Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festa do Gaiteiro de Soutelo | David Bellas García Pregoeiro da Festa do Gaiteiro de Soutelo

«A gaita aínda segue sendo un xogo e tamén unha forma de descubrimento»

O gaiteiro vive o nomeamento como Pregoeiro de Soutelo con honra e responsabilidade

David Bellas, gaiteiro, compositor e profesor de gaita no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.

David Bellas, gaiteiro, compositor e profesor de gaita no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. / Carlos Fotógrafos

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Forcarei

David Bellas García (Viveiro, 1985) é gaiteiro, compositor e docente. Comezou coa gaita en 1995, da man de Xan Barcón, e desenvolveu unha ampla traxectoria artística e académica. Profesor no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, tamén crea material didáctico e obras para gaita. O 22 de agosto será o Pregoeiro da Festa do Gaiteiro de Soutelo.

Que significa para vostede ser Pregoeiro da Festa do Gaiteiro de Soutelo?

É un recoñecemento que agradezo profundamente, pero tamén unha responsabilidade. O Gaiteiro de Soutelo é unha icona do imaxinario colectivo da gaita e hai que estar á altura do que representa.

Que importancia ten hoxe Avelino Cachafeiro?

É unha figura moi poliédrica. Para o gran público pode quedar reducida á Muiñeira de Chantada, pero detrás hai moitísima profundidade: as gravacións de 1928, o seu labor como poeta e pintor e as súas relacións con figuras fundamentais da cultura do seu tempo. Tamén achegou novidades interpretativas que hoxe damos por normais.

Como se relacionan Avelino e a riqueza musical da Terra de Montes?

Creo que se retroalimentan. Avelino e Soutelo son inseparables da riqueza musical da Terra de Montes, pero esa riqueza tamén explica a súa figura. El conseguiu elevar unha tradición máis vinculada ao ámbito rural e levala a outros contextos.

«O nomeamento supón un recoñecemento ao meu labor, pero tamén unha responsabilidade»

Vostede sempre tivo claro que quería ser músico?

Si. Non tiña claro que fose ser gaiteiro, porque estudei outros instrumentos, pero sabía que a miña paixón era a música. Quería que fose tamén o meu medio de vida e, aínda que non o fose, seguiría facendo o mesmo. É unha necesidade.

Como mudou o ensino da gaita desde que vostede comezou?

Mudou moito. A primeira etapa estaba baseada moitas veces na transmisión oral e no desenvolvemento auditivo. Era parecido a aprender a falar: primeiro falas e despois aprendes a escribir. Coa entrada nos conservatorios chegou unha formación máis sistemática, pero tamén se perdeu parte desa naturalidade.

david bellas pregoeiro festa gaiteiro soutelo

David Bellas será o pregoeiro da Festa do Gaiteiro de Soutelo. / Carlos Fotógrafos

Hai conflito entre a tradición e o ámbito académico?

Non necesariamente. O importante é establecer relacións entre ambos. A gaita é un instrumento con características propias, pero tamén é un medio para chegar a un fin. Son as persoas que a utilizan as que determinan ata onde pode chegar.

Onde sitúa o límite entre tradición e innovación?

O límite está nas persoas que fan a música. Interésame como os instrumentos poden incorporarse ás músicas de vangarda e como os compositores poden adoptar unha linguaxe propia. A gaita tamén ten posibilidades dentro deses novos contextos.

Por que decidiu crear material didáctico?

Porque detectei carencias. Había material básico para quen comeza e tamén material moi complexo, pero faltaba moitas veces o camiño intermedio. Necesitaba recursos que permitisen desenvolver un estudo sistemático e facilitar a aprendizaxe.

«Cando se estandariza algo, sempre se perde unha parte da naturalidade»

Que sente cando un rapaz ou unha rapaza chega ás súas aulas para aprender gaita?

É un momento de descubrimento e unha sorte. Hoxe teñen moitas posibilidades e facilidades para acceder a actividades e coñecementos diferentes. Que decidan interesarse pola gaita e pola nosa cultura é moi satisfactorio.

Como ve o futuro da música popular?

Creo que vai seguir viva, aínda que mudará profundamente. A música sempre cambia e xa vemos como a tradición se mestura con outros xéneros. Non debemos pensar que vai desaparecer: simplemente será diferente.

Se alguén que nunca escoitou unha gaita lle pedise demostrar todo o que pode facer o instrumento, que lle tocaría?

Sen dúbida, a Muiñeira de Chantada. É unha icona popular e unha das pezas máis coñecidas e representativas. Ademais, ten unha dualidade que non está só no ámbito da gaita, senón na música en xeral, como tamén sucede no Himno Galego coa relación entre menor e maior. Creo que ten moito desa propia idiosincrasia galega.

Que segue motivándoo despois de tantos anos coa gaita?

A gaita segue sendo para min un xogo e unha forma de descubrimento. Gústame preguntarme que podo atopar, que podo facer que non se vise antes ou por onde podo levar o instrumento. Descubrir as súas posibilidades segue sendo moi emocionante.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents