Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Evento musical

Lalín acolle a primeira edición da Foliada Folclórica impulsada pola agrupación cultural Randela

O evento será o 5 de setembro na Alameda do Auditorio e combinará música tradicional, improvisación e o concerto final de Pelica de Can

Membros de Randela xunto á concelleira de Cultura Begoña Blanco na presentación da I Foliada Folclórica de Lalín.

Membros de Randela xunto á concelleira de Cultura Begoña Blanco na presentación da I Foliada Folclórica de Lalín. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lalín

O Centro de Interpretación da Cultura Tradicional Randela ven de presentar a primeira edición da Foliada Folclórica de Lalín, un proxecto cultural novidoso que nace co claro obxectivo de poñer en valor e dinamizar a música, o baile e a cultura tradicional galega en Lalín. A cita celebrarase o próximo 5 de setembro na Alameda do Auditorio, configurándose como un espazo de encontro aberto para asociacións, agrupacións e amantes da tradición.

A creación deste evento responde á inquietude dun grupo xoven de amigos, amantes da cultura galega e que se agrupan en Randela. Tal e como explica Aaron Rodríguez, integrante da asociación:«En Lalín fai moitísimo tempo que non se fai nada de esto, é dicir unha foliada de verdade. Temos preto, por exemplo, Couso en A Estrada que é unha foliada nas que a xente únese, vai alí e tocamos todos xuntos. Nós buscamos crear un ambiente familiar e hai case un ano nos plantexamos a posibilidade de organizar unha. Puxémonos a mirar datas, e vimos que en setembro é unha época na que hai moi pouca foliada. É o remate do verán, e parece que quedan escasas as actividades neste aspecto. Entón decidimos lanzarnos».

O proceso de organización contou coa implicación de diversos colectivos da contorna. Para esta primeira edición confirmaron a súa presenza os grupos Repenicando, Xirandola, Carballo da Manteiga, Pandereteiras de Gresande, Os Trasnos de Doade, Os Xuncos, Acordeóns de Lalín e a formación de Taboada Rechouchios, ademais do propio grupo de Randela.

A organización quixo ir un paso máis aló dunha foliada tradicional e programou un concerto especial para o peche da xornada. «Queríamos facer unha foliada un pouco diferente, e meterlle algo ao final do serán, co que a xente puidera disfrutar, así que pensamos na idea dun concerto. Contactamos con grupos e ao final falamos con Pelica de Can, que é unha agrupación formada por Marcos Campos, Ernesto Campos e Leni Pérez, e cadrounos perfecto», explicou Aaron Rodríguez.

A elección do lugar tampouco foi casual. Despois de barallar outras alternativas como a Carballeira do Rodo, a organización decidiuse pola Alameda do Auditorio de Lalín debido ás súas vantaxes loxísticas e de espazo para o baile.

O recinto contará con diferentes zonas adaptadas para acoller aos asistentes, unha de concerto, onde actuarán tódalas agrupacións convidadas e o grupo Pelica de Can, un espazo de bar e bebidas, xunto con iniciativas de merchandising conmemorativo que se irán revelando segundo se achegue a data e un photocall, pensado para que o público poida levar un recordo gráfico do evento.

Ademais, desde Randela subliñan que o evento está aberto tanto a músicos coma a calqueira persoa que desexe achegarse a pasar o día, aínda que non poidan participar activamente tocando. O espírito que impulsa esta asociación, que leva dous anos de andaina, baséase na paixón compartida pola música: «A agrupación xurdiu dun grupo de amigos ao que nos encanta isto. Cando vas contento a tocar cos teus amigos os venres e os sábados, tírate para adiante», manifestaba Aaron Rodríguez, quen tamén deu conta das outras actividades que realizan dentro de Randela. «Temos unha sección de instrumental, que sería pandeireta, tambor, bombo e gaita. Este ano tamén fixemos clases de teatro, e agora temos canto con pandeireta e baile. Hai días que somos 40 na clase».

Para este evento contan coa colaboración do Concello de Lalín. A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, amosou o firme apoio do consistorio a esta iniciativa encabezada pola mocidade, destacando a traxectoria e solvencia dos membros de Randela. «É todo xente nova, e con esta iniciativa, paréceme unha idea xenial. Randela é unha asociación de recente creación, pero todos os membros teñen unha vagaxe por detrás de xa moitos anos relacionados co tema cultural, e tradicional galego», afirmou a edil.

Blanco tamén puxo en valor o formato particular que terá esta foliada en comparación cos seráns institucionais: «Esta iniciativa busca diferenciarse do resto dos seráns. E é que aínda que dende o Concello organízase un, é moi distinto porque son actuacións que van pautadas ao milímetro, e aquí o que se busca, mediante o movemento asociativo de Randela, é case unha xuntanza de amigos e de xente que se queira achegar. Buscan un ambiente festeiro de improvisación».

Desde o Concello confirmouse que se colaborará achegando as infraestruturas necesarias e estudaranse vías de apoio para futuras edicións, co fin de consolidar este evento dentro da axenda cultural e potenciar a chegada de grandes concertos á zona.

Tracking Pixel Contents