Entrevista | Xosé Manuel Budiño Músico
«Non se trata de demostrar nada, senón de gozar o proceso»
A xira de Branca Vela chega este venres a Cerdedo Cotobade cunha proposta de raíz, baile e novas sonoridades que reivindica a tradición desde unha mirada contemporánea

En 2027, Paralaia, o primeiro disco de Budiño, cumprirá 30 anos e celebrarase cunha xira especial. / FdV
Budiño chega este venres á Praza da Chan de Cerdedo Cotobade coa xira de Branca Vela, o seu último disco. Case trinta anos despois do seu primeiro traballo e con máis de trinta anos de escenarios, continúa explorando novas posibilidades para a gaita e a música de raíz, sen perder a conexión co público nin a curiosidade por descubrir camiños.
Hai anos dicía que quería ser como Milladoiro, pero coa actitude de Miguel Ríos. Que queda hoxe daquela idea?
O meu primeiro concerto foi con doce anos, en Balaídos, vendo a Miguel Ríos. Diante del tocaron Leño e Luz Casal. Encantábame esa actitude de rock and roll. Despois comecei coa música tradicional e a música levoume por moitos camiños: grupos de baile, bandas de gaitas, folk, Siniestro Total, orquestras sinfónicas e jazz con Jorge Pardo. Foi unha carreira bonita. Hai pouco dicía, despois de tocar con Luz Casal, que quería ser ela. A vida vai por moitos camiños e nunca sabes o que queres ser. Quero facer o meu propio camiño e desfrutalo.
En 2027 cumpriránse 30 anos do seu primeiro disco, "Paralaia". Como mira hoxe ese percorrido?
Vexo eses trinta anos moi lonxe. Con quince anos comecei a tocar e xa daquela decidín que isto ía ser a miña vida. O ano que vén queremos facer algo especial, un resumo de toda esta carreira, cun espectáculo novo. Xa empezamos a traballar nel e quero coidalo tamén na parte audiovisual, iluminación, posta en escena e vestiario.
Vostede contribuíu a demostrar que a gaita tiña un mundo por descubrir. Queda aínda camiño?
Nós formamos parte dunha xeración que conseguiu a profesionalización do instrumento. Queriamos demostrar que a gaita podía estar en calquera escenario e falar de ti a ti con outros instrumentos e estilos. Conseguimos tocar con orquestras sinfónicas, jazz, rock, pop... Esa normalización era o que queriamos.

Budiño actuará este venres na Praza da Chan de Cotobade, ás 22.00 horas, dentro da xira de Branca Vela. / FDV_Externas
Era consciente daquela suposta rivalidade entre vostede e Carlos Núñez, con seguidores dun e do outro?
(Rí). Si, a nós facíanos bastante graza todo aquilo. Carlos e eu coñecémonos desde os catorce ou quince anos, estudamos xuntos e tocamos moito. Somos bos amigos e téñolle un respecto absoluto por todo o que fai. Se esa rivalidade existía entre os públicos, a nós resultábanos máis ben curiosa e divertida.
Que quería recuperar con Branca Vela?
Pasei moitas tardes tocando para grupos de baile, con xotas, muiñeiras e pasodobres. Vivín ese proceso de tocar para que a xente bailase e se divertise. Quería volver a ese punto, pero facendo música de composición propia. Quería que fose música para bailar e tamén para cantar. E atopei un público receptivo: a letra non a coñecen porque non é tradicional, pero o código está aí.
A xira lévao este venres a Cerdedo Cotobade. Que espera desa noite?
O ano pasado tocamos en Cerdedo e este ano estaremos en Cotobade. Foi un dos concertos máis bonitos que lembramos do ano pasado. Nos concellos de interior, a xente goza doutra maneira e a comunicación tamén é diferente. Son recunchos que admiramos e buscamos porque permiten unha conexión moi directa co pobo.
Que achega a banda que o acompaña nesta xira?
É unha banda nova, con músicos que estudan música tradicional, pero tamén jazz e outros estilos. Todos cantan, bailan ou tocan instrumentos tradicionais e hai un momento no que collemos a pandeireta e facemos unha xota ou muiñeira. O importante é ir á raíz e, a partir de aí, facer explotar o concepto. Eu defendo os meus discos, pero tamén aprendo cousas novas con cada músico.
Que o segue motivando para facer música e subir aos escenarios?
Unha das grandes motivacións é seguir indo a concertos e festivais e descubrir propostas de todos os estilos. Ver artistas enriba do escenario con propostas potentes e interesantes é algo que me motiva.
Despois de todo o conseguido, queda algo por demostrar?
O que me apaixona é subirme a un escenario, preparar as ideas e os concertos, ensaiar coa banda e conseguir que todo estea ben ensamblado. Iso é o que me emociona. Non se trata tanto de demostrar algo como de seguir gozando dese proceso.
Suscríbete para seguir leyendo
- El convento de Vilavella vuelve a la vida: GBC Hoteles invierte casi 10 millones para convertir el edificio del siglo XVI en un complejo hotelero con spa
- Detenido un conductor de madrugada por saltar por las escaleras de Joaquín Loriga en una persecución policial
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Volotea cancela la venta de 32 rutas para este invierno
- El germen de un icono futbolístico y urbanístico de Vigo
- Lalín dijo sí a sus dos primeras novias
- Evacuado un marinero por un accidente a bordo de un palangrero a 15 millas al oeste de las Cíes
- El calor se ceba con Cíes y Ons: cinco urgencias atendidas en menos de media hora en el Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia