Homenaxe
90 anos dos asasinatos de Francisco Arca e Secundino Bugallo

Pedre acolle un ano máis unha homenaxe no lugar onde Arca e Bugallo foron fusilados. |
Adrián Coto Couceiro
A ditadura fascista do xeneral Franco deixounos como herdanza a coñecida “ruptura pactada”, ese acordo entre o réxime e a grande maioría da súa oposición, que permitiu que a cúpula franquista puidera seguir sendo elite na democracia, coa grande ironía que supuxo que algúns dos pais da democracia foran destacados franquistas.
A “loubada” Transición foi apuntalada por unha versión historiográfica dominante que falaba dun reparto de culpabilidade, describindo a guerra como “unha guerra entre irmáns”. Seguir equiparando a responsabilidade dos dous bandos foi unha maneira de continuar coa represión.
No momento actual, ollamos como se normaliza un discurso neofranquista que avanza en tódolos ámbitos, e que xa ameaza desenfreado coa derrogación da Lei da Memoria Democrática no caso de que se materialice o tándem Feijóo-Abascal como futuro goberno do Estado. É imprescindible seguir dando a coñecer a verdade da nosa historia recente para frear ese revisionismo ultradereitista que vai conquistando institucións, medios de prensa e redes sociais; e que constitúe unha ameaza real para a convivenza democrática.
Aínda que durante a Guerra Civil en Galiza non se produciu unha fronte de batalla, estímase que houbo entre 5000 e 7000 persoas mortas no noso país por represión directa só nos primeiros meses despois do golpe fascista de xullo do 1936.
Socialización do terror
Os sublevados sabían moi ben que os efectos do terror só existen se se publicitaban adecuadamente os seus resultados, de ahí a razón dos fusilamentos nas cunetas dos cruces de camiños ou estradas importantes. Nunha área tan dispersa como Galiza isto era clave para facer visible o terror.
O vindeiro 13 de agosto, o colectivo A Lumieira da Terra de Montes organizará de novo a homenaxe a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, cando se cumpren 90 anos das súas torturas e salvaxes asasinatos por parte de membros da Falanxe na cuneta do quilómetro 74 da antiga estrada entre Pontevedra e Ourense. Fontes do colectivo A Lumieira describen para O Salto os asasinatos da Ponte do Barco coma exemplos paradigmáticos da macabra estratexia fascista de socialización do terror.
Francisco e Secundino eran canteiros de profesión, e foron dirixentes da Sociedade de Agricultores “El Trabajo” de Figueiroa, ligada ao sindicato CNT e que formaba parte da Federación de Agricultores e Obreiros de Cerdedo, con sede na Casa do Pobo de Deán.
Secundino Bugallo xogou un papel clave na xénese de Izquierda Republicana no concello de Cerdedo, formación política que fará unha defensa activa dos obreiros da bisbarra encarcelados por participar en actos de solidaridade coa folga xeral revolucionaria de outubro do 34.
Francisco Arca, xunto co seu fillo e outros veciños, foi condenado a catro meses de cadea por irromper a misa do Xoves Santo na igrexa de Figueiroa (Cerdedo-Cotobabade), para defender a vontade dunha parte significativa dos veciños da parroquia ante as prácticas corruptas e a intrasixencia do crego, que se opuña a que as persoas que manifestaran un certa conciencia crítica durante a sú vida foran enterradas no camposanto parroquial, así como á construcción dun cemiterio laico.
Unha vez se produciu a sublevación fascista, Secundino Bugallo e Francisco Arca uníronse ao comité de emerxencia de Cerdedo que defendeu a legalidade dun goberno elexido democraticamente, chegando incluso a plantarlle fronte na ponte Valoutas á Garda Civil que se dirixía coa idea de prender aos representantes locais republicanos. Como consecuencia deste enfrontamento, algunhas persoas son detidas e outras teñen que agocharse nos montes da zona para ser apresadas días despois.
Este foi o caso de Secundino e Francisco que foron recluidos no cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Na noite do 12 ao 13 de agosto, os dous canteiros van a ser sacados do cuartel por un grupo de falanxistas e levados até as proximidades da Ponte do Barco, na parroquia de Pedre. Alí van ser brutalmente torturados e asasinados polos paramilitares fascistas. Os seus corpos mutilados van ser abandoados na cuneta, para seren descubertos na mañá do 13 de agosto polos viaxeiros do coche de liña, entre as que se atopaba a muller de Francisco, que se dirixía a Pontevedra na procura de novas sobre o seu home.
José Bugallo Lois, un dos fillos de Secundino, tivo que ir recoller os corpos nun carro de vacas e o crego de San Martiño de Figueiroa non permitiu que foran soterrados no cemiterio da súa parroquia, víndose obrigados a darlles sepultura nunha fosa común en Pedre, máis fóra tamén do recinto do camposanto.
