Tribuna libre
A Estrada que non pode resignarse

A Estrada que non pode resignarse
Sindo Vilamaior
Hai algo peor ca un concello que perde habitantes, que deixa deteriorar o seu patrimonio ou que se acostuma a convivir coa sucidade, cos problemas do comercio e cunha vila cada vez máis dura e menos amable. Hai algo peor: que a cidadanía acabe pensando que nada disto pode cambiar.
Ese é, ao meu entender, un dos problemas máis serios da Estrada despois de tantos anos de goberno do Partido Popular. Non é unha obra concreta que non se fixo nin unha promesa determinada que quedou polo camiño. É unha especie de cansazo colectivo, unha sensación de que as cousas son así porque sempre foron así e de que, ao final, pouco importa quen pregunte, quen propoña ou quen reclame.
O PP local contribuíu bastante a crear ese ambiente.
Durante anos construíu un relato segundo o cal gobernar significa facer cousas e a oposición, pouco menos que molestar. Eles traballan; os demais falamos. Eles xestionan; os demais facemos política. E, cando se repite durante tempo suficiente, acaba instalándose unha caricatura bastante cómoda: unha oposición composta por unha especie de tropa vaga, pouco útil e sempre disposta a criticar aquilo que outros fan.
Ten incluso un punto simpático, de compañeirismo mal entendido, cando se repite entre bromas nos plenos ou nas comisións. O problema é que detrás da broma hai unha concepción bastante pobre da democracia.
Nós facemos política que para iso fomos elixidos.
Facer unha pregunta sobre unha obra, presentar unha moción, pedir un expediente, denunciar unha deficiencia ou propoñer unha alternativa non é perder o tempo. É exactamente o traballo que a cidadanía lle encargou á oposición. E cando un goberno trata sistematicamente ese traballo como unha molestia, non está desprezando só a quen ocupa circunstancialmente unha cadeira no Pleno. Está degradando os propios órganos institucionais e o respecto que merecen as persoas que foron elixidas para formar parte deles.
Hai momentos nos que parece que o Concello se entende máis como unha prolongación do goberno ca como unha institución de todos.
E isto importa porque explica moitas outras cousas.
Explica que poidamos levar anos falando da Torre de Guimarei, da Ponte de Liñares ou doutros elementos do noso patrimonio e que sempre haxa unha actuación pendente, unha competencia doutra administración ou unha subvención que aínda non chegou. Explica que se anuncien melloras no Punto Limpo mentres continúan as queixas, que se prepare a súa contorna antes dunha visita institucional e que algo tan elemental como a ausencia de auga corrente non pareza merecer a mesma campaña de comunicación.
Explica tamén unha maneira de entender a vila.
Facemos prazas, poñemos terrazas, renovamos pavimentos e logo descubrimos que no verán hai lugares que parecen auténticos secarrales porque durante anos confundimos urbanizar con cubrir de pedra. Queremos actividade nas rúas, naturalmente. Queremos hostalaría, comercio e xente paseando. Pero tamén queremos árbores, sombra, bancos, espazos habitables e unha vila preparada para unhas temperaturas que xa non son as de hai vinte anos.
Algo parecido sucede co comercio local e coa Praza de Abastos. Levamos tanto tempo falando de dinamización que a palabra corre o risco de quedar baleira. Un mercado municipal non se recupera só rehabilitando un edificio, igual que un comercio non sobrevive porque unha vez ao ano fagamos unha campaña de bonos. Require unha política comercial, unha relación coa produción local, actividade continuada e unha idea de vila que queira conservar comercio nas súas rúas.
E o rural?
O rural aparece demasiadas veces no debate municipal reducido a pistas, rozas, saneamento e obras menores. Todo iso é necesario, claro. Pero se esa é toda a política rural, entón estamos condenados a administrar o declive.
A Estrada non é unha vila rodeada de parroquias. A Estrada é tamén as súas parroquias, as explotacións, os montes, as traídas veciñais, os camiños, as casas, os centros sociais, o patrimonio, os vellos e vellas que viven soas e a xente nova que se pregunta se pode facer alí un proxecto de vida.
A crise demográfica non se entende desde a Praza do Concello. Enténdese percorrendo o territorio.
Enténdese vendo casas pechadas, lugares onde cada vez hai menos nenos, explotacións que desaparecen cando chega a xubilación e parroquias nas que cada servizo que se perde fai un pouco máis difícil que alguén decida quedar.
E aí aparece unha das maiores trampas do abandono rural: primeiro pérdese poboación, despois recórtanse servizos porque hai pouca poboación e, finalmente, a falta de servizos convértese nun motivo máis para marchar.
Iso non se pode asumir como unha lei natural.
Tampouco se pode responder con sentimentalismo. O rural non necesita que ninguén o idealice nin que cada catro anos se descubra a súa importancia. Necesita auga, servizos, comunicacións, apoio á actividade agrogandeira, atención ás persoas maiores, conectividade e unha relación moito máis directa entre o Concello e as parroquias.
