Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio

A festa da Santa Margarida en San Xiao de Piñeiro

Dous intres das celebracións relixiosas, con procesión, na festa en honra de Santa Margarida. Escudo, (á esquerda) hórreo e pombal e capela do pazo de Carricoba e, (á dereita) Foto e fotogrametría da inscrición e o relevo da fachada da igrexa.  | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

Dous intres das celebracións relixiosas, con procesión, na festa en honra de Santa Margarida. Escudo, (á esquerda) hórreo e pombal e capela do pazo de Carricoba e, (á dereita) Foto e fotogrametría da inscrición e o relevo da fachada da igrexa. | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Silleda

Non é esta festa da Santa Margarida a única que celebran os veciños da parroquia de Piñeiro en Silleda, xa que a principios de xaneiro veñen celebrando a do patrón San Xiao, sen música, pero con xantares e invitados nas casas, o mesmo cá do Santo Antonio en xuño e aínda teñen a festa gastronómica da Carne o Caldeiro en abril.

A festa da Santa Margarida  en San Xiao de Piñeiro | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

A festa da Santa Margarida en San Xiao de Piñeiro | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

Esta da Santa Margarida celébrase na segunda fin de semana de agosto, no amplo campo da festa que rodea ao centro social da parroquia, este ano nunha única xornada, coa actuación da orquestra Panorama co seu escenario completo, Disco Pirámide XL e DJ Marcos Quintana na verbena. Pola mañá, houbo misa solemne cantada polo párroco José Catanga, axudado polo grupo Os Sin Son Ghaiteiros, que tamén participaron na procesión, coas imaxes da Santa e da Inmaculada ao redor do templo, e despois ofreceron un concerto na sesión vermú, no que ao igual ca en toda a xornada estoupou abundante fogo.

A festa da Santa Margarida  en San Xiao de Piñeiro | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

A festa da Santa Margarida en San Xiao de Piñeiro | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

Piñeiro é unha pequena parroquia na que moran uns 140 habitantes, repartidos nos lugares de Besteiros, O Campo, Castramonde, Castracastriño, O Castro, Cuíña, O Monte, Portapiñeiro e Santifoga. A principios deste século tiña uns 400 habitantes, case os mesmos ca en 1849 cando andaba polos 420, segundo refire Pascual Madoz no seu Dicionario.

A festa da Santa Margarida  en San Xiao de Piñeiro | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

A festa da Santa Margarida en San Xiao de Piñeiro | ÁLEX NEGREIRA / DANIEL G. ALÉN

A igrexa parroquial ten a fachada e espadana barrocas, logo de varias reformas e ampliacións, a última principios do século XX. Poida que fora románica na sua orixe, xa que aparece mencionada en documentos do mosteiro de Carboeiro, e daquel antigo templo se aproveitaran as doelas do arco triunfal e a pía bautismal. Da vella igrexa conserva unha inscrición nun perpiaño, reutilizado na fachada, que refire: JHS. ESTA OBRA HIZO A SU CARGO LORENZO MOSQUERA POR SU DEVOCION. AÑO 1632. A SU COSTA, segundo puidemos ollar grazas a unha fotogrametría que lle fixo o noso colaborador Álex Negreira, o mesmo que outro gravado tamén na fachada, que ten esculpidos símbolos relixiosos. Preto da igrexa parroquial, nunha cativa praza, hai un cruceiro sen imaxes e ao pé do río Deza, esquecido e abandonado, fica o manancial coñecido como A Fonte Santa, que anos atrás era moi concorrida polos devotos.

No interior, o retablo neoclásico, presidido pola imaxe patrón San Xiao nun camarín, co Sagrado Corazón e a Inmaculada a ambos lados, e un relevo do Divino Salvador, no cume. Fóra do retablo están as das virxes do Rosario e do Carme, e nas nas furnas laterais, sen retablo, as de San Roque, Santa Margarida e Santo Antonio nas repisas, así como un Cristo crucificado pendurado da parede.

Pazo de Carricoba

Na arquitectura civil da parroquia destaca o pazo de Carricoba, con escudo, portalón, grande pombal e unha capela medio derruída e sen culto dende hai décadas. Pertenceu á familia Mondragón, que figura no escudo de armas que conserva o pazo. No Catastro de Ensenada de 1753, parte das terras desta parroquia e da veciña de Lamela pertencían á xurisdición do Couto de Piñeiro, do Marqués de Santa Cruz de Ribadulla, outra parte a Joseph de Valenzuela e unha terceira a Gonzalo del Villar; e tamén tiñan aquí rendas e dereitos, ao igual ca nas veciñas parroquias de Lamela, Orazo -entón pertencentes á xurisdición de Cira e provincia de Santiago-, o Conde de Altamira, o Cabido de Santiago, os párrocos titulares e algúns podentes burgueses. Sen ter brasón, pero con feituras de pazo, destaca a casa señorial de Fociños en Marcón, con grande cheminea e lareira, capela que aínda conserva o retablo, hórreo de catro claros, pombal e xardíns con árbores ornamentais, entre elas un piñeiro, de onde saen as ramas que se bendicen na romaría do San Marcos de Lamela.

A parroquia de Piñeiro é unha das poucas de Deza que ten dous castros no seu territorio. Son os coñecidos como Pena do Castrelo, boa parte del ocupado por modernas construcións, e mesmo o campo da festa, e o Coto do Castro, a orelas do regato Cervañiño, que aínda conserva boa parte da croa e as primitivas defensas. Neles téñense atopado algúns muíños de man e pezas cerámicas de útiles e ferramentas da prehistoria, deixando na tradición oral moitas lendas de mouros, tesouros e contos.

Polo lugar do Monte, trazouse o Camiño de Santiago, cara a Dornelas, coidamos que erroneamente, por canto debería ir atravesando a parroquia de Lamela cara a Castrovite, pero como isto vai de festas, non semella atinado vir a discutilo aquí.

TEMAS

Tracking Pixel Contents