Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Empresa Ferro

O autobús que uniu pobos

Jesús Ferro Rey, emigrante retornado de Campo Lameiro, puxo en marcha unha empresa de transporte que comunicou Codeseda e Pontevedra. A concesión chegou en 1925 e permitiu trasladar viaxeiros, correo e mercadorías. A liña, con diferentes propietarios, mantívose ata hoxe como servizo esencial para numerosas parroquias

O ómnibus PO-3977 da Empresa Ferro.

O ómnibus PO-3977 da Empresa Ferro. / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Luís Manuel Ferro Pego e José Luís Rubianes Ferro

A Estrada

Jesús Ferro Rey era un home culto e estudiado para a época. Fora nado na parroquia de Lamas (Moraña) no nadal do ano 1867 e á idade de 22 anos, no 1889, casou con Flora Cerviño Crestar, muller que fora nada en Campo Lameiro, no colo dun casal con forte vencello na Arxentina.

A parella, con azos de progreso, coida das poucas oportunidades que naquel tempo a Galicia tiña e ao gallo diso, deciden emigrar cara Arxentina; opción lóxica por mor de ser un país de fala española, onde había e hai milleiros de galegos, e os Cerviño de Campo Lameiro alicerce xa tiñan, e mais algúns Ferro adiantáranselles tamén.

Decídense ficar na capital onde xa vivían dous tíos de Jesús e montan unha pensión para acoller a veciños e paisanos no número 906 da rúa Bolívar, na capital Bos Aires.

Jesús Ferro Rey

Jesús Ferro Rey. / cedida

Co decorrer dos anos e despois de arrecadar algo de prata, deciden voltar para a súa querida Galicia.

A querencia que ao lugar téñenlle, no que viñeran ao mundo, failles mercar unha casa en Campo Lameiro, no lugar da Lagoa, onde abren unha casa de comidas.

Neste mesmo lugar, no ano 1909, o Jesús aparece exercendo o cargo de axente executivo da Axencia do Campo Lameiro, como rexengo das contribucións, arrecadando impostos.

Dinos a Gaceta de Madrid nº 228 de agosto de 1909 na súa páx. 415: «D. Jesús Ferro Rey, sita en la parroquia del Campo Lameiro, lugar de Lagoa, donde se halla establecida la Agencia……»

O casal tivo unha decena de fillos e, como era adoito na época, os homes cursaron estudos superiores; as mulleres non, mais casaron ben.

Un dos fillos, chamado José Ferro Cerviño, fixera Maxisterio en Pontevedra e, en xaneiro de 1916, fora destinado como mestre, con praza en propiedade, á escola de Codeseda. Alén diso, axudaba moito a seu pai, tanto no negocio familiar como noutras funcións. Naquel tempo, logo da capital do Concello, Codeseda era a parroquia mais poboada da Estrada, e a sua feira abranguía xentes dos veciños concellos de Forcarei, Cerdedo Cuntis, Silleda etc. Tal foi a forza que Codeseda daquela tiña que mesmo dispuña de servicio de teléfono.

José Ferro Cerviño casou cunha boa moza da veciña das Quintas, chamada Generosa Cortes Otero, en Codeseda, onde se achega toda a familia que procedía de Moraña e tamén de Campo Lameiro para celebralo.

empresa ferro autobús codeseda pontevedra

Autobús de Empresa Ferro. / FDV_Externas

Co paso dos anos, seu pai, vendo a distancia que había de Campo Lameiro a Codeseda, como bo empresario, baralla, proxecta e mais arxela o establecemento dunha liña regular de autobuses de viaxeiros para fornecer as poboacións dende Codeseda ata Pontevedra. Xa no ano de 1920 funcionaba a empresa aínda que non de xeito regular, e prestábase dun Renault modelo 12/22 HP e matrícula PO-3977. O vehículo era daquel mesmo ano de 1920, carrozado como ómnibus e que daquela foi un vehículo comercial clásico do tempo de entreguerras. Alicerzábase nos chasis de potencia fiscal de 12 a 22 cabalos da marca francesa, amañados para transporte público lixero ou mesmo servicio de correo. A fiabilidade da máquina non era a dos tempos de hoxe, e no agromar do ano 1921 ficoulles parado e non deu servizo nun par de días. As máquinas téñenlles tamén as súas teimas.