Os problemas de abastecemento que aparecen nos períodos de seca son un bo exemplo. Hai unha realidade de traídas veciñais, captacións e pequenos depósitos que non se pode xestionar só cando falla a auga. Cómpre coñecela, anticiparse e traballar coas comunidades de usuarios. O mesmo pasa cos montes: non poden aparecer na política municipal unicamente cando hai incendios ou cando toca arranxar unha pista.
Un concello con tantas parroquias non pode gobernarse esperando a que os problemas cheguen ao despacho.
E despois están aqueles asuntos que parece que nunca chegan a ser urxentes dabondo: os vertidos, a limpeza, o rueiro franquista, os servizos públicos, a falta de Policía Local durante determinadas horas, as parroquias, o patrimonio que se deteriora lentamente.
Nunca acontece nada suficientemente grave para mudar o rumbo. Sempre hai unha explicación razoable para non facelo agora.
Non quero dicir con isto que o goberno municipal non traballe. Sería absurdo. Traballa, executa obras, consegue subvencións e presta servizos. Tampouco quero negar que haxa concelleiros do PP cos que se pode falar, discrepar e mesmo chegar a acordos. A política municipal ten tamén esa dimensión humana e sería un erro perdela.
O problema é que despois de tantos anos gobernando seguimos demasiado instalados nunha política de mantemento. Unha política que sabe administrar o presente pero que poucas veces se atreve a discutir o futuro, e A Estrada necesita discutir o futuro.
Porque perde e envellece poboación. Porque cada persoa nova que marcha non é unha estatística, senón unha vida que se desenvolverá noutro lugar. Porque cruzar a barreira dos vinte mil habitantes cara arriba ou cara abaixo non pode depender dunha campaña para empadroar persoas durante unhas semanas.
A crise demográfica non se resolve apelando á emotividade. Resólvese facendo da Estrada un lugar no que unha persoa queira quedar, traballar, abrir un negocio, criar os seus fillos ou simplemente vivir, tanto na vila como nunha parroquia.
A emotividade ten o seu lugar na política. As homenaxes, os recoñecementos, a memoria das persoas que construíron este concello son necesarias. Pero tamén aquí hai que ser prudentes. A emoción non pode converterse nun substituto da política nin nun recurso electoral permanente. Gobernar non é conseguir que unha fotografía emocione durante vinte e catro horas. Gobernar é tomar decisións cuxos resultados talvez non poidan inaugurarse antes das seguintes eleccións. Iso é o que boto en falta.
Máis dirección.e máis horizonte.
Non se trata de facer unha lista de todo o que está mal. A oposición tamén pode caer nesa comodidade e sería igualmente pobre. Trátase de preguntarnos por que unha parte da cidadanía deixou de esperar grandes cambios da política municipal.
Ese desalento é perigoso.
É perigoso cando a xente pensa que todos son iguais. Cando un Pleno municipal parece un trámite. Cando unha moción se rexeita porque vén da oposición e reaparece meses despois convertida en iniciativa do goberno. Cando a discrepancia se presenta como crispación e a crítica como unha forma de deslealdade ao concello.
Unha democracia local necesita un goberno forte, pero tamén unha oposición respectada. Necesita debate, contradición, control e alternativas. Non porque os concelleiros merezamos ningún privilexio especial, senón porque detrás de cada un hai votos e cidadáns que teñen exactamente o mesmo dereito a seren representados ca os que apoiaron ao goberno.
Ás veces o PP parece esquecer isto baixo unha capa de paternalismo político: deixádenos facer, que nós sabemos como funciona isto.
O Concello non é do PP. Tampouco será do BNG se algún día gobernamos. É da Estrada.
E quizais esa sexa a primeira mudanza que precisamos: recuperar a idea de que nada está escrito, que gobernar durante moitos anos non outorga ningún dereito de propiedade sobre unha institución e que a alternancia, o debate e mesmo o conflito democrático non son problemas que haxa que evitar. Son precisamente o que mantén vivas as institucións.
A Estrada non necesita unha revolución retórica, senon deixar de conformarse.
Necesita pasar dunha política que conserva a outra que transforma; dunha política que reacciona a outra que planifica; dunha vila e dun rural que demasiadas veces avanzan por carrís separados a un concello que se pense como un territorio enteiro.
E, sobre todo, necesita recuperar unha cousa que se perde con demasiada facilidade: a sensación de que cambiar as cousas aínda é posible.
- Iago Rodríguez, el ourensano que repartió pizzas para pagarse la licencia de piloto y ahora protege los montes gallegos desde el cielo
- El joven ourensano Pablo Freire conquista su segunda medalla de oro consecutiva en la Olimpiada Iberoamericana de Matemática
- Vigo registra la mayor tasa de ingresos con covid de Galicia tras más que duplicarse en una semana
- Un amplio dispositivo policial frena el intento de suicidio de un joven en el puente de Rande
- El rural ourensano revive: un concello de 550 habitantes busca reabrir su escuela tras 17 años cerrada
- Abal: «La Diputación contraprograma A Defensa da Vila con Carlos Núnez en Aldán»
- Protestas en el IES de Teis por la eliminación de horas para el mantenimiento del equipo informático
- Nuevo hito a la vista en Vigo con la nueva grada de Gol, con el objetivo de estrenarla en el derbi: ya está todo preparado para empezar a «teñirla» de azul