Ocio
A música toma o antigo CEIP de Merza
Preto de trinta rapaces participan neste campamento de verán que combina a técnica instrumental co lecer e o traballo en equipo

Mestres e participantes do Campamento Musical de Merza que comezou este luns no antigo colexio. / Bernabé / Javier Lalín
Cando os corredores dun colexio pechado volven encherse de risas, notas musicais e pasos axitados, significa que algo especial está a suceder. É o que se vive estes días no antigo CEIP de Merza, onde arredor de 30 nenos e nenas danse cita nunha nova edición do campamento musical, que xa forma parte da identidade estival da contorna. Cun historial de máis de dez anos de andaina, esta iniciativa regresa con diferentes modalidades, apostando pola cercanía, a convivencia e o amor pola música.
Detrás da maxia e do ritmo que inundan cada espazo do colexio hai moito traballo invisible. Un dos profesores do campamento, Javier Troitiño, explica o esforzo que supón poñer en marcha esta proposta: «Entrepreparar o espazo, planificar as clases… Aínda que só sexan tres días, leva un pouco de tempo programar todo».
A organización tivo moi en conta a diversidade do alumnado á hora de deseñar o programa deste ano. A diferencia doutras edicións pasadas, nas que se realizaban pernoctas fóra, nesta ocasión optouse por un enfoque máis integrado e accesible. «Hai alumnado que non é da Escola de Música e que incluso teñen catro anos. Así que apostamos por un campamento máis caseiro, por dicilo dalgunha forma, e facer unha convivencia máis pola zona», explicaba Troitiño.
Con 30 rapaces e rapazas de idades e formacións dispares, coordinar as actividades e as clases supón un auténtico desafío técnico e creativo. Porén, a dispoñibilidade do centro educativo facilita moito as cousas. «Temos sorte de poder aproveitar o antigo colexio de Merza, que agora está en desuso. O maior reto quizais foi planificar as clases do alumnado que non é da Escola xunto co que está na Banda Infantil, para intentar facer algo de forma conxunta no concerto que se vai celebrar este mércores», aseguraba o mestre.
Para facer realidade este obxectivo, Javier Troitiño non está só. Xunto a el, un equipo de profesionais e músicos da propia banda encárgase de guiar os menores: Rubén Fuerte, Noa Guzmán, Leonor Boix e Nicolás Conde son encargados de compartir os seus coñecementos cos participantes.
En canto as portas do antigo CEIP de Merza abriron para recibir aos nenos e nenas, a prioridade absoluta non foi a partitura nin a técnica, senón a conexión persoal. Varios alumnos xa contan con experiencia previa noutras actividades organizadas pola Banda, pero o ambiente busca ser integrador para todos dende o primeiro segundo
«Neste primeiro día o que fixemos foi un pouco coñecernos, sobre todo cos máis pequenos. O que buscabamos era xerar máis un vínculo ou apego entre eles mesmos e co profesorado do campamento», explicaba Troitiño.
A programación estrutúrase para atender tanto aos iniciados coma aos que pisan o espazo musical por primeira vez. Os integrantes da Banda Infantil reciben sesións iniciais centradas no traballo técnico dos seus propios instrumentos, seguidas de ensaios específicos das pezas que interpretarán no gran concerto do mércores. Por outra banda, os demais participantes levan a cabo dinámicas de música en movemento, xogos de interacción rítmica, obradoiros artísticos e unha aproximación directa a todo o instrumental dispoñible.
O obxectivo destas dinámicas é claro: espertar a curiosidade dende a base. Como sinala Troitiño: «Faise a través de xogos, aprendizaxe por descubrimento, interactuando con el. Ao estar acompañado de alumnado que forma parte da Banda, eles lles explican as súas impresións e os seus gustos».
Deste xeito, os máis pequenos teñen a oportunidade de probar de primeira man tódolos instrumentos, tocar os materiais, entender as súas texturas e sons, e deixar que lles entre o «gusanillo» polo mundo musical.
Máis alá de aprender ritmo ou afinar acordes, o campamento de Merza funciona como unha escola de cidadanía e convivencia. O traballo en grupo require habilidades sociais indispensables para a vida cotiá. «O principal é o traballo en equipo, porque é algo esencial hoxe en día, a cooperación de saberse escoitar. Ao estar dentro dun grupo, onde todos tocan un instrumento, tes que escoitar ao resto e saber cooperar. Tamén transmitimos outros valores como o compromiso e a disciplina. Son moitas as cousas que traballamos, sobre todo a nivel social», recoñece Troitiño.
Para que a experiencia sexa inesquecible, o segredo radica en combinar o esforzo nos ensaios con espazos de lecer e desconexión. O profesorado ten moi claro que a motivación mantense viva cando se coida o benestar dos rapaces. «O alumnado ten que vir con ganas de aprender e que sexa dende o punto de vista do xogo e do ambiente lúdico. Temos tempo de piscina, de descanso, de dinámicas de grupo. Hai de todo, polo que non é estrictamente musical, e con isto se atrae ao alumnado», manifestaba Troitiño.
Con esta combinación de traballo colectivo, ilusión, xogo e melodías, o Antigo CEIP de Merza consolídase como o epicentro da música máis viva e próxima, preparando o terreo para o concerto do mércores que promete emocionar ao público asistente.
Suscríbete para seguir leyendo
- Iago Rodríguez, el ourensano que repartió pizzas para pagarse la licencia de piloto y ahora protege los montes gallegos desde el cielo
- El complejo deportivo de Samil tiene fecha de caducidad: así se transformará esta zona de Vigo en los próximos años
- La huella de la Sareb en Cangas deja chalés okupados y edificios en ruina
- Vigo registra la mayor tasa de ingresos con covid de Galicia tras más que duplicarse en una semana
- Cesa el asesor de Rafa Domínguez en la Diputación de Pontevedra a raíz de su polémico vídeo en TikTok
- Facenda duplica el valor de los inmuebles declarados en compraventas y herencias para elevar su recaudación
- Crimen en Ponteareas: detenido un hombre por presuntamente matar a su madre octogenaria
- Muere Pedro Ocampo, exconcejal de Porriño y profesor