Nova etapa
A Riala vaise da Estrada e pon rumbo a Vedra para seguir medrando
A taberna despedirase dos clientes en setembro e abrirá en San Fins de Sales en outubro, mantendo a súa aposta pola gastronomía, a cultura e a proximidade

Álex de Couso, xerente de A Riala, posa para FARO no local da Zona dos Viños da Estrada que deixará en setembro. / Bernabé / Javier Lalín / FDV
A Riala prepara o traslado da zona dos Viños da Estrada a San Fins de Sales, no concello de Vedra, onde iniciará unha nova etapa cun espazo máis amplo.
A Riala ten tamén unha historia familiar detrás do seu nome. A avoa de Álex, natural de Couso, era coñecida como «a Riala», o nome da casa familiar que acabou dando identidade ao proxecto hostaleiro. A historia familiar está así moi presente nun negocio que Álex concibe tamén como unha forma de manter viva esa conexión coa súa orixe. Agora, tres anos despois da apertura na Estrada, a taberna prepara o seu traslado a Vedra.
O establecemento ocupará o espazo que anteriormente acollía A Taberna do Souto, en San Fins de Sales. Trátase dun local máis grande, que permitirá ampliar a actividade e organizar unha programación cultural e gastronómica máis ampla e continuada. Concertos, exposicións e propostas gastronómicas terán máis cabida nun espazo que dependerá menos da meteoroloxía e das limitacións físicas do actual local.

Álex de Couso, xerente de A Riala, posa para FARO no local da Zona dos Viños da Estrada que deixará en setembro. / Bernabé / Javier Lalín / FDV
O cambio tamén permitirá ampliar a oferta da carta, con máis pratos e racións, mantendo a aposta polos bos viños e as cervexas e prestando especial atención ás producións locais e aos pequenos produtores.
A apertura demorará ata outubro porque "o local precisa converterse na Riala". A decoración, a iluminación e a distribución serán parte dun proceso co que Álex quere adaptar o novo espazo á identidade do proxecto.
A elección de Vedra responde, segundo explica, á procura do lugar máis próximo que atopou e que encaixa coa idea de negocio actual. Había outras posibilidades, incluso na propia vila da Estrada, pero o espazo de San Fins de Sales adáptase especialmente ben ás necesidades físicas do proxecto e tamén ás posibilidades económicas para afrontar a reforma e a decoración.
A filosofía non cambiará co traslado. "Cambiar cousas non tería sentido", sinala Álex, que aposta por continuar coa mesma Riala, pero nun espazo máis adecuado e cunha capacidade maior.
O anuncio do cambio está a ter tamén unha importante resposta emocional. Álex recoñece que non sabe "se chorar de emoción ou de tristeza", despois de recibir numerosas chamadas e mostras de cariño por parte de persoas que coñecen e acompañaron o proxecto durante estes tres anos.
A Riala prepara así o salto a Vedra sen renunciar á identidade construída na Estrada nin á historia familiar que está detrás do seu nome, mantendo a aposta pola gastronomía, o viño, a cultura e a proximidade.
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- La Guardia Civil investiga vertidos durante unos trabajos de reparación de un barco de pasaje en Bueu
- La Guardia Civil logra frenar una estafa de 46.300 euros con criptomonedas a un pontevedrés
- Comprar en el centro de Vigo es tres veces más caro que en la periferia: así están los precios del metro cuadrado por barrios
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Sin consenso en Vigo por Peinador: Abel Caballero insiste en que «solo hay un modelo» y Luisa Sánchez lo acusa de «despreciar» fondos de Diputación y Xunta
- El mosquito tigre se extiende en el área de Vigo: cómo evitar y paliar su persistente picadura
- Un niño alerta al 112 de un incendio en su casa en Vigo mientras su madre intenta apagarlo