Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Lourdes Ovelleiro Garrido Medalla de Ouro de Amigos da Terra de Montes

«Estou moi agradecida por que pensasen en min»

O 12 de setembro recibirá en Beariz un recoñecemento pola súa traxectoria xunto a Roberto Rodríguez e Cándido Iglesias

Lourdes Ovelleiro García recibirá a homenaxe polo seu traballo a favor da Terra de Montes.

Lourdes Ovelleiro García recibirá a homenaxe polo seu traballo a favor da Terra de Montes. / FDV_Externas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cerdedo Cotobade

Lourdes Ovelleiro Garrido será distinguida o próximo 12 de setembro coa Medalla de Ouro 2026 da Asociación de Amigos da Terra de Montes, durante a súa Xuntanza anual en Beariz. Natural do Val de Quireza, desenvolveu desde 1995 unha traxectoria vinculada ao servizo público, á cultura, ao patrimonio e á defensa do territorio. A asociación destaca tamén a súa colaboración coa Banda de Música de Cerdedo, a súa escola e o Auditorio e Centro Cultural.

Que sentiu cando lle comunicaron que ía recibir a Medalla de Ouro?

Foi moi emocionante. Estou moi contenta e orgullosa. É o máximo recoñecemento que pode facer a asociación e estou moi agradecida por que pensasen en min. Recibila dunha entidade coa que compartín tantos anos ten un significado especial.

É especialmente significativo que o recoñecemento veña de Amigos da Terra de Montes?

Si, moito. Empecei a traballar no Concello de Cerdedo en 1995 e no ano 2000 o presidente Jaime Iglesias animoume a entrar na asociación. Desde entón fun colaborando e traballando con todos. Pasei por presidentes como Jaime Iglesias ou Antonio Ulías, e con José Raposeiras foi co que máis traballei. Xa levo vinte e seis anos vinculada a ela.

Que significa para vostede a Terra de Montes?

É un territorio cunha identidade moi forte e cunha asociación que defende o patrimonio e loita contra o despoboamento. A Terra de Montes abrangue Cerdedo, Forcarei e Beariz, con historia común. As xuntanzas anuais demostran que hai interese por manter esa identidade.

«Terra de Montes é unha terra de raíces, identidade e compromiso»

Vostede leva anos vinculada á asociación. Que lembra das primeiras Xuntanzas?

Seguimos traballando máis ou menos nos mesmos temas: a cultura, a emigración, especialmente en Beariz, os Mestres de Cerdedo, os canteiros, a medicina, os cregos... Antes participaba xente máis maior e agora tamén se procura incorporar persoas novas.

Haberá relevo para continuar ese traballo?

A asociación naceu arredor de xente universitaria, pero pode formar parte dela calquera persoa interesada pola Terra de Montes. O importante é que haxa xente disposta a colaborar.

Que supón para vostede participar na entrega das medallas?

É emocionante, sobre todo porque permite atoparse con persoas que ás veces non ves durante tempo. Son momentos de reencontro.

Que lle parece que o seu traballo sexa o motivo da homenaxe?

Pois estou moi contenta por este recoñecemento. Un traballa porque cre no que fai e porque pensa que pode ser útil, non esperando recibir nada. Agradécese especialmente cando outras persoas consideran que ese esforzo merece ser recoñecido.

Que significa compartir o recoñecemento con Roberto Rodríguez e Cándido Iglesias?

Coñezo a Cándido e paréceme moi bonito compartir esta medalla con persoas que tamén teñen unha traxectoria vinculada á Terra de Montes. É un recoñecemento a distintas maneiras de traballar.

Se tivese que explicar nunha frase por que paga a pena defender a Terra de Montes, que diría?

Porque é moi rica cultural e patrimonialmente, pero tamén pola gastronomía, as rutas, a música e a natureza. Temos moito que ofrecer e conservar. Hai unha riqueza que ás veces non valoramos.

Que lle diría a alguén que nunca visitou Terra de Montes para animala a coñecela?

—A Terra de Montes é moi rica a nivel cultural, de monumentos, de rutas e de gastronomía, pero tamén musicalmente, porque temos moitos gaiteiros e moitas bandas. As rutas e os lugares que hai son moi interesantes e moi bonitos para visitar, igual que as praias fluviais. Hai moito de todo e hai que coñecela porque, a verdade, merece a pena.

Como reaccionou a familia cando soubo da medalla?

O meu marido e a miña filla puxéronse moi contentos. Para eles tamén foi unha alegría e creo que están orgullosos. Só podo agradecer á asociación que me entregue esta insignia e teña presente tantos anos de traballo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents