Dúas décadas de labor
“Andrómenas e Credos”, a biblia mitolóxica da Terra de Montes
Calros Solla conxuga nun volume de máis de mil páxinas a mitoloxía popular da comarca de Terra de Montes. O libro xa vai pola segunda edición
Ana Acuña
O libro «Andrómenas e credos. Suma mitolóxica de Cerdedo e Montes» (Ed. Morgante, 2026) escolma 18 ensaios do profesor e etnógrafo Calros Solla editados entre 2002 e 2025. Máis de dúas décadas dando á luz un rico patrimonio material e inmaterial para ofrecérnolo como un don e tres décadas recollendo tódolos saberes baixo o maxisterio do aletófilo e 'preguntón' Sarmento. Así o recoñece o autor:
«Cando no alborecer da década dos noventa, principiei o meu labor de recolleita e estudo do patrimonio cultural de Cerdedo (Pontevedra), impulsábanme o sentimento de pertenza –Cerdedo é berce dos meus antepasados– e a prédica exemplar do Padre Sarmento».

Imposición do san Bernabé. |
Entendemos (e non deixa de abraiarnos) que, para o autor, «tras anos de camiñadas, escoita paciente, gorentosas experiencias e non poucas contrariedades, o Seixo é (...) o achádego que lle dá sentido a unha vida». De feito, Calros Solla localiza na súa infancia moitos dos fitos dese achádego que inclúe nas «Andrómenas e credos»: aos seis anos (1977) vive o Entroido cerdedés, aos dez (1981) asiste a un velorio tradicional e sobe a costa da Galgareta e aos once (1982) ten noticia do Capitán Gosende. Da mesma maneira que se datan estes ritos de paso no persoal, tamén se sitúa o comezo das experiencias colectivas na Terra de Montes nas que activamente participou ou participa o autor: Verbo Xido (2001-2013), Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca (2007-2009) e Capitán Gosende (2012 ata a actualidade). Dentro de cada un deses colectivos Carlos Solla iniciou feitos e camiños inmorrentes, á parte dos seus libros: Roteiro Sarmento (2002); Roteiro da Montaña Máxica –descuberta de Portalén– (2002-05): máis de 5.300 visitantes guiados; Roteiro da Pantalla (2011): a feliz idea de conxugar a rolda noiteva da Pantalla (Santa Compaña) coa Noite de Defuntos xerou, en catorce anos, innúmeras analoxías por todo o país; Roteiro polo Pedre milenario –descuberta da aldea vella de Vichocuntín– (2013); o roteiro literario do crime de Pardesoa (2013, 2024); o Campo das Laudas (2016); o Salvoconduto de Honra do Capitán Gosende (2017)...

Con Manuela de Barro (Mestra da Memoria, 2013) e Xosé Álvarez. |
Ante tantos anos de traballo arreo, de acumular tanto material etnográfico, arqueolóxico, histórico, antropolóxico..., tanto, que lle «farían falla dúas ou tres vidas para conseguir plasmar (...) todo o saber recadado», quen isto escribe –compañeira de Calros dende os tempos do CUVI– sente vertixe e admiración polo seu compromiso e sacrificio de por vida coa causa de Cerdedo e Terra de Montes (e outras causas).

No Serrapio, escoitando a Irene, a Eliseo e a Luís. |
Ante a inmensidade do seu labor e a posibilidade de múltiples comentarios, quen isto redacta considera acaído un achegamento ás «Andrómenas e credos» dende o marco teórico do posthumanismo e da ecocrítica, nomeadamente dende o perspectivismo amerindio e indíxena.
«Andrómenas e credos» é un compendio de relatos míticos contados e re-creados por Calros Solla pero tamén é un álbum de relatos míticos que a el lle contaron (máis adiante referirémonos ás persoas informantes). Uns e outros conforman unha suma de crenzas e ritos que acaban funcionando como un sistema relixioso e cultural. Estamos ante narrativas que ensinan e internalizan maneiras de vivir para un futuro sostible porque conteñen a sabedoría e o coñecemento empírico e tradicional dun lugar, dun pobo, dunha identidade. Entre este fervedoiro de prodixios podemos distinguir:

A señora Maruxa Varela (Barro de Arén) coa súa pedra da pezoña. | / Cedida
–Textos que abordan a defensa do medio, dos seus recursos naturais e o aproveitamento sostible como garantía de supervivencia. Léase, neste sentido, o relativo a Bento Cadavide e a sombra da árbore.
–Relatos de seres míticos dende os que é posible imaxinar alternativas ecosociais. Referímonos, por exemplo, ao narrado en “Os dragóns da Terra do Medio” (fronte aos dragóns dos tempos modernos: o AVE).
–Contos e cantos populares recollidos en diferentes aldeas e repletos de comentarios eruditos. Un exemplo serían aqueles centrados na morte.
–Recitados que son prácticas ecolóxicas para asegurar o equilibrio e os poderes rexeneradores da Natureza. Léanse as liñas dedicadas aos amuletos, talismáns e pedras da fartura ou as centradas no derradeiro albeite de Cerdedo.
–Relatos históricos coma aquel que narra o xérmolo da loita ecoloxista na Terra de Montes.

En Folgoso, a carón de María da Vrea, Mestra da Memoria 2025. | FDV
Os diferentes textos mostran unha comunidade que inclúe os seres humanos, as plantas, os animais e todo o que vive sobre a Terra. «Andrómenas e credos» demostra o principio fundamental das cosmoloxías dos pobos indíxenas: a imposibilidade de separar os humanos dos non humanos e a atribución de subxectividade, axencia activa e humanidade a todos eles. Mesmo a materia orgánica (pedras, fenómenos meteorolóxicos) se presenta dentro das cosmoloxías indíxenas como persoas sentientes e escientes.
Por tanto, a obra ensaística de Calros Solla podería caracterizarse como zoe-centrada e xeorrelacionada. Zoe-centrada porque nela aparecen animais (ghato Niquitates, Turco da Pilara, cadela Muralla...), insectos (grilos lactófilos, por pór un caso), plantas (botica de ao pé da horta), árbores (senlleiras e non só), virus (mal da moda, mal encónico); xeorrelacionada porque se estudan elementos terrestres coma o chan, os minerais (pedras que saben de nós e pedras de renome), a auga (pozos, lagoas), o aire, a atmosfera (tronos, luminarias)..., é dicir, o medio no seu conxunto.
Fronte a todas as formas de morte (ecocidio, xenocidio, etnocidio) e ao colapso territorial que nos rodea, a escrita de Calros Solla coas súas ecomitoloxías como alternativa ecosocial reconcílianos co mundo, con nós e co retrato do noso país. Escribe o autor:
«Un atinxe sen esforzo o retrato do país: rexos muros sostendo a bóveda celeste (velaí a tradición); no chan, amasillo de trabes, cangos, ripas e tellas (velaí o presente); país cabriolé, país sen capota; un país no que chove máis dentro ca fóra».
Chiscadelas á música e ao cine
Sen que riamos, porque o conto é triste, grazas ás súas maneiras de contar o autor consegue que tamén a nós nos gorenten estas andrómenas ou melindres orais da Terra de Montes narradas cun coidado estilo e con chiscadelas á música, ao cine e á literatura de todos os tempos (dos mouros a Rosalía, da Pantalla a Castelao, de Castrodiz a Otero Espasandín...).

En Xirarga, parolando con Aurelio Ramos, Mestre da Memoria 2021. |
Non queremos rematar sen citar as persoas informantes que foron conformando as narrativas de futuro nas súas distintas tipoloxías. Dende a memoria familiar (Isolina das Raposeiras; Isolina Camiña e Manuel Solla de Abelaíndo) ata os sabios da tribo ou mestres da memoria (Manuela de Barro, Vinicio da Cavadosa, Manuel de Ratel, Arxentina de Carballás, Xosé da Fonte, os Sueiro de Limeres, David Bouzán, Laura de Chamadoira, Francisco Cortizo de Abelaíndo, Xosé Dopeso e Aurelio Ramos de Xirarga, Clarita de Meilide, Tía Pelina da Aldea de Riba, Manuel de Candeloria, Obdulia de María de Barro, Maruxa Varela, Eduardo de Cavenca, Pura Lavandeira, María da Vrea, As Mariñas de Cernados...).
Todos eles e todas elas converteron o autor –e a nós con el– en «morgado dun capital intanxíbel, mais de valor incalculábel», noutro elo na cadea de transmisión do saber tradicional, por iso se ve na obriga «de pór en coñecemento da humanidade todo o que de extraordinario agochan as encostas do Seixo».
As persoas que xa coñecemos esas encostas damos fe; as que non, estamos certas de que ao ler estas «Andrómenas e credos» desexarán chegar ao alto da Abeleira para sentir esa porta dimensional que deslinda o soño da realidade e comezar o Roteiro da Montaña Máxica. Que así sexa.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- La Guardia Civil investiga vertidos durante unos trabajos de reparación de un barco de pasaje en Bueu
- La Guardia Civil logra frenar una estafa de 46.300 euros con criptomonedas a un pontevedrés
- Comprar en el centro de Vigo es tres veces más caro que en la periferia: así están los precios del metro cuadrado por barrios
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Sin consenso en Vigo por Peinador: Abel Caballero insiste en que «solo hay un modelo» y Luisa Sánchez lo acusa de «despreciar» fondos de Diputación y Xunta
- El mosquito tigre se extiende en el área de Vigo: cómo evitar y paliar su persistente picadura
- Un niño alerta al 112 de un incendio en su casa en Vigo mientras su madre intenta apagarlo