Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Jose Garrido Torres Xerente de Tequexetéldere

«Vimos que todo o traballo e a ilusión de tantos anos pagaron a pena»

«Cando rematamos houbo abrazos, bicos, saltos e mesmo bágoas, porque levabamos moito tempo esperando ese momento»

Os integrantes de Tequexetéldere, antes de partir de volta cara Galicia.

Os integrantes de Tequexetéldere, antes de partir de volta cara Galicia.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

A agrupación Tequexetéldere regresou onte A Estrada despois da súa participación no Festival Intercéltico de Lorient. Acaban de regresar de Lorient, pero isto empezou moito antes.

Acaban de regresar de Lorient, pero isto empezou hai moito tempo. Lembra cando comezaron a falar por primeira vez da posibilidade de ir?

Isto levaba falándose practicamente toda a vida. Eu levo once anos no grupo e xa daquela se falaba de Lorient, porque no 2012 xa se falara da posibilidade de volver. Ao final, era unha aspiración que tiñamos aí: para unha agrupación de baile de Galicia, poder ir a Lorient é algo moi especial. É probablemente o maior espectáculo celta que hai e apetecíanos poder vivir esa experiencia polo menos unha vez.

Era, polo tanto, un obxectivo que intentaban cada ano?

Si. Desde hai anos, cando se abre o período de candidaturas, máis ou menos no mes de outubro, sempre presentabamos a nosa. Estes dous últimos anos tamén fomos preparando a candidatura máis ou menos no mesmo formato. Ao final trátase dunha solicitude formal na que te ofreces como representante para entrar no proceso de selección. Envías información sobre a agrupación, o currículo actualizado, as actuacións realizadas durante o último ano, fotografías, vídeos, ligazóns a internet... Achegas toda a información posible para que a organización poida valorar cada candidatura.

E que considera que cambiou este ano para que finalmente os escolleran?

A verdade é que non o sabemos exactamente. É un criterio da organización e supoño que tamén ten que ver coa necesidade de ir rotando e dando oportunidades a diferentes agrupacións. Hai moitas agrupacións que traballan para manter vivo o folclore, as recollidas, a etnografía e toda esa tradición, e penso que tamén valoran ese traballo continuado.

Unha vez recibida a confirmación, comezou un longo período de preparación. Como foi o traballo previo?

Nós soubemos a principios de ano que iamos ir e inmediatamente establecemos un plan de ensaios. O primeiro foi confirmar cantas persoas podiamos participar, porque no noso grupo non dispoñiamos de quince bailaríns homes. Tivemos a colaboración dalgún compañeiro doutras agrupacións veciñas, persoas que xa actuaran con nós no pasado ou que tiñan algunha relación co grupo, e así puidemos formar un grupo de quince parellas. Comezamos a ensaiar en xaneiro no pavillón de Figueroa e estivemos alí ata finais de xuño. Cando tivemos máis dispoñibilidade nos pavillóns do Coto Ferreiro e nos anexos, pasamos a ensaiar alí, porque o chan nos viña moito mellor para traballar, especialmente polas rodillas e as articulacións, e ademais en Figueroa facía moita calor.

Prepararon algo específico para Lorient ou levaron o traballo que xa facían habitualmente?

Preparamos bailes e montaxes novas pensando no festival. Despois estaba o pase que se facía no estadio, dentro dun espectáculo de varias horas no que ían pasando todas as delegacións. Cando chegaba o turno de Galicia, arrancaba a Banda de Gaitas de Calo con dúas pezas e, a continuación, entrabamos nós cunha peza de baile duns catro minutos e medio, mesturando o noso corpo instrumental e o grupo de pandeiretas. Ao final, entre as dúas agrupacións, estabamos no escenario arredor de quince minutos ou incluso menos.

É moi pouco tempo de actuación para todo o traballo que hai detrás.

Si, pero precisamente por iso o importante é que saia perfecto. Ao principio tes os nervios, esa sensación de «non podemos facelo mal», de que ten que saír todo moi ben. E tivemos a sorte de que a primeira noite no estadio foi máxica: saíunos clavada. É a actuación que temos subida a YouTube e saímos de alí moi contentos. Non só por vivilo no escenario e pasalo ben, senón porque saber que che sae ben diante de tanta xente e nun lugar así é moi especial. Ademais, esas gravacións quedan, e se hai un erro tamén vai quedar. A nivel técnico, como agrupación, non queres que quede unha actuación na que haxa algo que reprochar, como unha apertura mal feita ou alguén que baixou os brazos cando non debía.

E ademais é un traballo colectivo.

