Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recoñecemento

Forcarei decide recuperar a Medalla do Gaiteiro de Soutelo

Avelino Alberte Fírvida e Francisco Alberte Fírvida, a título póstumo, Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García serán recoñecidos na edición deste ano

David Raposeiras, entregando a medalla a Manuel Fraga en 2010. | FIRMA

David Raposeiras, entregando a medalla a Manuel Fraga en 2010. | FIRMA / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Forcarei

O Concello de Forcarei celebrou onte un Pleno Extraordinario no que se abordou a recuperación da Medalla do Gaiteiro de Soutelo e a proposta de concesión das distincións correspondentes ao ano 2026, nunha iniciativa coa que o goberno municipal pretende recuperar un recoñecemento histórico ligado á música tradicional galega e á figura de Avelino Cachafeiro, O Gaiteiro de Soutelo.

Con motivo da recuperación da distinción, para a edición de 2026 propóñense catro persoas cuxas traxectorias están especialmente relacionadas coa figura do Gaiteiro de Soutelo e coa conservación do patrimonio musical da comarca. Avelino Alberte Fírvida recibirá a medalla a título póstumo polo seu papel na recuperación da tradición gaiteira en Soutelo de Montes e pola formación de novas xeracións de músicos, mentres que Francisco Alberte Fírvida, tamén a título póstumo, será recoñecido pola súa traxectoria musical e polo seu compromiso coa conservación da memoria de Avelino Cachafeiro, especialmente pola doazón ao Concello do mural Voando cas aas da vida.

A terceira medalla será para Xosé Manuel Rivas Troitiño, polo seu traballo pioneiro de investigación e divulgación sobre Avelino Cachafeiro e, en particular, pola publicación de O gaiteiro de Soutelo, unha expresión da cultura popular, considerada unha obra fundamental para coñecer a vida e a traxectoria do músico. Finalmente, Rubén Troitiño García será distinguido polo seu labor continuado na investigación, recuperación e divulgación da historia musical da Terra de Montes, así como polo proxecto Músicas da Terra de Montes e pola súa implicación na Festa do Gaiteiro de Soutelo.

Medallas con historia

A Medalla do Gaiteiro de Soutelo foi creada para distinguir persoas, colectivos e institucións que contribuíron de maneira destacada á difusión, promoción e posta en valor da música tradicional galega, especialmente no ámbito da gaita. A distinción concediuse en diferentes edicións entre os anos 2002 e 2011 e entre os seus recoñecidos figuran nomes como Wenceslao Cabezas del Toro “Polo”, Manuel Fraga, Antón Corral, Xosé Manuel Seivane, Milladoiro ou Carlos Núñez, así como diversas institucións e entidades vinculadas á cultura galega.

Tras varios anos sen concederse, o Concello considera necesario recuperar a medalla como un instrumento para recoñecer o traballo desenvolvido en ámbitos como a interpretación musical, a formación, a investigación, a conservación da memoria e a divulgación da cultura tradicional. A iniciativa pretende, ademais, reforzar o papel de Soutelo de Montes como referente da música tradicional galega e manter vivo o legado de Avelino Cachafeiro e a súa vinculación coa Terra de Montes.

A recuperación da Medalla do Gaiteiro de Soutelo supón desta maneira o inicio dunha nova etapa para unha distinción que o Concello de Forcarei quere consolidar como un referente dentro da cultura tradicional galega, recoñecendo o compromiso de persoas e entidades que contribúen a preservar e transmitir ás novas xeracións o legado de Avelino Cachafeiro e a riqueza do patrimonio musical da Terra de Montes.

O PSOE, a favor

O PSOE doy o voto favorable a esta proposta. "Estando o goberno socialista propuxemos e exerceron de pregoiros Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García, polo que é unha maravilla que se recoñeza o traballo dos promotores da figura de Avelino Cachafeiro e aos sobriños falecidos Avelino e Francisco Alberte Fírvida", afirmou Verónica Pichel. "Facémolo porque entendemos que a concesión da Medalla do Gaiteiro de Soutelo 2026 é, ante todo, un acto de recoñecemento e de xustiza con persoas que contribuíron á nosa cultura, á nosa música e á defensa das nosas tradicións". "Queremos destacar especialmente o recoñecemento a Avelino Alberte Firvida e Francisco Alberte Firvida, a título póstumo, así como a Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García, polos méritos que constan no expediente".

"Para nós é importante que este recoñecemento se faga e que se recupere a Medalla do Gaiteiro de Soutelo como unha distinción vinculada á nosa identidade cultural e á figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, unha das figuras máis importantes da cultura musical do Concello de Forcarei e de Galicia". "E tamén queremos lembrar que esta recuperación non nace hoxe. Durante o mandato do goberno socialista, despois de que Belén Cachafeiro como alcaldesa suprimira no ano 2012 a Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, xa se asumíu e traballou na recuperación desta distinción e na posta en valor da Festa do Gaiteiro, porque sempre consideramos que a cultura, a tradición e o patrimonio de Forcarei deben ser unha prioridade para calquera goberno municipal. Por iso, entendemos que hoxe non é momento de diferenzas políticas. É momento de recoñecer ás persoas que o merecen e de facer xustiza coa nosa historia".

BNG

Dende o BNG pola súa parte, seguen "apostando por que esta festa entre dentro do circuito de festivais de Galicia e solicitamos unha vez máis que se aposte por ela como dinamizador do vran en Soutelo, en todo o concello e como referente para que a banda de gaitas do concello de Forcarei poida ser a anfitriona dun gran festival". "Dada a deixadez vista na alcaldía, esiximos que este ano cando menos se leve a cabo unha festa con actuacións con renome no panorama musical tradicional galego e os músicos do noso concello mantendo unha festa que merece un mellor trato".

Tracking Pixel Contents