Outro dos fillos de Secundino, Gerardo Bugallo Lois, igualmente sindicalista, estivo recluido no cuartel co seu pai, e salvou a vida no último momento. Foi mobilizado á forza polo bando fascista para loitar na Batalla do Ebro. En abril do 39, unha vez rematada a guerra, regresaba á casa nun tren que fixo parada en León. Ao ser recoñecido na estación por un dos falanxistas que participara nos asasinatos da Ponte do Barco, éste non dubidou en matalo, disparándolle polas costas.
Pola súa parte, o fillo de Francisco, Rogelio Arca Rivas, igualmente canteiro de profesión, atopábase en Madrid cando se produciu o golpe de estado, alistándose na primeira Columna Confederal que se organizou para defender a capital do Estado ante as avanzadillas dos mercenarios do exército franquista que chegaban pola Serra de Gredos. Posteriormente, a súa columna foi reconvertida na 39 Brigada Mixta que combateu até decembro do 36 na fronte de Aragón. Dita compañía regresou a Madrid ese Nadal para desfrutar duns días de descanso, e o día 21 de decembro de 1936, foille comunicada a Rogelio a nova do vil asasinato do seu pai durante o almorzo que compartía cos seu compañeiros na pensión onde estaban aloxados.
Rogelio tamén foi quen, xunto cos seus compañeiros de unidade e ás Brigadas Internacionais, de conter a embestida fascista durante a Batalla do Jarama, salvando a súa vida de milagre en máis dunha ocasión. Seguiu loitando pola defensa da legalidade republicana en diversas frontes ata o 29 de marzo de 1939, cando foi finalmente capturado na localidade turolense de Camarena de la Sierra, para ser trasladado e confinado en terribles condicións de hacinamento nunha Praza de Touros de Teruel convertida en campo de concentración.
Unha vez saiu de alí, foi integrado nun batallón disciplinario e recluido nos calabozos do cuartel de Lugo ata que lle foi considerada como condonada a súa pena. De volta na casa, tivo que cargar cunha realidade de escarnio e exclusión social nun Cerdedo asolagado polo terror franquista.
Represión contra as mulleres
Nun contexto onde un catolicismo integrista pasou a dominar cada recuncho da vida diaria, exercendo un control sobre a sociedade que sería a envexa de calquera outro rexime totalitario de partido único, as mulleres de Francisco Arca e Secundino Bugallo foron víctimas de continuas vexacións. Víanse obrigadas a vivir baixo un clima de coerción constante que pretendía estigmatizalas diante da súa comunidade, tratando de convertelas nun exemplo a evitar para o resto da veciñanza.
Como resultaba habitual, a represión para as familias non rematou cos seus terribles asasinatos. Filomena Lois Iglesias, a muller de Secundino, tiña que enfrontarse a miúdo a situacións de presión por parte dos falanxistas que trataban de transmitirlle a sensación de que estaba baixo vixilancia. Filomena evitaba baixar ao pobo de Cerdedo, onde por exemplo non podía ir á farmacia, e recordaba tamén a desfeita que deixaron na súa casa os paramilitares franquistas cando foran alí requisar as armas do seu home xa morto. Unha cuñada de Filomena Lois, Victorina, foi rapada polos falanxistas nun muíño da aldea. Estaba casada cun irmán de Secundino que, ante as ameazas franquistas, se viu obrigado a marchar a Estados Unidos para endexamais voltar á súa terra. Como xa non podían coller ao seu home, Victorina foi o branco das represalias.
Homenaxe
O colectivo A Lumieira da Terra de Montes, tomando o relevo doutras asociacións locais como a pioneira neste eido Verbo Xido, anima a participar na homenaxe a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias hoxe ás 20:00 h na Casa do Pobo de Pedre (Cerdedo-Cotobade), nun acto con micro aberto, recitais, música tradicional e ofrenda floral.
Suscríbete para seguir leyendo
- Crimen en Ponteareas: detenido un hombre por presuntamente matar a su madre octogenaria
- Una joven denuncia una agresión sexual en Vigo por parte de cinco hombres
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- Investigan la muerte de un hombre de 47 años tras precipitarse de un quinto piso en Baiona
- Eduardo Vieira Montenegro, el niño de la Ribeira nº 33
- «El Vigo Vertical será muy importante en 2027, haremos unas rampas desde el estadio de Balaídos a la rotonda del barco en Coia»
- La Xunta exige a Bueu la devolución de los 700.000 euros del pabellón de Beluso y el Concello está dispuesto a llegar a los tribunales
- Dimite el asesor de Rafa Domínguez en la Diputación de Pontevedra a raíz de su polémico vídeo en TikTok