milladoiro, os exploradores do Capitán Gosende acadan a cifra de 16 tumbas megalíticas na comarca de Montes. 12 desas mámoas atópanse en territorio cerdedés. En Cerdedo, o número de mámoas inventariadas (catalogadas ou non) ascende arestora a 57.

E coa cana pescando!, como diría –sempre connosco– o noso Juan Soto.

Tracking Pixel Contents