Mais logo, o empresario comezou coas primeiras xestións e no ano 1925 consegue amañar que aquel primeiro ómnibus trocase nunha liña regular de viaxeiros de Codeseda a Pontevedra baixo o alcume comercial de Empresa Ferro. E así pódese ler na Gaceta de Madrid nº 279 de 1925: «Habiendo sido otorgada definitivamente la concesión, con exclusiva, para el transporte del correo y viajeros y mercancías en la línea de Pontevedra a Codeseda, a favor de D. Jesús Ferro Rey, vecino de Campo Lameiro, la que comenzará a regir desde el día 1 de octubre próximo. Se hace público por medio del presente anuncio cumplimentando lo dispuesto en el artículo 50 del Reglamento de aplicación del Real decreto de 4 de julio de 1924. Pontevedra 26 de septiembre de 1925. El Secretario- Antonio Romero.»

O traxecto fornecido pola compañía descrébese a seguir: Codeseda – Souto – Cequeril – Campo Lameiro (onde se facía unha parada duns vinte minutos) – Fraguas – Xeve – Pontevedra.

Este home vertolán tiña moi boa sona entre a veciñanza, pois, ao conseguir unir os pobos do interior entre Codeseda e Pontevedra, fixo que os habitantes dos lugares non se sentiran abandoados, o ter a dispor un medio de transporte por moi pouco diñeiro. E non só consegue transportar as persoas, senón que tamén estaba autorizado a levar o correo e tiña a concesión das mercadorías.

O empresario do Campo Lameiro Jesús Ferro Rey finou no ano 1928, exercendo o honorable cargo de Xuíz de Paz do xulgado do Campo Lameiro.

Da compañía Empresa Ferro fixéronse cargo os seus fillos, José, Jesús e Honorio Ferro Cerviño ata rematar os anos corenta. E foi o mais novo dos irmáns, Honorio, quen ficou coa sociedade cando no agromar dos anos 50 os seus irmáns vendéronlle as súas participacións.

empresa ferro autobús codeseda pontevedra

Irmáns Ferro Cerviño. / FDV_Externas

Pasado un tempo Honorio solicita ao concello da Estrada permiso para que a liña salga da vila. Esta liña seguiu estando operativa con este nome ata o ano 1953, no que a Empresa Ferro pasa a mans da compañía Auto Industrial con arraigo ourensán. Eis que mudou a empresa mais non o eito, xa que esta liña regular de viaxeiros segue na actualidade, pois no ano 1955 a Empresa Cuiña mercou esta liña e consigue que a saída se faga desde a súa base en Bandeira (Silleda). O seu percurso, na actualidade, é o seguinte: Bandeira – Chapa – Rellas – S. Sebastián – Foxo – Outeiro – Callobre – A Estrada – Guimarei – Consolación – Nigoi – Codeseda – Souto – Cequeril – Campo Lameiro – Fraguas – Xeve – Pontevedra.

empresa ferro autobús codeseda pontevedra

Honorio Ferro Cerviño. / FDV_Externas

Deste xeito e grazas á espreita de futuro e á capacidade de desenvolver o proxecto que tiña Jesús Ferro Rey, todos os siareiros das parroquias destes pobos teñen unha comodidade para os seus desprazamentos ata a capital da Provincia sen necesidade de ter vehículo propio ou depender doutras persoas.

Unha lembraza merecente para un industrial afouto que contribuíu, como outros de tantos esquecidos, cos seus azos e folgos ao desenvolvemento da Galicia interior.

*Luís Manuel Ferro Pego e José Luís Rubianes Ferro son investigadores locales.

Tracking Pixel Contents