Claro. Somos 28 persoas no baile e ten que saír ben para todos. Se unha persoa se equivoca, non é que nos perxudique directamente, pero xa non sae ben para o conxunto. Por iso houbo moito traballo. Sobre todo no último mes e medio, xa non faciamos un ensaio á semana, senón varios. O corpo instrumental e o grupo de pandeiretas tamén tiñan os seus ensaios específicos e, ademais, facíamos os ensaios xerais conxuntos. Non era só montar o baile, senón facer toda a adaptación musical e preparar actuacións de ata cincuenta minutos, nas que chegabamos a facer entre trece e dezaseis pases no escenario, combinando música e baile. Houbo moito traballo por parte de todas as seccións.

Como foi a experiencia desde o punto de vista físico? O calor e o ritmo do festival fixérono especialmente esixente?

Ao final estamos acostumados a actuar con temperaturas altas. Nos últimos anos estivemos en lugares como Don Benito, Daimiel ou Segovia, bailando no verán con temperaturas de 38 graos. En Lorient creo que non chegamos a pasar dos 30 graos bailando ningún día. Si que houbo momentos complicados pola humidade, especialmente nunha das carpas principais, onde pasamos bastante calor. Pero tiñamos auga, íamos hidratándonos e, sobre todo, saías a bailar e pasábao ben. Ademais, nos pases nos que participaban seis ou oito parellas quedaban outras seis ou sete sen bailar, polo que podiamos repartir bastante ben o esforzo. Non é o mesmo que ir oito parellas a un festival e ter que facer corenta minutos seguidos. Aquí eramos quince parellas e podiamos dosificar, o que permitía tamén bailar cada peza, especialmente a parte final, coa mesma forza e intensidade.

Dá a impresión de que, ademais do esforzo, o desfrutaron moito.

Moito. Eu creo que nunca desfrutamos tanto bailando. As actuacións eran unha festa: había risas, saía un, entraba outro... e, ao mesmo tempo, estabamos facendo as cousas ben. Tanto a delegación galega como os responsables do festival transmitíronnos que quedaran encantados, tanto polo nivel das actuacións como polo noso comportamento. Para nós foi moi positivo e quedamos moi satisfeitos, porque sentimos que todo o traballo e toda a ilusión que puxeramos nisto pagaran a pena.

Supuxo tamén unha importante carga emocional.

Si. O primeiro día eu dicíalles aos rapaces que tiña que saír ben e que, se saía mal, tampouco pasaba nada: quizais significaría que non era o momento de vir ou que aínda non estabamos preparados para algo así. Pero despois vimos que si, que realmente podiamos facelo. Tiñamos nervios e moitísima emoción, pero no momento de bailar saíu todo ben. Despois, ao saír do escenario, houbo abrazos, bicos, xente saltando e chorando... Foi unha experiencia con moitísimo compoñente emotivo.

Como foi a convivencia dunha expedición tan diversa?

Foi moi boa. Había unha diferenza de idades importante: persoas de corenta e tantos anos, menores de idade, xente de vinte e poucos... Tiñamos un pouco de todo. E, con todo, fomos unha piña e pasámolo moi ben. A min, persoalmente, fíxoseme curto.

É unha experiencia que queda para sempre, especialmente porque non é doado repetir unha participación así.

Claro. Non é algo ao que poidas aspirar cada pouco tempo. Se unha agrupación vai a Lorient, a seguinte oportunidade pode tardar moitos anos. Nós esperamos que non teñamos que agardar outros catorce anos, que foi aproximadamente o tempo que pasou desde a anterior participación de agrupacións galegas da nosa contorna, pero tamén entendemos que hai moitas agrupacións que queren ir. Nós sabemos que non imos volver tan pronto.

Pero deixaron aberta a porta a volver presentar a candidatura.

Por suposto. De feito, cando regresamos demos as grazas aos nosos guías, á delegación e ao propio festival, e deixamos claro que estamos abertos a volver. Se dentro duns anos temos a opción, presentaremos de novo a candidatura porque, loxicamente, queremos volver. Pero entendemos que hai moitas agrupacións de baile con nome e historia que tamén merecen ir, e mesmo agrupacións que xa participaron e poden querer regresar. Así que haberá que agardar o que toque.

E mentres tanto, quedan outros festivais e outras oportunidades.

Si. Hai moitos festivais internacionais e nacionais aos que podemos acudir. Pero o de Lorient ten algo especial polo ambiente, pola atmosfera e polo nome que ten. No mundo celta e do folclore é un referente e, ao final, todo o mundo quere estar alí polo menos unha vez. Para nós, poder conseguilo foi cumprir unha aspiración que levabamos mantendo durante moitos anos.

Tracking Pixel Contents