Etnografía
Arte, cereal e identidade na Festa da Malla en Doade
O evento combinará o vindeiro 22 de agosto o carrexo de mollos, a exhibición das cinco técnicas históricas de malla, o recoñecemento as mellores indumentarias de época, un xantar popular e o acompañamento músical co décimo segundo Serán

A concelleira de Cultura Begoña Blanco, xunto a membros da organización da Festa da Malla de Doade. / Bernabé / Javier Lalín
Lalín prepárase para acoller unha das citas etnográficas máis importantes de toda Galicia: a vixésimo sétima edición da Festa da Malla Tradicional de Doade. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2022, este evento non só supón unha viaxe nostálxica ao pasado agrícola, senón tamén un vivo exemplo de traballo en equipo, cohesión social e defensa activa da nosa identidade cultural.
Este xoves tivo lugar a presentación de esta cita, na que estivo presente a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, que subliñou a relevancia pedagóxica e emocional da cita, especialmente nun contexto onde as novas xeracións adoitan estar afastadas do medio rural. «A través desta festa dámoslle a oportunidade á xente máis nova de que poida ver como se facían eses traballos antes. Moitos soamente teñen esta oportunidade porque algunhas persoas nin teñen avós na aldea, nin outro xeito de ver como se facían os traballos antes, como se esforzaban e que ben o pasaban. Todo vai da man, con ese traballo en equipo que agora temos tan abandonado e que con esta cita se demostra todo o contrario», destacou a concelleira.
Pola súa banda, Manolo Blanco, un dos piares fundamentais da organización, fixo fincapé na fidelización histórica da recreación e no reto crucial do relevo xeracional. Segundo apunta, este ano redobráronse os esforzos para involucrar activamente a rapazada. «A malla é sempre igual e sempre distinta, igual que calquera festa. Hai lixeiras variantes, pero o groso é sempre o mesmo, porque non podemos desviarnos do guion se queremos reproducir un feito histórico. Unha das cousas máis importantes que estamos a facer é involucrar á xente nova. Nós temos 15 ou 20 persoas novas traballando. É importantísimo o relevo xeracional e creo que o temos, aínda que é moi difícil conseguilo», sinalou Blanco.
As actividades arrancarán o xoves 20 de agosto coa inauguración da VI Mostra de Arte da Malla. No plano artístico, o pintor colombiano afincado en Lalín Carlos Santos destacou a proxección que adquiriu o certame: «Este ano hai 13 participantes e vai haber escultura, fotografía, pintura e técnica mixta. Nesta edición participan dous países: Colombia e El Salvador».
A festa vivirá o seu día grande o sábado 22 de agosto cunha programación intensa que comezará ás 12:00 horas coa apertura da mostra de artesanía, maquinaria e pintura, un espazo que dará paso ao tradicional e vistoso carrexo dos mollos. Un dos pratos fortes da xornada será a exhibición das cinco modalidades históricas de malla, onde se poderá ver en acción a malla á pedra, con males, a malladoira manual, de motor e de tractor, amosando a evolución técnica destas labores agrícolas.
A xornada tamén premiará a implicación dos asistentes a través do concurso de indumentaria de época, no que se recoñecerá aos participantes mellor vestidos co traxe tradicional, sendo este o único requisito indispensable para sumarse á recreación.
A música e a gastronomia terán un papel protagónico: a ambientación correrá a cargo da charanga Os Atrevidos de A Estrada, previo ao tradicional xantar popular baixo carpa.
Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, dará comezo o 12º Serán da Malla, que contará coa participación de múltiples agrupacións folclóricas da zona e o agardado concerto do grupo Os Carecos de Ortegal, poñendo o broche de ouro a esta xornada de cultura e tradición.
A transmisión oral e o coñecemento técnico das vellas ferramentas teñen en Maximino Míguez un testemuño excepcional tras máis de 25 anos de colaboración. «Isto é unha tradición que, mentres eu viva, vou pretender que non se perda. Todo isto forma parte do noso pasado, e é importante porque non empezamos da nada», comentaba Míguez.
E como ben resume Avelino Jácome, o fondo da celebración vai moito máis alá dunha mera escenificación estética: «Se o valor do pobo se pode asentar en algo, é na súa tradición. A malla representa moitas cousas, o que fomos, pero tamén ten que representar o que queremos ser.» Con preto de 700 mollos segados e un dobre aproveitamento do cereal para cubrir a casa castrexa, Doade convértese un ano máis no centro da tradición etnógrafa.
- El convento de Vilavella vuelve a la vida: GBC Hoteles invierte casi 10 millones para convertir el edificio del siglo XVI en un complejo hotelero con spa
- Detenido un conductor de madrugada por saltar por las escaleras de Joaquín Loriga en una persecución policial
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Volotea cancela la venta de 32 rutas para este invierno
- El germen de un icono futbolístico y urbanístico de Vigo
- Lalín dijo sí a sus dos primeras novias
- Evacuado un marinero por un accidente a bordo de un palangrero a 15 millas al oeste de las Cíes
- El calor se ceba con Cíes y Ons: cinco urgencias atendidas en menos de media hora en el Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia