Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

tribuna aberta

5.000 euros: pagar para morrer

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

ariadna fernández gonzález*

A vaca que atendemos el e eu traballando xuntos e acompasados tiña hipocalcemia. Leva un bo anaco resolver, sobre todo porque a soroterapia intravenosa non é rápida e nese tempo da para falar, especialmente se é domingo pola mañá e estás á sombra dos carballos. Os ritmos da fin de semana tamén son algo diferentes nas explotacións. Non era seu o animal, quen me atendeu era un empregado que quedara no sitio dos xefes, que foran descansar á praia uns días.

As conversas a pé de vaca e co bote de calcio na man son de todo tipo, que que tal a familia, que que tal o traballo novo do fillo, que se a neta vai empezar este ano á escola...mais este domingo a conversa foi das máis duras que tiven en 11 anos de traballo como veterinaria.

Pagou 5000 euros que aforrou para subirse a un caiuco. Tiña 19 anos e dixo que non lle tivera medo a morrer, que vivir “alá” xa era estar morto e que quería ter unha oportunidade. Non dúas nin tres, unha. Xuntou ese diñeiro sendo cociñeiro en Marrocos, sendo repartidor e sendo o que puido mentres malviviu alí. Entregou o morico de cartos e subiu á lancha de plástico, un adolescente que botou a vida no mar e que non temía a nada máis que a non chegar. Non sabe nadar, non ten nin idea e levoulle tres días baixar en costa española.

Non podo imaxinarme a min mesma, con 19 anos alí. Con esa idade eu estaba estudando en Lugo e divertíndome os xoves coas miñas compañeiras. Iso facía eu mentres el estaba no medio do mar, sen saber nadar, ardendo de calor e cos víveres tasados para non morrer de sede. Son contrapostas as dúas opcións: morrer de sede ou afogado, todo se vive nos caiucos e todo vai de auga.

É rideiro, mais falou con tristeza das imaxes dos nenos e nenas agardando nas filas por axuda, dos “seus” botándose ao mar e dos afogados. Máis de 140 persoas mortas que parecen non importarlle a ninguén. Non hai que ser grande filósofo nin pensador para matinar nesa xente por enriba de calquera outra cousa. Pensar nos nosos fillos, nas nosas nais, nas nosas curmás botándose ao mar por pillar unha oportunidade, nin dúas nin tres, unha.

E se fósemos nós?

O peor é que noutro formato, xa o fomos.

*Deputada autonómica do BNG.

Tracking Pixel Contents